Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

70 anos dun tesouro fotográfico galego inédito

Unha mostra rescata imaxes descoñecidas dunha malla galega dos 50

Captounas Antón Beiras e ofrecen unha visión digna do agro

Momentos da malla na aldea de As Aguias feitas no 1957 por Antón  Beiras.   | FOTO: ANTÓN BEIRAS

Momentos da malla na aldea de As Aguias feitas no 1957 por Antón Beiras. | FOTO: ANTÓN BEIRAS

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

VIGO

A historia da fotografía galega saúda un fito. Pensen nas imaxes de fotógrafos profesionais realizadas no agro galego nos anos 50. De seguro, lembrarán que eran un branco e negro que denotaba pauperidade, traballo exhausto, mesmo vellez e penuria. E se unhas fotos descoñecidas ata agora lle devolveran a aquela época a súa dignidade e mesmo a ledicia que aparecen en moitas cantigas populares? A exposición “A malla de Pascual, 1957” conségueo.

A mostra vai ser inaugurada o vindeiro mércores día 24 e, con ela, Galicia saudará de xeito oficial o o nacemento, para os ollos comúns, dun novo fotógrafo documental: Antón Beiras, o médico casado coa pedagoga Antía Cal.

Nena, a carregar o 
gran da palla. 
  | // ANTÓN BEIRAS

Fotografía dun momento da malla que se verá na exposición. / Antón Beiras

A exposición é un proxecto do Legado Activo Beiras Cal, unha entidade que elixiu como primeiro espazo expositivo a aldea de As Aguas, en Muras (Lugo), á espera de que poida realizar un tour por Galicia. Daquel lugar era Antía Cal e moi preto da súa casa Antón Beiras tomou estas fotografías.

Malia ter finado no ano 1968 e destacar polos seus inventos e investigacións en ortoóptica, ata agora non trascendera de maneira pública o seu traballo para documentar con fotografías a identidade galega da súa época.

70 anos dun tesouro fotográfico inédito

Nena carrexando gran da malla. / Antón Beiras

Coa morte de Antía Cal, a súa familia comezou a inventariar o legado. Sabían que había unha serie de negativos e películas. Non había impresións desas fotos. Houbo que tratar os negativos porque se deshidrataran co tempo. Houbo que realizarlle un tratamento, un escaneado profesional e unha pequena restauración que non fora extrema porque pasaron 67 anos desde que se fixeran”, explica a dramaturga Carme Varela, unha das promotoras da exposición. A mostra abrirá en As Aguias (Lugo) nunha caseta vella de Correos no eido familiar de Antía Cal.

Case 30 imaxes inéditas

O resultado é un conxunto de case 30 imaxes en branco e negro inéditas, cunha coidada composición e que destacan por un exquisito contraste da escala de grises. “Na liña de traballo de José Suárez ou Carlos Velo, Antón Beiras semella querer participar na idea de crear unha imaxe galega (do agro) liberada dos tópicos costumistas”, resalta Carlos L. Bernárdez no seu texto para a exposición.

“Vimos que estas fotos presentaban unha unidade. Na fotografía galega da época, raras veces atopamos un proxecto unitario sobre un traballo do campo abordado cunha visión artística. A sorpresa é esa. Pouca xente dispoñía dunha cámara naquel tempo. No é coma hoxe. Antón Beiras transmítenos unha dignificación do traballo, dese esforzo, do colectivo”, engade Varela.

A xente da aldea de As Aguias, na malla.

A xente da aldea de As Aguias, na malla. / Antón Beiras

Ese traballo comunitario no agro xa en poucas aldeas galegas se atopa pero naquel final dos anos 50 era unha característica obrigada xa que “cos dunha casa soa non bastaba para facer unha malla; requeríase a toda a aldea”, recalca Carme Varela.

Ademais, o traballo no campo que nos revela Antón Beiras é interxeneracional con pequechos, mozas e mozos, mulleres adultas e homes e señoras maiores.

Un traballo comunitario desaparecido

En moitas das fotos os protagonistas aparecen a sorrir como a gozar do día de traballo nos momentos de descanso. Non hai que esquecer que este tipo de labores tamén axudaban á socialización na época. “Algunhas imaxes son icónicas do que era ese labor. É de agradecer que Antón Beiras o recollese porque moi pronto desapareceu co inicio da industrialización do campo ao chegaren os primeiros tractores ás aldeas”, sostén Varela.

A malla consistía en, unha vez segado o centeo ou trigo, en facer separar o gran da palla para recollelo e gardalo para a futura fariña. Relata Varela que transportaban as malladoras en carros de vacas polas aldeas.

No caso destas imaxes, os labores acontecen en As Aguias, unha aldea con media ducia de vivendas.Alí, criouse Antía Cal. A casa máis preto da súa era a da familia Pascual.

O patriarca da mesma tiña unha malladora que levaba por distintos lugares. “Antón Beiras, nunha das súas visitas ao lugar, retratou o traballo na eira de Pascual. Teremos a sorte de que o día da inauguración da exposición acuda María Luz Guerreiro, unha das netas de Pascual, que tamén escribiu un texto para a exposición”, apunta Carme Varela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents