Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Seis libros ven á luz cada día en Galicia

As editoriais loitan contra a merma na oferta de papel

As novas tecnoloxías permiten a impresión a demanda: que che preparen un libro só para ti

O ordenador está a varrer as ilustracións con técnicas tradicionais das obras

Xosé Manuel Soutullo (e) e Marcos Calveiro, en Galaxia.

Xosé Manuel Soutullo (e) e Marcos Calveiro, en Galaxia. / Adrián Irago

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Se quixeramos ler todos os libros publicados en Galicia cada ano, sería imposible. Tocaría a seis ao día ata rematar o ano con 2.213 títulos en galego e castelán. Que unha desas obras chegue ás nosas mans é un proceso complexo que comeza na cabeza, pasa por moitas mesas así como por múltiples cuestións.

 ‘A mesa dun editor non pode estar ordeada e cando non hai libros amoreados, malo”, sinala Marcos Calveiro (de Galaxia) para parafrasear a Manuel Bragado, ex director xeral de Xerais e un dos referentes galegos históricos da edición.

Calveiro, director de Edicións en Galaxia, explica que cada ano poden chegar ao redor de 300 orixinais á editorial –incluídos os que se presentan aos seus concursos literarios– co soño de chegar aos lectores.

A primeira criba que pasan é analizar se a temática entra nas liñas editoriais da firma. Os que salvan esta barreira pasarán o escrutinio de Calveiro e outras persoas da empresa pero tamén de xente allea. Esta última, para cousas puntuais e que requiren ollos expertos, por exemplo, nun autor determinado de Filosofía.

Marcos Calveiro explícao acompañado de Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Galaxia. Están reunidos en Vigo, na sede da editorial, na sala onde fan as reunións determinanantes. Soutullo deixa claro que ter un libro editado con anterioridade “non é garantía para que lle publiquemos outro de xeito automático”.

“Imos abrir unha liña de audiolibros. Vai haber unha colección de deseño de lectura fácil para xente con problemas”

Deses preto de 30 títulos que aspiran ao ano a entrar no catálogo de Galaxia, só uns o conseguen en papel. A maiores, saen libros en formato E-PUB. A maiores, para o ano, incorporarán un formato novo. “Imos abrir unha liña de audiolibros. Vai haber unha colección de deseño de lectura fácil para xente con problemas”, adianta Calveiro.

No caso de Galaxia a cocción dun título, despois da lectura e se esta esperta interese, segue cun diálogo coa autora ou autor “para achegarlles suxestións como que darlle máis importancia a un personaxe”.

Aí entra en xogo a “flexibilidade” do escritor ou escritora para acoller as propostas. “Nós imos sacar dous libros despois do verán cos que levo traballando un ano porque é a primeira novela que publican estas autoras. Mandaron o seu borrador, traballamos sobre el; fíxenlles recomendacións de cambios, de lecturas... Traballaron sobre o manuscrito e realizaron unhas cinco ou seis versións. Outras veces, o libro chega rematado e pechado só pendente dunha revisión ortotipográfica ou cuestións puntuais de estilo”, detalla Calveiro.

Para el, o oficio do editor ideal é cando “estás co autor reescribindo, pero con 120 títulos ao ano, ese traballo é imposible. Eu son escritor e agora non escribo. Ese proceso de recomendarlle a alguén que faga cambios no seu traballo literario gústame tanto como escribir unha novela se a persoa é receptiva”.

Soutullo recalca que a xestación dun libro é algo “opaca. Moi pouca xente a coñece. Algunhas persoas cren que unha editorial é unha imprenta á que chega o autor e de forma automática prepáranlle o libro. Realmente o proceso é participativo. Comezamos co editor e seguimos cos correctores, o maquetador, a persoa que fai o deseño da cuberta. Despois está a impresión (que pode alongarse un mes ou se hai urxencia, 15 días), encadernación e comercialización”.

Reunión editorial en Kalandraka

Reunión editorial en Kalandraka / FDV

Un elemento fundamental é o papel, que no seu caso tira máis cara a cor crema lonxe dun branco absoluto para non molestar os ollos. Asegura Soutullo que “o mercado do papel –procedente sobre todo de Finlandia– variou unha barbaridade nestes últimos 30 anos. Antes, viñan por aquí cun catálogo de papeis para que escolleras. Iso desapareceu. Agora, a oferta de tipos reduciuse moito. A raíz da pandemia, os prezos ademais aumentaron por riba do 40%”.

Mais o paso do tempo tamén acarrea melloras. As novas tecnoloxías de impresión dixital permiten reedicións que antes serían imposibles. “Antes, para reeditar, tiñas que imprimir 1.000 exemplares que podían durar 10 anos, o que ocasionaba problemas de stock no almacén. Agora, coa impresión dixital que mellorou moito e xa non é unha chafallada, podemos imprimir libros de 50 en 50. Desta maneira, o catálogo vivo de libros é maior, comenta Soutullo.

