O mundo tradicional aplaude o Día das Letras Galegas para as cantareiras e a poesía popular oral

"Hai foliada no ceo por todas esas mulleres", sinala Ana Rodríguez, de Leilía | A homenaxe recae en pandereteiras de Mens, Cerceda e Muxía e no resto de transmisoras da tradición galega | Xabier Díaz, Tanxugueiras, Leilía, As Lagharteiras, O Fiadeiro e Traspés aplauden a iniciativa

Pandeireteiras de Mens.

Pandeireteiras de Mens. / APOI-Museo do Pobo Galego

Mar Mato

Mar Mato

VIGO

Eran cinco labregas e pasaron á historia como as Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños). Nos anos 80, racharon cos estereotipos ao demostrar que a música tradicional galega con pandeireita e voz merecía saír das cociñas ou eiras privadas das casas para brillar con orgullo e dignidade nos palcos ou na TVG. Tres delas faleceron hai máis dunha década –Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar– e a Real Academia Galega (RAG) decidiu onte dedicarlle o Día das Letras Galegas no 2025 xunto a outras cantareiras: Adolfina e Rosa Casás Rama de Cerceda máis Eva Castiñeira de Muxía. Estas cinco mulleres focalizan unha candidatura que se estende ás persoas, especialmente mulleres, que por toda Galicia conservaron e transmitiron ao longo do tempo a poesía popular oral e a súa música. O mundo tradicional celebrou a homenaxe.

Lembrou o presidente da RAG, Victor Freixanes, que non é a primeira vez que triunfa unha candidatura múltiple: a anterior ocasión foi cos trobadores medievais co foco posto en Xohán de Cangas, Meendinho e Martin Codax.

Freixanes resaltou a “contribución histórica da muller á transmisión da lingua e cultura galega” que se plasma “na forza do rexurdimento que hoxe ten a música popular”.

Con anterioridade, o presidente xa dixera nunha ocasiónno Club FARO que “as Tanxugueiras fan máis pola lingua que todos os meus discursos”.

Porén, a académica promotora da candidatura foi Ana Boullón. Ela, primeiro, destacou onte “o anonimato” das persoas informantes que transmitiron a tradición ao longo dos séculos “fóra dos círculos académicos”. Segundo, resaltou que a literatura popular tamén é literatura culta.

Ao ter que dedicar o Día das Letras Galegas a unha ou varias persoas en concreto –coa condición de que morreran alomenos hai dez anos– tivo que escoller que voces canalizarían a homenaxe. “Foi moi difícil”, confesou. Nesa elección, axudouse do traballo e achegas de musicólogas Bea Bustos e Xulia Feixoo; intérpretes como Xabier Díaz e Rodrigo Romaní; así como do lingüista e investigador galego Antón Santamarina e das gravacións do cancioneiro popular realizadas pola suíza Dorothé Schubarth (finada en setembro pasado).

Rosa e Adolfina Casás, quen eran?

Foi Dorothé a que gravou en marzo de 1980 a Rosa e Adolfina Casás Rama a cantar unhas coplas, “algunhas delas únicas no repertorio galego”, resalta a Academia Galega. Tía e sobriña criáronse case como irmás. As dúas eran fillas de solteira e moi coñecidas na súa zona, Cerceda, onde as convidadaban para actuar nas foliadas ata que nos anos 50 a chegada da radio, a popularización dos gaiteiros, acordeonistas e orquestras as silenciou de portas para fóra.

Rosa e Adolfina Casas.

Rosa e Adolfina Casas. / D. Schubarth/RAG

Nos anos 80, tras regresar unha delas da emigración, volvéronse xuntar para cantar. A súa historia foi recollida no libro “Fuliada na vila” (A Central Folque).

Eva Castiñeira: a primeira en tocar cun grupo folc nun palco

O caso de Eva Castiñeira foi diferente. Ela converteuse na primeira pandereiteira en subir a un escenario cun grupo folc, Milladoiro, nun concerto no pavillón de deportes da Coruña no 1981. Esta muller, de Muxía, emigrara á cidade herculina para traballar no servizo doméstico.

Eva Castiñeira.

