Un proxecto sobre os Xenerais da Ulla recompila 50.000 fotos deste entroido

Unha escolla de 150 recóllense no fotolibro “VIVA!” dos fotógrafos Javier Iglesias e Eutropio Rodríguez | A tradición remóntase ao século XVII

Unha muller nun dos entroidos dos Xenerais da Ulla no libro “VIVA!”. 
  | // EUTROPIO RODRÍGUEZ & JAVIER IGLESIAS RAMOS

Unha muller nun dos entroidos dos Xenerais da Ulla no libro “VIVA!”. | // EUTROPIO RODRÍGUEZ & JAVIER IGLESIAS RAMOS

Mar Mato

Mar Mato

“No 2015 chamoume aCentral Folque para facer o libro ‘O repente galego’. Fotografiei nun día os Xenerais en Touro (A Coruña), na parroquia de Fau e estiven todo o ano pensando nesas fotos. Ao ano seguinte volvín a Touro. Eu coñecía os xenerais de toda a vida porque desfilaban na Cabalgata de Reis. Intentei buscar documentación pero non había nada. Pensei que era o meu deber facer un proxecto sobre o tema”, explica Eutropio Rodríguez que chamou ao tamén fotógrafo Javier Iglesias para traballaren xuntos. O resultado foi un arquivo de 50.000 fotos e o libro “VIVA! Os Xenerais da Ulla” (Ed Libros) que presentaron ambos os dous onte en Vigo na Libraría Cartabón.

Durante seis anos retrataron esta figura do entroido galego –Festa de Interese Turístico de Galicia– nos distintos concellos onde se celebra: Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Un dos xenerais do entroido, foto do libro "VIVA! Os Xenerais da Ulla", de Eutropio Fernández e Javier Iglesias.

Un dos xenerais do entroido, foto do libro "VIVA! Os Xenerais da Ulla", de Eutropio Fernández e Javier Iglesias. / Eutropio Fernández e Javier Iglesias

Un libro de envergadura con 150 imaxes

Para realizar o volume, captaron unhas 50.000 fotografías das que no fin empregaron no libro unhas 150 imaxes. “É un libro enorme, carísimo de producir. Foi unha dor reducir tanto a cifra de imaxes. Foi como din na cociña unha redución”, sinala.

Ademais dos dous fotógrafos, participaron Juli Molares, viguesa encargada do deseño; e o investigador Fernando Reyes.

¿Supervivencia asegurada?

Explica Eutropio Rodríguez que o entroido dos Xenerais da Ulla “ten asegurada a súa supervivencia. Ao longo destes anos, recuperouse o entroido de Dombodán en Arzúa que se perdera nos anos 40, mentres que noutra parroquia de Melide desapareceu nos anos 20. Estou seguro de que neste último lugar o van volver facer a raíz dun estudo que se publicou e deste libro”.

Foto do libro sobre o entroido de Xenerais da Ulla.

Foto do libro sobre o entroido de Xenerais da Ulla. / Eutropio Rodríguez & Javier Iglesias.

Máis presenza de mulleres

Nestes últimos anos, o fotógrafo notou que cada vez se suman máis nenos así como mulleres: “Os xenerais antigamente eran en exclusiva homes pero hoxe en día están á par. De feito, nas fotos da capa e da contracapa deste libro aparecen mulleres”.

As imaxes, polos encadres e a cor, impactan. “Eu quería plasmar nas fotos a emoción da que fun testemuña. As persoas que van de xenerais transfórmanse en canto se poñen a casaca: pasan de ser xente da aldea a ser xenerais de verdade. Despois, tamén está a emoción da xente ao velos pasar porque é algo moi ancestral”, subliña.

Dende o século XVII

Respecto a isto último, Eutropio Rodríguez aclara que “é unha tradición máis antiga do que a xente cre. Pensa que vén da Francesada do 1808. Foi importante pero vén de atrás, do século XVII, segundo concluíu Fernando Reyes”.

Este apuntamento é especial e propoñemos ao fotógrafo que amplíe información: “O detonante foi a Máscara Barroca ou Desfile Barroco de Compostela. Pagábao o Cabildo e nel participan xentes civís a que ían en cabalos ornamentados como se foran grandes militares. Iso produciuse durante 200 anos en toda Europa e o único resto que pervive tal como era son os Xenerais. Este desfile facíao posible a nobleza e ao entrar esta en decadencia o desfile desaparece no Obradoiro pero seguiuse celebrando nos lugares de onde procedían as persoas que participaban, da zona da Ulla. Pasaron a celebralo onde se lles permitiu, no Entroido. Así, esa máscara bareroca que se cdelebraba en Europa e Iberoamérica só pervive hoxe en día na Ulla”.

Suscríbete para seguir leyendo