Entrevista | Alexandre Fernández Director da Rondalla Santa Eulalia de Atios, primeiro premio no Ifevi

“Detrás das rondallas hai horas de arranxos, ensaios, esforzo familiar e frío”

“Cando me deu o espasmo o domingo no Ifevi, sentinme fatal; pero os rondalleiros tiveron a profesionalidade de seguir”, destaca o músico vigués

Alexandre Fernández, na actuación.

Alexandre Fernández, na actuación. / A. Hernández

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

O Certame de Rondallas do Ifevi celebrado o domingo e no que estivo gravando o director de cine Sánchez Arévalo para o seu vinderio filme tivo este ano como gañadora dobre (dous primeiros premios) á Rondalla de Santa Eulalia de Atios (O Porriño). O vídeo da súa actuación está a ser visto por milleiros de persoas, moitas descoñecedoras do percance que sufriu no arranque o seu director, o vigués Alexandre Fernández, quen caeu no chan sen case reaccionar como consecuencia dun tumor benigno cerebral, do que agarda a ser operado dende principios de xullo. A agrupación lonxe de parar, seguiu co directo, reincorporándose pouco despois o músico. Este e as rondalleiras e rondalleiros fixeron súa a célebre frase de Queen “The show must go on” (O espectáculo debe continuar”.

“Fixen un, dous, tres e no catro, deume un espasmo. Caín e dende o chan, convulsionando, dixen que arrancaran e así fixeron. As gradas ao meu carón berraron. Eu xa avisara á organización que había a posibilidade de que me dera algo pola lesión que teño e prohibín que entraran a axudarme. Pouco a pouco metín o chifre na boca e empecei a correr coxeando ata o medio da pista. Parecía a rondalla pantasma, todos, pálidos. Cando meu deu o espasmo sentime fatal pero os rondalleiros tiveron a profesionalidade de seguir, de esquivarme e seguir. Non me esperaba premio, a verdade”, explica o músico, profesor de percusión na Escola de Música de Chapela e en varias agrupacións folclóricas así como integrante do grupo Pelepau.

A rondalla de Atios, na actuación.

A rondalla de Atios, na actuación. / Alfredo Hernández

–Foi unha xornada épica.

–Foi un día de emocións moi fortes. A verdade é que non sei de onde saquei a forza para lenvantarme e saír correndo e defender a actuación. Había moito traballo detrás. A rondalla non vai en automático, o director ten que marcar moitas cousas. Eu non podo controlar os espasmos. Lembrei as horas de esforzo, os familiares levando os fillos para ensaiar, o frío que paparon no pavillón... Sentín impotencia e iso foi o que me fixo levantarme.

–Comentáranme que este ano case non sae a agrupación.

–A día 20 de outubro non se sabía se ía haber rondalla. Había moi pouca xente, houbo que facer un chamamento á parroquia para que participara. Inda que comezaramos a traballar en setembro, en outubro tivemos que empezar de novo porque chegou xente que nunca antes tocara. Fixeron un esforzo enorme chegando a ensaiar catro días á semana. A última vez que Atios gañara un galardón foi no 2001 e 23 anos despois levan o primeiro premio.

Alexandre Fernández, tras conocer que Atios había ganado el certamen.

Alexandre Fernández, tras conocer que Atios había ganado el certamen. / A. Hernández

–Teme que pensen que parte do premio se debeu ao incidente?

–Pode haber xente que diga que foi teatro. Pode dicilo xente que non me coñece, que non sabe polo que estou pasando. Eu vin as rondallas moi ben preparadas, todas querían facer un bo papel. O xurado era moi competente porque eran todos músicos titulados superiores.

–Botou en falta alguén no podio?

—A Rondalla de Pexegueiro (Tui) saíu de primeira e non lle beneficiou nada. Estaba todo arrancando na técnica. A directora, Silvia Posada, fixo un gran traballo, merecía premio e non levou nada.Ela axudou moito en Atios durante un mes que estiven fóra.

Silvia Posada, directora de la Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro, Tui.

Silvia Posada, directora de la Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro, Tui. / Mar Mato

–Elixiu un repertorio con sons tradicionais galegos, noruegueses e merengue.

–O primeiro tema chámoo “Jam Norwege” e escoiteino o ano pasado en Noruega cando estiven de Erasmus. Fixen arranxos para que quedara plasmado na pel. Soa moi viquingo. O segundo e terceiro foron a Xota de San Adrián de Cobres e a Muiñeira do Courel con percusións moi elaboradas. Seguiulle o tema “Aí vén o capataz” que llo fixen ao meu avó cando morreu hai tres anos. El era capataz de obras públicas. Eu gárdome moitas cousas para min e foi unha maneira de sacar fóra a tristeza. É un tema cunha rítmica balcánica de moita dificultade. Os abandeirados fixeron un traballo incrible. Seguiulle “El merengue” de Marshmello e Turizo e a Polca dos Encantiños que tocaba Treixadura. A rondalla ten un estilo propio, iso non significa que sone mellor que as outras; combinamos tradición con modernidade.

–Que hai que facer para que sobrevivan?

–O importante é que as rondallas saian no Nadal, que participe a xente. Debería haber premio para a rondalla máis tradicional. Non hai tantos eventos culturais de tradición con tanto público como o que se reuniu o domingo no Ifevi e botei en falta que non estivera o alcalde de Vigo ou un concelleiro cando doutros municipios si foron.

–Son moitas horas de ensaio.

–Moitísimas. Pontellas na última semana ensaiou catro días seguidos tres horas diarias. Nós chegamos a ensaiar dez horas semanais. Ese esforzo ten o máximo respecto. Hai xente que non entende un Nadal sen rondallas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents