Unha investigadora revela novos datos sobre o primeiro gran científico galego

José Rodríguez González foi un matemático nacido nunha familia de labregos acomodados de Lalín no 1770

Traballou en Francia e Alemaña

Busto de José Rodríguez.  | // RAGC

Busto de José Rodríguez. | // RAGC

Mar Mato

Mar Mato

José Roldríguez González é o Científico Galego de 2024 e a pesar de ser o primeiro gran científico galego da historia case non é coñecido no seu país. A Real Academia Galegade Ciencias (RAGC) aproveitou onte para profundizar na súa figura. Conseguiuno coa investigadora Carmen Villanueva que atopou novos datos sobre el.

Villanueva, licenciada en Química pola Universidade de Santiago, presentou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento sobre o matemático José Rodríguez. Nela, profundizou no labor e saber deste home nacido en Lalín no 1770 e que foi matemático, astrónomo, naturalista e viaxeiro científico por Europa.

Unha desas travesías foi unha expedición francesa na que botaron a andar nun barco para medir o meridiano entre Barcelona e Baleares. Este traballo finalizou co inicio da Guerra de Independencia dos españois respecto dos franceses no 1808. O que buscaban era definir o metro como unidade de medida con maior precisión.

Villanueva considera que el é “o primeiro gran científico galego”. Nacer no rural galego –dunha familia labrega acomodada e na que foi o fillo maior dun total de sete– non lle impediu chegar a estudar en París para ampliar os estudos para despois aprender máis en Inglaterra ou Alemaña.

Para realizar a biografía científica, política e persoal de José Rodríguez, a investigadora transcribiu 100 cartas escritas polo científico e que están conservadas no Arquivo Histórico Universitario de Santiago.

Tamén atopou información descoñecida ata o momento no Arquivo Nacional de Francia en París ou na Royal Society de Londres ademais de no Museo de Ciencias Naturales de Madrid ou no General de la Marina de Vio del Marqués en Ciudad Real.

José Rodríguez naceu no lugar de Bermés, en Lalín. Nun primeiro momento, ía dedicarse á vida relixiosa –comezou no Seminario deMonforte– pero ao final tomou o camiño da Universidade de Santiago de Compostela onde gañou a cátedra de Matemáticas. Dous anos despois partiría a París.

Ademais, José Rodríguez foi profesor de Domingo Fontán na USC a quen o inspirou na idea de realizar a triangulación xeodésica de Galicia para facer o primeiro mapa da rexión.

Tras formarse e traballar por Europa, foi director do Real Observatorio de Madrid, regresou a Compostela onde finou hai 200 anos. Unha curiosidade, en Francia, dérono por morto dous anos antes (no 1822). El mesmo lles escribiu para que o correxiran. Foi soterrado na Igrexa de San Agustín en Santiago.

Tracking Pixel Contents