A dobre precariedade dos artistas queer

Crece a cifra de proxectos pero cústalles entrar nas programacións | Unha xornada do Consello da Cultura indaga por que

MANIFESTACIÓN DO ORGULLO LGTBI EN VIGO NO 2016.

MANIFESTACIÓN DO ORGULLO LGTBI EN VIGO NO 2016. / Marcos Canosa

Mar Mato

Mar Mato

“Que discurso se está a facer ao redor do LGTB+? O que máis me amola é xente dando pregóns ou actuando no Día do Orgullo -que se celebra o día 28- e que non é LGTB. Os gais teñen dereito a escoitar a súa diva pop, si, pero se houbera máis espectáculos no ano para este colectivo”, reflexionaba onte a artista Meiga-i nas xornadas “Pensar con orgullo V” do Consello da Cultura Galega en Compostela, coordinadas por Carme Adán. Coa súa crítica, a drag reivindicou máis presenza para as artistas queer nos palcos pero tamén para as obras que traten a súa temática.

Meiga-i –pandeireteira drag– indicou que “na cultura, como contexto eu vexo unha demanda (de obras e artistas LGTB). A sociedade pregunta quen somos, como chegamos aquí. Na cultura como oficio, resistimos constantemente. Programación e produción non nos inclúen. En Galicia, hai unha única compañía travesti, onde está nas programacións?”.

Meiga-i, pandeireteira drag galega.

Meiga-i, pandeireteira drag galega. / Instagram

Proseguen os prexuízos

A creadora –que actuará no Atlantic Pride o 8 de xullo na Coruña– agregou que “non é unha creación de nicho. Ser cuir (queer) en escena é unha dobre precariedade. “Nas artes en xeral, enténdese que o artista pode traballar gratis porque “te dedicas a algo que che gusta, pero os cuir non o poden facer porque non lles deixan. É un desafío”, indicou a creadora que alertou de que os “prexuízos” contra a comunidade proseguen.

Pouca presenza do tema nos traballos fin de carreira

Non só hai falta de presenza da comunidade dos palcos, tamén nas universidades. Xosé Manuel Buxán, decano de Bellas Artes en Pontevedra, sinalou que , nos últimos anos, de 100 traballos fin de carreira presentados, só cinco trataron a temática LGTB+.

XOSE MANUEL BUXAN, DECANO DE LA FACULTAD DE BELLAS ARTES.

XOSE MANUEL BUXAN, DECANO DE LA FACULTAD DE BELLAS ARTES. / Gustavo Santos

Incumprimento da lei nos currículos

Ademais “dáse unha ausencia de contidos transversais nas materias. Pola lexislación, hai unha serie de carreiras como Educación social, Maxisterio, Dereito, Psicoloxía e Pedagoxía que están obrigadas por lei á inclusión de perspectivas LGTB+ nos seus currículos docentes e non acontece”, sinalaba a investigadora Daniela Ferrández.

DANIELA FERRANDEZ PEREZ, DOuTORA EN HISTORIA CONTEMPORANEA, AUTORA DE “ A DEFUNCION DOS SEXOS”.

DANIELA FERRANDEZ PEREZ, DOuTORA EN HISTORIA CONTEMPORANEA, AUTORA DE “ A DEFUNCION DOS SEXOS”. / Marta G. Brea

Ferrández tamén fixo referencia a que “as fontes que alumean o pasado están por recuperar. Hai un problema, a cuestión da negación do que pasou. Hai autocensura dentro do sector cultural. Carlos Callón ten falado de como como rescatou cantigas que falan de personaxes disidentes sexuais que nas reedicións actuais se borran. Por exemplo dúas amigas pasaban collidas da man e ponse amiga e amigo”. Tamén falou de como se “borrou” a condición da biografía de Blanco Amor.

Blanco Amor e "A esmorga"

Respecto a este autor, o cineasta Ignacio Vilar que levou ao cinema “A esmorga”, que cumpre dez anos, recalcou que “a relación entre Milhomes e o Bocas é o tema da película”, apuntou para engadir que o tema foi silenciado pola represión exterior do franquismo pero tamén pola represión interior que “fai que esteas nas mans do poder. Se interiormente non es resistente, estás vendido”.

Suscríbete para seguir leyendo