Fillas de Cassandra en FARO: "Gustaríanos tocar en Castrelos, era o noso soño de nenas"

“Tivemos que pasar de dicir ‘si, si e si’ a todos os proxectos a poñernos un valor económico”

“O FARO foi o xornal que sempre estivo presente na miña casa”

Encontro para os subscritores de FARO con Fillas de Cassandra

Pedro Fernández

Máis aló de Fillas de Cassandra, o dúo de música galega do momento, as viguesas María Soa e Sara Faro ven como as súas vidas mudan ao compás dunha industria frenética, na que cada vez teñen máis oportunidades pero menos tempo para adicar aos seus. Estas dúas rapazas que soñaban con subirse a un escenario, xa percorren mundo coa súa proposta, cun equipo ao seu cargo, e o sen renunciar ao idioma propio.

As cantantes participaron este mércores nun encontro exclusivo para subscritores de FARO DE VIGO, onde ademais de falar da súa traxectoria do xeito máis persoal, entoaron Tataravoa a capela para os presentes. Desta forma cerrábase un círculo: María Soa recordou como o seu pai enmarcou a primeira entrevista que lle fixeron neste diario que, recorda, “sempre estaba presente na miña casa”.

Dende o nome artístico, que é unha homenaxe as nais e ao mito de Cassandra -unha muller condenada a no ser nunca crida-, ás súas letras, todo está pensado ao milímetro. “Contamos as nosas vivencias desde o feminismo, aínda que preferimos non vernos como referentes porque sentiriámonos moi responsables”, apunta Sara.

As artistas explicaron que compoñer e conquistar ao seu variado público precisa dun proceso de creación artesanal, no que unha pensa as palabras e a outra compón a música. Logo mesturan o traballo e obteñen o fenómeno Cassandra que move a xeracións.

Os éxitos foron chegando “antes de que nos dese tempo a soñalos”, di Sara. Porén, o seu proxecto, 100% en galego, traspasou as fronteiras da comunidade e encheron unha sala en Madrid onde a xente “balbuceaba” as súas letras e bailaba con elas. Soa e Faro irán aínda máis lonxe, a Marrocos, onde farán unha pequena xira de cinco concertos. “Estamos preocupadas porque as nosas letras son moi feministas, pero pensamos que non nos van entender. A música é unha linguaxe de por si, polo que poderán conectar con nós igual”, indicou María.

Con todo, ambas apuntaron que existe un escenario soñado ese é Castrelos. Un espazo que ven “imposible” porque nunca as chaman. En xeral sinalan unha carencia de música galega nos concertos de verán olívicos: “Gustaríanos que se lle dese un espazo á música en galego, polo menos un día”. “Esperamos que de aquí a dez anos nos chamen, sempre quixemos subir ao escenario da nosa cidade, pero non nos imos arrastrar”, sinala María.

Fillas de Cassandra cantan Tataravoa

Pedro Fernández

Tanxugueiras, “mártires”

Cando a xornalista de FARO, Alba Chao, preguntoulles se seguirían o camiño das Tanxugueiras, presentándose ao Benidorm Fest con miras de ir a Eurovisión, a resposta foi unánime: non.

“As Tanxugueiras foron mártires e abriron un camiño fenomenal. Pero nesta ocasión, nós decidimos non ir pese a que tivemos a oportunidade”, relatan. “Non nos imos presentar a un concurso que apoia un xenocidio, que apoia a Israel”, conclúen.

Elas pensaron que poderían chegar aos mesmos espazos e o tempo confirmouno.

Conciencia de si mesmas

Aínda que as viguesas teñen éxito, non deixan de ser conscientes de como mudou a súa realidade en poucos anos. “A túa nai sempre di que agora pides cafés de especialidade”, bromeou María con Sara.

Pero, así como aumentaron as ganancias, tamén perderon tempo que adicarlle aos seus pais, mozos ou amigos. “Tivemos que pasar de dicir ‘si, si e si’ a todos os proxectos a poñernos un valor económico”, relata Sara.

“Antes non tiñamos présa por gravar cancións, mensaxes personalizados que nos piden, facer entrevistas...agora vemos que o noso tempo vital ten un valor económico”, di María. “E temos un equipo de seis persoas que dependen de nós”, engade. Celebran o éxito actual pero recoñecen que por momentos chegan a sentirse culpables de “non estar emocionadas todo o tempo”.

Fillas de Cassandra participaron nun encontro exclusivo para suscriptores de FARO DE VIGO

Pedro Fernández

Ademais explican que para producir novo contido precisan tempo de consumir cultura, “non nos podemos ter de referencia únicamente a nós mesmas”, afirma Sara.

Encontros para subscritores

A cita con Fillas de Cassandra é a segunda dunha nova iniciativa de FARO que pretende achegar a protagonistas de diferentes ámbitos, como a cultura ou o deporte, a subscritores.

A mellor información nun só clic

Contido premium, análise, reportaxes en profundidade, opinión acceso preferente a eventos, sorteos, encontros exclusivos... Isto é só unha mostra de todas as vantaxes que supón ser subscritor de FARO DE VIGO. Por menos de 20 céntimos ao día, os nosos lectores terán acceso ilimitado á versión dixital do decano durante os 365 días do ano. Ademais, FARO ofrece outra serie de servizos adicionais, como alertas coas últimas horas a través de WhatsApp e Telegram ou un amplo catálogo de newsletters.