Entrevista | Diego Ameixeiras Escritor

“A Transición non foi un camiño de rosas, houbo mortos e violencia”

O escritor critica que agora nas novelas “parece que o único que importa é a trama”

O autor presente en Barcelona este xoves a súa nova novela, "Un anarquista", que vén de editar en castelán e catalán

Diego Ameixeiras presenta esta semana o novo libro en Barcelona.

Diego Ameixeiras presenta esta semana o novo libro en Barcelona. / Xoán Álvarez

Mar Mato

Mar Mato

O 15 de xaneiro de 1978 falecían en Barcelona catro traballadores da sala de festas Scala por un incendio intencionado. Preto, 15.000 persoas convocadas pola CNT protestaban contra os Pactos da Moncloa, acordos entre o Goberno de Suárez e os principais partidos co apoio de UGT, CCOO e a patronal dos empresarios.

Varios mozos anarquistas remataron no cárcere acusados do atentado. Pasado o tempo, gañou a hipótese de que o Goberno, con infiltrados na CNT, fora o responsable e que lle cargara o morto á central sindical.

O último libro de Diego Ameixeiras viaxa a esa época e sitúa a un personaxe galego (de ficción) no atentado. Atención porque o referente do noir galego vira en “Un anarquista” (Xerais) cara unha novela diferente, de matrícula de honra. O xoves presenta a versión en castelán e catalán (Alrevés Editorial) na cidade condal.

FARO SANTIAGO- ENTREVISTA AO ESCRITOR E XORNALISTA DIEGO AMEIXEIRAS EN SANTIAGO.

FARO SANTIAGO- ENTREVISTA AO ESCRITOR E XORNALISTA DIEGO AMEIXEIRAS EN SANTIAGO. / Xoán Álvarez

–Miguel Duarte, o protagonista desta novela, é un mozo de Ourense que traballa de camareiro en Barcelona. Alí, descobre a amor, a loita pola liberdade e a busca de si mesmo. O libro xoga a outorgarlle o nivel de mito.

–Eu xa coñecía o caso Scala. Sempre tivera bastante interese por ese momento histórico tan descoñecido, a Transición, entre 1977 e 1978. Aí, o anarquismo regresa con bastante forza. Xuntouse moita xente en Barcelona que volvía do exilio ao tempo que había xente nova que non tiña que ver coa Guerra Civil e que tiña que ver co feminismo, a loita LGTBI, os hippies, os ateneos libertarios. Inventei a historia de Miguel que se ve arrastrado por ese furacán e que acaba metido primeiro no compromiso político e social pola necesidade de sentirse recoñecido nun grupo. Inda que a súa historia é de ficción, a novela tamén ofrece unha crónica desa época.

–Describe con tanto detalle a Barcelona dos 70 que parece que estamos alí.

–Fixen moito traballo de hemeroteca, de documentación. Lin moitas novelas ambientadas neses anos. . De aí, a nota do final de agradecemento a escritoras e escritores

–O libro é como unha serpe entre o real e histórico máis a ficción. Que personaxe real destacaría?

– “O Grillo”, un infiltrado no movemento anarquista da época, é un personaxe que realmente existiu. El foi un dos instigadores do lanzamento dos cócteles molotov contra a Scala que desembocou no incendio. El era un delincuente que, nun momento determinado, foi chamado polo Goberno para infiltrase e pasar información á policía. Despois, todo o que se conta desa primavera libertaria foi real. A parte do libro que reconstrúe o caso Scala está baseada no libro dun dos encausados, Xavier Cañadas. Iso serviume de base para reconstruír esa voz pero dende unha ficción subxectiva.

–O caso Scala é inda hoxe “un segredo de Estado”.

–Hai moitos episodios escuros na Transición que están por contar. O Caso Scala ten partes moi escuras. Os anarquistas falaron de que había unha operación do estado para identificar anarquismo con morte e terrorismo. Despois do Scala, a CNT xa non volveu ser o sindicato que fora. Hai moitas cousas por investigar.

–Tras ler a novela, vemos a Transición doutro xeito. Algúns personaxes son moi críticos co Partido Comunista e o PSOE naquel tempo.

–Contáronnos a Transición como un momento de encontro, de consenso... pero non foi un camiño de rosas; houbo moitos mortos e violencia. O Partido Comunista tivo que aceptar a monarquía e moita xente da esquerda viuno como unha traizón.

O escritor Diego Ameixeiras, en Compostela, vén de publicar "Un anarquista".

O escritor Diego Ameixeiras, en Compostela, vén de publicar "Un anarquista". / Xoán Álvarez

–Hai unha frase para reflexionar nas páxinas: “O contrario da vida non é a morte senón a mansedume”. Dende aquela xeración dos 70, a mocidade semellou estar domesticada.

–A ver, é posible que agora haxa unha sensación de desesperanza ou de non ver moita saída. A xuventude desa época viviu falta de liberdade, represión sexual... Ao morrer Franco, é normal que a xente tivese esperanza e ganas de pelexar polo mundo novo. Tamén é certo que tamén houbo desencanto e moita xente abandonou a militancia porque as utopías están moi ben pero ás veces caen nas mans de xente aproveitada. A xente atopábase máis na rúa e non nas pantallas. Agora convertéronnos en persoas máis escépticas.

– “O anarquista” supón un salto respecto ás anteriores, separada da novela negra, con metáforas moi traballadas....

–Si, esta novela é diferente ás anteriores. É histórica, non ten diálogos, está escrita sen case puntos á parte para dar sensación de acontecementos que pasan rápido. .. O desafío principal foi facer un equilibrio entre a parte da crónica e a de ficción porque reconstruía a caída da CNT. En canto a coidar o estilismo, non está de moda facer unha aposta polo estilismo. O que se demanda máis son novelas nas que parece que o único que importa é a trama, o argumento. A literatura se é algo, é estilo. Á palabra hai que sacarlle o máximo brillo.

Suscríbete para seguir leyendo