Fillas de Cassandra asina ‘Cuando nadie ve’, a canción orixinal da película ‘Soy Nevenka’
O filme chegará ás salas españolas este próximo venres

María SOA e María Faro, en San Sebastián, diante do cartel do filme. / FdV
O dúo Fillas de Cassandra publicará este mércores o seu novo sinxelo, “Cuando nadie ve”. O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas nas principais plataformas dixitais, é a canción orixinal creada polo dúo especificamente para a película “Soy Nevenka”, cuxa estrea mundial tivo lugar este pasado sábado no marco da 72º edición do Festival de San Sebastián. O filme, dirixido por Icíar Bollaín, chegará ás salas de cinema este venres 27 de setembro.
“Cuando nadie ve” trátase do debut cinematográfico como autoras de Fillas de Cassandra, ámbito no que Sara Faro e María SOA deron os seus primeiros pasos coa creación da música que fiou a celebración dos XXII Premios Mestre Mateo o pasado mes de marzo –un ano despois da publicación do seu primeiro disco, “Acrópole”–.
O compositor Xavi Font, responsable da banda sonora de “Soy Nevenka”, foi quen falou con Fillas de Cassandra do proxecto, unha proposta aplaudida por Icíar Bollaín, “quen contactou con nós e quen nos deu liberdade absoluta para que desenvolveramos o noso traballo”, sinalan Sara Faro e María SOA.

Portada de "Cuando nadie ve" de Fillas de Cassandra para "Soy Nevenka". / FdV
A canción orixinal do filme naceu da lectura e do estudo do guión da película, asinado pola propia Bollaín e Isa Campo. “Para nós foi moi impactante afondar máis aínda na historia de Nevenka Fernández, tan fiada ao universo e o relato do álbum ‘Acrópole’. A nosa gran preocupación durante o proceso creativo era atopar a voz, a sonoridade, as palabras e as harmonías dunha historia tan potente, mais dun xeito elegante e mesurado, sen caer na revictimización”, di Fillas de Cassandra.
Momentos clave do filme
“Buscamos que a canción fixera referencia a momentos clave da película ou que incluira, dalgún xeito, reminiscencias da mesma. Por iso no retrouso, ao tomar como referencia a súa decisión, lanzamos unha mensaxe esperanzadora (y si me alejan de mí /vengan todas sin callar); ou cando é obvio que todo o mundo do seu arredor observa o que hai e non se pronuncia, dicimos iso de aquí todos miran / pero nadie ve ”, explica o dúo.
“Cuando nadie ve”, producido por Fillas de Cassandra, Mumbai Moon e Greta Ch’aska, tamén incorpora uns versos en galego, nos que se fai referencia directa á negra sombra de Rosalía de Castro, “que tamén persegue a Nevenka”. “I en tódalas partes me buscas / i en todas me nombras / os flashes proxectan a forma dunha negra sombra”, canta o dúo, que na gravación da peza contou coa colaboración de Cibrán Seixo no violín e de Margarida Mariño no violoncello.
“Poñer en música e palabras o que viviu foi unha experiencia moi intensa e cremos que non hai un mellor debut posible para nós no mundo do cinema que sendo parte desta película. Estamos moi agradecidas”, aseveran María SOA e Sara Faro.
O filme de Icíar Bollaín compite na sección oficial pola Concha de Ouro do Festival de San Sebastián.
- Marruecos abre sus aguas a la flota rusa para pescar la sardina que veta a la conserva gallega
- El geriátrico privado rechaza asumir el ingreso del presunto homicida de Lavadores: «Es un riesgo en la convivencia del centro»
- Medio millón de adultos están llamados a colaborar con la ciencia este fin de semana en el hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
- El chalé de O Castro que fue sede del Celta, vendido a una empresa extranjera
- Una víctima del timo del «hijo en apuros» pierde casi 50.000 euros en Vigo
- Los inquilinos «se alejan» del centro en Vigo: los contratos firmados se concentran cada vez más en los barrios
- La espectacular cascada de Galicia que debes visitar este invierno: casi 50 metros de altura en medio de una sencilla ruta de senderismo
- La CNMC multa con 1,2 millones a la viguesa I.C.O.N por golpear el mercado de los productos de peluquería