O relevo xeracional, o difícil futuro das rondallas

A incompatibilidade cos horarios laborais e a falta de compromiso dos máis novos, principais atrancos para manter as agrupacións

Rondalla Helios de Bembrive.   | // RICARDO GROBAS

Rondalla Helios de Bembrive. | // RICARDO GROBAS / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

VIGO

Desde o interior do pavillón do Colexio Marcote, en Vigo, moi preto da autovía, o son da percusión atravesa as paredes e teitos para loitar fóra contra o vento e o paso dos coches. A Rondalla Helios de Bembrive ensaia. É mércores pola noite e faltan once días para a ‘batalla final’, o concurso do Ifevi do 14 de xaneiro, no que volverán a entregar premios ás mellores agrupacións tras anos sen eles pola pandemia.

Durante hora e media, dende nenos a maiores repiten unha e outra vez toques e pasos baixo as indicacións –altofalante en man– do seu director, Marcos Castro, quen urxe a repetir sen descanso. Na súa cara, durante o traballo, non hai nin un risco de expresión relaxada. Semella estar concentrado. Non falta moito para a gran actuación; menos para a cita de Gondomar do domingo (onte) e hai xente que inda non se sabe ben os toques. Ao rematar, a súa faciana transfórmase; máis riseiro, fai brincadeiras.

Rondalla de Pontellas, de 
O Porriño, onte en Redondela.   | //  JOSÉ LORES

Rondalla de Pontellas, de O Porriño, onte en Redondela. | // JOSÉ LORES / mar mato

As rondalleiras e rondalleiros de Helios, en xeral, están con nervos, mesmo os máis cativos. É o caso de Breixo Ruiz, de sete anos, que toca o bombo e empezou no 2023 en Helios para acompañar o seu padriño. Xunto a el, atópanse Noa Martínez, Valeris Nazaret, Zaira Pousa e Nadia Mayor Sotelino, ao redor dos sete anos. Zaira confesa estar nerviosa pola actuación do Ifevi; mentres que Nadia Mayo Sotelino, de Lavadores e que se apuntou para pasar máis tempo coa súa nai, confesa que lle encanta tocar a pandeireta.

Os irmáns Nailea González e Brian González, con 11 e dez anos, recollen as súas cousas. “Encántame a música e insistinlle aos avós que me trouxeran”, explica Nailea que ensaia con eles e o irmán.

O batallón dos máis noviños comparte escena cos veteranos: Candeán, Nemesio e María del Carmen. Esta última con 74 anos, leva desde os cinco anos tocando en rondallas. No seu caso, toca as castañuelas e ve con pena como anos atrás acudía máis xente. “Non vén moita agora, a verdade”, lamenta.

Os maiores e máis novos de
 Helios.   | // RICARDO GROBAS

Os maiores e máis novos de Helios. | // RICARDO GROBAS / mar mato

A esperanza reside en rapaces como David Giráldez. Con 16, leva cinco nesta rondalla onde comezou cando llo propuxo o seu profesor na Banda de Gaitas Charamuscas de Bembrive. “Este ano vou co saxofón. Da rondalla, gústame o ambiente, a xente, o compañeirismo, gústame moito competir no Ifevi”.

Calucho, Ana, Ariana e Iker.  | // S.R.

Calucho, Ana, Ariana e Iker. | // S.R. / mar mato

A uns 15 quilómetros de alí, noutro pavillón, pero de O Porriño, afánanse nas coreografías e interpretacións as xentes da Rondalla de Pontellas. Unha delas é Ana Rodríguez quen lembra que “o ano pasado fomos todos moi tranquilos a Vigo porque non había competición. Este ano nótase o nerviosismo, a presión... Hai medo a facelo mal no Ifevi e iso motiva á xente a esforzarse”.

Ana forma parte dunha familia rondalleira de tres xeracións: ela, de 51 anos; o seu sogro, Jesús Bugarín (Calucho), 68 anos;e os netos e fillos dela, Ariana Bugarín, de 16 anos, máis Iker Bugarín, de 12.

“Meu sogro –explica Ana– leva na rondalla de Pontellas dende que se fundou, hai 20 anos, que se celebraron en novembro. El é dos veteranos”. “Animáronme para que levara a nena que empezou con seis anos. Despois –prosegue– picoume a curiosidade pero antes de iniciar eu, fíxoo o neno. Como tiña que levalos e agardar por eles nos ensaios, empecei axudando a vender rifas e despois empecei coa pandeireta ata o día de hoxe. En total, oito anos, pouquiño tempo”.

Nemesio, María del Carmen e Candeán, en Brembrive.

Nemesio, María del Carmen e Candeán, en Brembrive. / Ricardo Grobas

Para esta muller orixinaria de Ponteareas –que coñeceu as rondallas cando foi vivir a Pontellas (O Porriño)– a agrupación “é como unha familia. Hai xente de todas as idades: o máis pequeniño ten cinco anos; a persoa maior, 70. Sempre estamos de festa aínda que nos ensaios hai seriedade porque non podemos facer o parvo no pasarrúas. Tes que dar unha boa imaxe da túa rondalla”.

Inda que hai presenza de nenos e adolescentes, cabe a pregunta de se son suficientes para garantir no futuro o relevo xeracional. “Agora mesmo, apunta Ana, a vida da xente moza e de mediana idade está colapsada polo traballo. Para combinalo coa rondalla é moi complicado. A rondalla non só é saír os días da actuación a tocar. No mes de agosto xa comezamos co repertorio; en setembro, cos ensaios; e en novembro, co debuxo no pavillón. Hai momentos nos que hai que ensaiar tres ou catro veces á semana. Moita xente da nosa rondalla chega unha hora despois de empezar o ensaio. O que nos salva é que temos a Serafín Rodríguez [director da agrupación]. Grava vídeos para que nós poidamos ensaiar na casa. Iso sálvanos de moitos sustos. Moitas veces a xente non se mete á rondalla porque polo traballo calculan que perderán a metade dos ensaios e non serán capaces de levar adiante o debuxo e a música”.

RONDALLA DE PONTELLAS EN REDONDELA.

RONDALLA DE PONTELLAS EN REDONDELA. / Ricardo Grobas

O exemplo do Torroso

Serafín –presidente da Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo (quince de Gondomar, Tui, Mos, O Porriño, Nigrán e Vigo) e director da Rondalla de Pontellas, con 94 integrantes incluidos músicos e abanderados– cre que “no pasado houbo máis xente nova que agora. Nótase a falta da xuventude como noutras actividades culturais como bandas de música. Aos nóvos cústalles máis involucrarse. Hai altos e baixos, con picos. Os nenos participan pero cando chega a mocidade empezan a saír e xa deixan de vir. Despois hai casos como a Rondalla do Torroso, con máis de 120 persoas, nas que hai moitos mozos porque está en auxe, mentres que noutras con pouco máis de 40 participantes ata lles custa formarse. A nivel xeral, cada vez custa máis manter unha rondalla; estamos loitando para que siga” un fenómeno do que consta a súa existencia dende 1829 nos arquivos.

Noa, Valeris e Zaira, no ensaio de Bembrive.

Noa, Valeris e Zaira, no ensaio de Bembrive. / M.M.

“É unha pena que se perda o espírito rondalleiro.”, lamenta Ana Rodríguez, de Pontellas. “No Nadal, sempre animan as rúas e os pavillóns. Daríame moita pena ser maior e ver que os meus fillos non poden ir tocar porque se desfixo todo. Tamén me daría pena por min porque eu penso seguir tocando ata que os brazos me dean”.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents