Entrevista | Antón Reixa Artista, poeta

“A ironía é unha barricada que poñemos para facer máis levadeira a vida”

“A perplexidade das palabras é o motor principal da miña creación”, sinala o autor que presenta hoxe unha escolma de 40 anos da súa obra en Vigo

Antón Reixa 
presenta novo
 libro esta tarde
en Vigo.
 // Victor Echave

Antón Reixa presenta novo libro esta tarde en Vigo. // Victor Echave

Mar Mato

Mar Mato

“Mentres ti e eu estamos falando algúns inmigrantes están viaxando nunha patera en perigo de morte. O que me chama a atención do mundo é a simultaneidade das cousas”, reflexiona Antón Reixa. Ese modo de se configuraren na vida os acontecementos simultáneos sérvelle ao autor para arrancar a súa poesía. Varias mostras se recollen en “Enciclopedia perplexidade. Escolma poética 1976-2023”, unha escolma de Faktoría K que hoxe venres día 20 presenta en Vigo no Café de Catro a Catro dende as 20.30 horas.

–No limiar, sinalan que houbo dificultade á hora de conseguir os primeiros textos seus.

–Hai un problema natural ao querer recoller poemas de hai catro ou cinco décadas porque os do principio están publicados en fotocopias. A escolma é bastante exhaustiva e o que a min me gusta do libro é que quen a fixo, Xabier Cordal, non pon os poemas segundo o ano de publicación senón que fai unha ordenación orgánica para que o lector se sinta a gusto.

Antón Reixa presenta novo poemario.

Antón Reixa presenta novo poemario. / Víctor Echave

–No primeiro, lemos o silencio dos cemiterios ZAS/ é coma os fetos de chumbo ZAS/ aos paxaros non ZAS si á mosca tse-tse ZAS. Que historia hai detrás desta composición?

–Forma parte dun traballo para vídeo e é un texto que acompañaba unha imaxe dun cemiterio de coches. Para min, os camposantos de coches son a miña metodoloxía de traballo: convirto cousas azarosas en poesía, traballo nun collage de sensacións e palabras, convirto cousas que inicialmente non son literarias en textos. É unha dinámica moi pop. Non é nada novo, como o cadro da sopa Campbell de Andy Warhol. Por iso, como se vincula ao meu xeito de traballar está no inicio da escolma.

–A súa creación poética está pensada para a oralidade. “O viaxeiro nihilista” (Agudo/ Gutural/ Que densidade terá a néboa da barricada/ de melancolía que evitará o seguro accidente?) non se entende doutra maneira.

–A verdade é que durante todos estes anos buscaba a oralidade inda que non sempre. A maioría deles están pensados para a posta en escena. Eu creo que dalgunha forma non debemos pensar os poemas só para os libros senón que lle debemos dar outra extensión. Así cobran outra dimensión e é un test de funcionamento.

–Hai moito humor socarrón como no exemplo de isto é un poema de amor/ ti es eu ti/ isto é un poema de amor/ ti es eu ti/ –quéresme moito?/ –e ti a min?/ (matáronse).

–É unha característica habitual na poesía que eu fago. A ironía é unha barricada que poñemos na existencia que nos fai máis levadeira a vida. A ironía ten que ver coa perplexidade. Por iso, o libro chámase “Enciclopedia perplexidade” porque a perplexidade das palabras é o motor principal da miña creación.

O poeta Antón Reixa.

O poeta Antón Reixa. / Víctor Echave

–Tampouco podemos esquecer a crítica social como a que fai no poema “Fátima” onde lembra a peregrinación ao sagrado lugar portugués do 1997 con 400.000 persoas onde fala de “seres confusos se cadra enganados e pensando que ían de vacacións a Albania”.

–Hai unha mirada irónica sobre eses hábitos católicos das peregrinacións. A min, seméllanme actos absurdos pero aquela foi unha efemérede importante. É unha ironía que os santos cando aparecen falan a lingua do lugar, claro, que outro idioma non ían entender aqueles pastores de Fátima? Iso faime matinar moito.

–Vigo está moi presente pero cunha ponte cara o Golfo Pérsico, Beirut, Rusia...

–Ti pensa que Vigo é a miña paisaxe natural. Eu nacín e vivín alí boa parte da miña vida. Agora que non estou alí bótoo moito de menos. Esa mirada atlántica que che dá a cidade é moi aberta e permite ollar sempre máis lonxe. No poema no que se cita a Beirut é porque nunha folga xeral en Vigo había cacharelas polas rúas que parecían o estado constante de guerrilla de Beirut pero non tan violento.

A poesía é un instrumento eficaz para interpretar a vida"

Antón Reixa

— Poeta

–A súa poesía sempre é unha busca dunha nova expresividade como o poema que se converte en dúas notas ao pé de páxina.

–A min, a erudición non me interesa moito. Por iso, fago ese xiro humorístico sobre as notas ao pé de páxina. Hai libros insoportables nos que as notas ás veces ocupan case tanto que o propio texto.

–Vostede é unha persoa ancorada nos pensamentos futuros ou no presente?

–A verdade é que non teño grandes pensamentos do futuro e tampouco no pasado en tanto que se convirta nunha ferida. Estou nas cousas que ocorren agora.

–O seu xeito de afrontar a creación poética mudou cos anos?

–Eu digo sempre que ser poeta é unha condena, nunca sabes por que decides ser poeta. A poesía pode ser escrita en calquera momento. Non creo nos escritores que necesitan a literatura para vivir. Para min, ser poeta e ter pulsión de escribir é unha obriga estraña, un deber que me impoño a min mesmo. A poesía é un instrumento eficaz para lnterpretar a vida.

Suscríbete para seguir leyendo