O pan galego, ¿o mellor do mundo?
As súas receitas e historia figuran no novo libro de Edu Lavandeira
"O pan galego ata agora non tiña un libro en condicións que falara en todas as súas dimensións do que significa a nivel histórico, investigación e receitas”

Edu Lavandeira acaba de publicar “Pan Galego” con Xerais. / E.L.

Sabían que o pan tradicional galego non sempre foi con buracos grandes e moi esponxoso e que xa no Códice Calixtino se falaba del? Son algunhas das preguntas, entre outras moitas, ás que responde “Pan galego. Receitas e historias do mellor pan do mundo”, elaborado por Edu Lavandeira (@opelouro) e editado por Xerais.
“A idea deste libro xa estaba antes de ‘Planeta pan’ –no que percorría con receitas varios países– pero como nunca fixera un libro antes, facelo sobre o pan galego pareceume moita responsabilidade pola complexidade. Tralo éxito do anterior libro, empezamos con esta idea. O pan galego ata agora non tiña un libro en condicións que falara en todas as súas dimensións do que significa a nivel histórico, investigación e receitas”, sinala Lavandeira.
O panadeiro de máis sona? En Vilarmaior
A obra comeza ao citar a José Luis Miño, de Vilarmaior, o panadeiro máis referenciado de Galicia. A el, Lavandeira refírese como “unha especie de sabio do pan. É desas persoas que non saen do seu obradoiro. É un profesional dende hai moitos anos sen redes sociais pero se falas de pan en Galicia sexa de onde sexa o panadeiro é moi probable que o coñeza ou che fale del. Marcou unha maneira de facer pan”.
Tamén inclúe o libro citas de panadeiros estranxeiros. “A idea era que panadeiros con renome opinasen sobre o pan galego para darlle o carácter internacional. A elaboración do noso pan é moi coñecida fóra das nosas fronteiras”, explica o influencer que inclúe as opinións do australiano Dan Lepard, o francés Richard Bertinet ou o norteamericano Jeffrey Hamelman.
Un percorrido pola historia
O volume presenta un percorrido histórico. Así coñecemos como no Códice Calixtino se apuntaba que o pan máis consumido no Medievo en Galicia era o de centeo para ser desbancado polo de millo séculos despois e máis adiante polo de trigo.
“O pan galego que coñecemos hoxe en día cos buracos grandes e moi esponxoso –apunta– é algo bastante recente. Aquí sempre se consumiu pan de centeo porque se cultivaba máis este ao adaptarse máis ao frío e ás chuvias. Ao chegar o millo de América comezaron a facer a broa porque non había moito trigo e o trigo do país non daba moito rendemento. O pan de trigo era para ocasións moi especiais ou para a xente con cartos”.

Roscón de Caldas. / E.L.
Tamén tivo que ver no cambio dos hábitos a normativa e leis impostas desde os gobernos de Madrid. “Na época de Franco, prohibiron as importacións, incluído o trigo para promocionar o cultivo de España. En Vigo, que recibía ata entón moitas mercadorías por mar, cortouse a entrada de trigo de fóra. Pero o trigo cultivado en Castela pasou a moverse a todas as comunidades. Ademais, prohibiuse o cultivo das sementes autóctonas para promocionar a castelá”, engade Lavandeira.

Molete, exemplo de pan galego que aparece no libro "Pan galego" de Edu Lavandeira. / E.L.
Con todo, o modelo tradicional de elaboración do pan perviviu ao longo do tempo superando incluso ás panificadoras industriais. Para o autor, “é algo bonito e curioso. Existe no resto de España pero de maneira máis notable en Galicia. Aí ten que ver o carácter familiar dos negocios que se ían herdando de pais a fillos. Ao mesmo tempo a calidade do pan fixo que subsistise ata hoxe en día porque a memoria gustativa fixo que perdurase o pan artesán e non o que non sabe a nada. Porén tamén se fai pan malo”.
O libro presenta tamén receitas, trucos e unha parte documental na que percorre as Galicias do pan recorrendo as zonas de Neda (A Coruña), Carral, Carballo, Melide, Betanzos; en Lugo, Ousá, Antas de Ulla; en Pontevedra, O Porriño, O Deza, Caldas de Reis; en Ourense, Cea.
Exemplos especiais ou en perigo de extinción
“Algo moi bonito é que moitos pan que se fan nunha zona non se coñecen noutras”, reflexiona Edu Lavandeira que cita como exemplo a torta de nata de Vigo. A continuación, sinalamos varios pans especiais do seu libro.
Pan Cachado de Neda.
O pan cachado de Neda, sinala Lavandeira, “é arcaico e descoñecido para moitos galegos”. Ten unha especie de lazo no centro e ten que ser dobrado xusto antes de entrar no forno.
Pan de manteiga de Caldas.
O libro apunta que está en extinción. Leva trigo e manteiga cocida de vaca. Elabórase en América con outras variacións.
Pan de barco.
Chegou a ser un dos máis típicos de Galicia sé´culos atrás. As Reais Fábricas de Biscoitos de Neda fabricábano no século XVII. Son panciños planos, lisos e secos para que aguantaran as longas travesías. Nos últimos anos foron rescatados comercialmente como ‘mariñeiras’.
Proia.
Doce de pan típico da zona de Neda e Ferrolterra. A masa mentres fermenta non pode baixar dos 35 graos cando no resto dos pans non pode pasar dos 26-28 graos. Necesitarás unha amasadora.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una familia lleva a los tribunales el traslado a Ourense de un paciente psiquiátrico ingresado ocho años en Vigo
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- Así queda el cruce de la avenida de Madrid de Vigo tras suprimirse la polémica «turboglorieta»: ojo al nuevo cambio de sentido
- Medio centenar de orquestas lanzan un SOS: «La verbena gallega está en serio peligro»
- Cuatro meses de prisión por construir sin licencia una casita para invitados en Baiona
- Crecen en Vigo las demandas de padres divorciados que van a la vía judicial para liberarse de pagar la pensión a sus hijos
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- La DGT confirma para octubre el cambio que revolucionará el tráfico en Vigo: peatones y conductores no circularán a la vez