A editorial, ademais, ofrece a posibilidade da impresión á demanda. “Para libros específicos de ensaio, por exemplo, podes imprimir o libro para ti. A través da web, elixes o título, aínda que non están todos disponibles para esta posibilidade. Significa que che impriman un libro adhoc para ti que pode permitirnos abrir fronteiras”, aclara Soutullo.

En todo este proceso de creación, a elaboración e elección das portadas é fundamental. No caso de Galaxia, é a editorial a que escolle, con pregunta de cortesía á autora.

A complicación chega cando propoñen catro ou cinco para un mesmo título. É un modus operandi da creadora Luz Beloso quen tamén realiza ilustracións para páxinas interiores.

Luz Beloso, a traballar nas vacacións.

Luz Beloso, a traballar nas vacacións. / L.B.

De vacacións en Cádiz, está estes días mesmo na praia traballando nun proxecto para o ano vindeiro. Recoñece que ten chamado a autores cos que ten confianza de noite e falar con eles varias horas de madrugada por dúbidas sobre un libro.

No seu caso, para preparar as ilustracións, investiga primeiro: “Fago moitas fotos, por exemplo, de plantas ou doutras referencias visuais.Recordo que hai anos fixen un álbum sobre unha mosca. Cansei de debuxar moitas repelentes para despois preparar unha amable para que os nenos e nenas lle coñan cariño. Trala fase de investigación, chegan os bosquexos nos que fas uns borradores con conceptos e ideas. Normalmente, fago cousas sinxelas e ás veces vou preguntado ao autor que pensa”.

Botar area da praia á pintura acrílica para experimentar nun libro para nenos

Beloso (que asinou as ilustracións de “A historia de Sara”, “Non te amola1”, “Instrucións para ler este libro”) relata que ten feito proxectos como “O soño de Esther” no que, no álbum ilustrado, podes “apreciar a area da praia onde estaba eu traballando. Decidín mesturalo co acrílico para ver que pasaba e funcionou. Gústame moito estar ao aire libre”.

O que máis odian os ilustradores é traballar con pouco tempo, cun mes ou menos para facer un traballo.“Se o encargo ten présa, levo os bosquexos de lápiz ao soporte dixital. Isto permíteche mudar cousas se cho pide a editorial. Se o fas coa técnica tradicional, cambiar elementos supón volver empezar e se non tes tempo... A técnica tradicional resérvoa para os meus proxectos, nos que non hai urxencia. Por exemplo, o álbum ilustrado para adultos ‘Folla vermella’ está realizado cun grafito nunha superficie preparada con xeso con diferentes texturas. Despois, iso escanéalo e maquétalo cun programa. Isto pasa cando traballas sen prazos”, sinala a autora.

Ese xeito tradicional é polo que tamén aposta o ilustrador Federico Fernández, que traballou nos últimos anos de xeito especial con Kalandraka para álbumes ilustrados infantiles. O autor garda como diamantes en pano os bosquexos dos seus libros: papeis de diversos tamaños cos debuxos iniciais que despois se converteron en libros como “Balea”, “Verme”, “Aurelio” ou “Chibos Chibóns”, entre outros.

Federico Fernández ábrenos as portas do seu estudio

Marta G. Brea (imagen) / Sara Dorado (edición)

No seu caso, renuncia a que o debuxo estea desenvolvido por ordenador e en pouco tempo. El defende o proceso feito a man, mesmo pintado a acuarela e témpera. “Debuxo moito na libreta”, defende mentres ensina os personaxes primixenios que serviron de embrións para os seus libros.

“Traballo moito o bosquexo e despois vou escollendo o que me vai gustando. Hai elementos que collo para o libro mentres que outros quedan só no caderno”, detalla unha persoa que engade: “Creo que nos pasa a todos. Cando entregas un libro, non quedas nunca satisfeito ao 100 por cento. Se es perfeccionista non acabas nunca”.

Caderno de traballo de Federico Fernández.

Caderno de traballo de Federico Fernández / Marta G. Brea

El tamén ten experimentado coas cores, chegando a pintar e despois retirar a pintura coa unlla para outorgar unha textura diferente ao corpo dun personaxe animal, por exemplo, para denotar a pel.

“Non mola nada a etapa de estar agobiado cos proxectos, prefiro empregar seis meses para un traballo e non acabar copiándome de continuo”, defende o autor.

Para el, o idóneo é facer probas de impresión antes de que se publique o libro: “Kalandraka nese aspecto fai un traballo óptimo. Imprimen case todo en Poio e iso permite que me envíen as probas en papel para ver como sae impresa a cor. Son láminas grandes de 100 centímetros por 70. O máis complicado en imprenta é sacar as cores fluidas de acuarelas. Se non fan ben os nieves de cyan, maxenta e amarelo pódese estragar o resultado final. Ás editoriais xa case non lles interesa traballar cun ilustrador coma min que foxe do ordenador. Queren que ilustres, maquetes e deseñes. Eu non traballo dese xeito. Eu son pintor”.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents