Manuel Rivas: «Vivimos a guerra como un espectáculo televisivo»
«As palabras en galego están en perigo de extinción (...), que país do mundo prohíbe como este estudar matemáticas, física e química na súa lingua?», interpelou o escritor galego
A violencia contra a natureza e a muller nutren a estrutura base do último libro de Manuel Rivas, «Tras do ceo», que onte presentou o autor no Club FARO. Ante un atento auditorio, reflexionou sobre como «corremos o perigo de ser banais» á hora de tratar a violencia. Como exemplo, sinalou que «vivimos a guerra como un espectáculo de televisión. Rompeuse o corazón da humanidade».
Presentado por Fran Alonso, director xeral de Xerais; e entrevistado polo xornalista Xan Carballa, recoñeceu que «non son pesimista pero ao escribir esta novela vin como o tánatos ía gañando; o pesimismo fíxome abanear varias veces».
«Tras do ceo» –explicou Fran Alonso no arranque– «é unha novela arrebatadora, inquietante e emotiva que nos fai pensar (...) Diante nosa temos nela unha das mellores novelas da literatura galega da última década».
Coa máxima de Thomas Hobbes de que o home é un lobo para o home, derivada da locución latina homo homini lupus, describiu que a narración de Rivas nos presenta un grupo de cazadores que vai na procura dun xabarín albino ao que acusan de ser maligno.
Nesa xornada na súa busca e ameazada a súa misión a causa da néboa, dan con dúas mulleres que tiveron un accidente. Nun primeiro momento, deciden axudalas.
A conversa entre os dous grupos acaba derivando nun enfrontamento dialéctico ao redor do ecoloxismo e o machismo para, a partir de aí, virar no cambio de rumbo da caza.
A este respecto, no acto, Rivas fixo fincapé na importancia do poder no seu último traballo literario pero non co foco na modalidade política ou económica senón nos micropoderes que ostentan determinados grupos sociais.
«O tema do xénero no libro atravesa a historia e ubícanos nunha situación de anomalía, nunha especie de guerra non declarada pero real sobre a muller e outros sectores máis vulnerables así como sobre a natureza», indicou o intelectual galeguista.
Destacou o escritor que a percusión literaria de guerra no seu texto comeza a notarse cun cambio na expresión verbal de certos personaxes o que conectou coas ensinanzas do reporteiro e creador literario Kapucinski.
«Nesta novela, sinalou, hai un punto de inflexión no que cambia a linguaxe. Kapucinski dicía que albiscaba cando ía haber unha guerra porque mudaba o vocabulario. De repente, a xente empezaba a apuñalar as palabras e dicir cousas que antes non dicía».
Defendeu Rivas que «as palabras son fundamentais» para caracterizar os personaxes. Ao respecto, apuntou que «a linguaxe é un primeiro instrumento de dominación. Aquí, vemos como vai aflorando a linguaxe imperial que non agarda reposta».
O vehículo para facernos chegar esas tensións é a novela negra que, neste caso, Fran Alonso calificou de «radical, salvaxe e de calidade excepcional». O editor indicou que, inda que só leva once días no mercado, a súa versión en galego xa esgotou a primeira edición e nas librarías atopamos a segunda.
No turno de preguntas do público, respondeu sobre a súa decisión de escribir en galego e sobre o retroceso brutal do uso do idioma revelado pola Real Academia Galega onte. «Cando falamos na natureza da extinción, estes procesos de emerxencia trasládanse ao galego. As palabras tamén sofren intoxicación e secuestro; están en perigo de extinción. A civilización, o progreso moral, significa diversidade. Mais en Galicia estamos a asistir a un proceso de retroceso no idioma que será moi difícil despois revertir. Non é porque a xente deserte da lingua; a maioría non ten unha actitude de rexeitamento do galego como antes. A literatura e escribir en galego contribúe á desintoxicación inda que hai unha clara responsabilidade institucional. Que país do mundo prohíbe como este por ley estudar matemáticas, químicas e física na súa lingua? Non podemos sumar en galego? É algo aberrante», criticou o intelectual e xornalista.
«Temos un puxilato entre creación e destrución»
Manuel Rivas indicou «podes ser un covarde pero á hora de escribir hai que ter valentía para meterse en zonas perigosas, escuras, de sombra» para dar pulo á «imaxinación literaria».
O autor tamén desvelou que «hai momentos nos que escribo e sinto un desequilibrio, como estar nunha terra peligrosa» xa que «na vida temos un puxilato permanente entre a excitación creativa e a destrutiva».
Alonso tamén recalcou que Rivas é un escritor emblemático na literatura galega. O seu libro «O lapis do carpinteiro» supera os 100.000 exemplares vendidos en galego, unha contía que mesmo lle custa alcanzar a libros en castelán.
Rivas, pola súa parte, detallou que demorou a entrega desta nova novela porque precisaba antes «pensar» e plasmar esas reflexións en ensaios. En concreto, o resultado foi «Zona a defender» e «Contra todo isto».
- Una familia de Taboada denuncia la desaparición de su hijo de 18 años, que se despidió en las redes
- Despedida de una panadería de Vigo por sisar monedas de las ventas
- Bruno Vila se despide de sus compañeros de los Mozos de Arousa: «Cerrando etapas»
- Renfe cambiará los trenes del Eje Atlántico por otros más lentos y con menos asientos
- Sin pistas del desaparecido tras peinar el Deza en Taboada y el tramo de su casa a la estación
- Antonio Rossi desvela lo ocurrido con la hija de Anabel Pantoja: así fue la cronología de los hechos
- Vigo inaugura la Praza da Policía Nacional
- El Sergas detecta que el 67% de bajas no están justificadas