Eva Castiñeira. / Pablo Quintana

Alí, un socio da discográfica Ruada fixouse na súa voz e comentoullo a Rodrigo Romaní quen a convidaría a actuar con Milladoiro e a participar no álbum “Galicia no país das maravillas” (1986) onde coincidiu con tres novas pandeireteiras: Felisa Segade, Cristina García e Pilocha Rivas. Felisa formaría Leilía e dedicoulle o disco “Consentimento” (2012). Xente como Xabier Díaz, Luar na Lubre e Pinto de Herbón tamén cantaron cancións de Eva Castiñeira.

As Pandeireteiras de Mens, pioneiras no Teatro Colón, nos anos 70

Pola súa parte, as Pandeireteiras de Mens –Prudencia Garrido, Asunción Garrido, Manuela Lema, Adela Rey e Teresa Lema– eran unhas labregas de Malpica que lograron no 1972 subir, por primeira vez, ao palco do Teatro Colón da Coruña.

Cando superaban os 80 anos, estas pandeireteiras viaxaron por Europa e América coa Agrupación Folclórica Aturuxo a partir de 1972. Beatriz Buisto dedicoulles un libro-disco editado por aCentral Folque no 2021.

Pandeireteiras de Mens.

Pandeireteiras de Mens. / APOI-Museo do Pobo Galego

A felicidade de Xabier Díaz

Mauro Senín, un dos produtores desta editorial, sinalaba onte sentir “moita alegría” pola homenaxe no Día das Letras ás cantareiras. “Non só polo recoñecemento a estas persoas en concreto senón porque exemplifican a milleiros de pandeireteiras que transmitiron na oralidade a poesía popular. Falan doutras moitas que transmiten este acerbo cultural único”.

Feliz tamén se sentiu onte Xabier Díaz quen coñeceu a boa nova da Academia mentres conducía en coche cara Segovia onde daba un concerto onte á noite. Pola tarde, aseguraba a FARO que “estou moi contento. Dalgún xeito, o país e a sociedade galega saldan unha débeda histórica cun colectivo, cun patrimonio oral construído de xeito anónimo que todavía hoxe medra nas bocas dos máis novos e máis novas. É un país tremendamente afortunado por vivir esta realidade agora na música con novas formacións”. Xabier Díaz débelle o seu "Valse de Agranzón" a Eva Castiñeira mentres que Luar na Lubre cantou dela "Ao pasar pola Coruña".

O aplauso de Tanxugueiras

Unha desas formacións que mesmo homenaxeou ás mulleres cantareiras na súa actuación no Benidorm Fest de 2021 co seu tema “Terra” é Tanxugueiras. A petición deste xornal, trasladaron que “estamos orgullosísimas. Era unha demanda que levabamos dende hai tempo, o de facer un recoñecemento a estas mulleres. É unha vella demanda da xente do mundo tradicional”.

"Marabillosa noticia" para As Lagharteiras

Pola súa parte, Tamara Costas, de As Lagharteiras -que asinan coa súa voz "Oliveira dos cen anos" para o himno do centenario do Celta de C. Tangana- sinalaba onte polo teléfono como “notición” o acordo da RAG. “É unha marabillosa noticia. É unha homenaxe ás muleres que nos abriron as portas desinteresadamente e grazas ás cales existimos. Teremos que facer un traballo duro para este 2025 para que siga adiante, para non perder o que fixeron”.

"Orgullo colectivo" para Leilía

Moi sentida foi a opinión partillada por Leilía. Nunha conversa, Ana Rodríguez expresou: “Hai foliada no ceo por todas esas mulleres que atesouran tanta riqueza. A cultura e a tradición están de noraboa. Hoxe por fin, dalgunha maneira, vese recompensado ese labor tan denostado e que estivo prohibido. Hoxe forma parte do orgullo colectivo deste país. Leilía fomos pioneiras nun espectáculo con voz e pandeireta e tamén recuperou a tradición oral”. Para Rodríguez, o ideal sería “dixitalizar o tesouro recuperado para o goce do patrimonio para vindeiras xeracións, que poidan consultar as músicas da súa zona”.

Pola súa parte, a Asociación Traspés, a través de Diego Docabo, indicou que “é unha gran noticia para o mundo do folclore. Oxalá a través deste premio con isto podamos impulsar a proposta para que se declare a música e baile tradicional galego patrimonio inmaterial da humanidade”.

Dende O Fiadeiro, resaltaron que “é un orgullo” e que lles sorprendeu o anuncio da RAG, á espera de que o vindeiro ano se traduza a homenaxe nunha maior atención aos grupos de baile e música tradicionais.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents