As uvas da mala sorte

Esta tradición de Noitevella convértese no escenario perfecto para que os pequenos, e tamén os adultos, se atragoen

Unha nena toma as uvas de Noitevella // JAVIER ROSENDE NOVO

Unha nena toma as uvas de Noitevella // JAVIER ROSENDE NOVO / Alba Prada

Alba Prada

En España é tradición despedir o ano tomando as 12 uvas coas badaladas. Do que non somos tan conscientes, e conste que non é por amargar a festa, é de que esta tradición se converte no escenario ideal para atragoarse. E é que as uvas enteiras, e aínda enriba tomadas con rapidez e distraídos, son uns dos alimentos máis dados a provocar asfixias, e especialmente entre os nenos e os maiores de 65 anos, os grupos de idade que máis adoitan atragoarse. De feito, segundo o INE, o afogamento (por esta e outras causas) é o primeiro motivo de morte non natural en Galicia.

“As uvas para os nenos son perigosas a causa das pebidas, que poden ir directamente ao bronquio en vez de á vía dixestiva. É o mesmo que pasa cos froitos secos, que se recomenda introducilos na alimentación dos cativos a partir dos 5 anos porque unha mala xestión da inxesta destos produtos poden convertelos en corpos estranos que sexan aspirados á vía respiratoria en vez de á dixestiva”, explica Susana María Rey, presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia.

Os pais que decidan que os nenos participen nesta tradición de Noitevella deben ter claro que é vital supervisalos, quitarlles as pebidas e ensinarlles que teñen que mastigar ben e tragar. En definitiva, que non coman ao ritmo das badaladas. “A pel non supón un perigo como tal para os nenos, é como comer a da mazá ou a da pera”, aclara a experta. “Sempre que se lles den as uvas en anacos pequenos, non enteiras, e que estén supervisados xa debería ser sufuciente para evitar sustos. Tamén canto máis idade teña o neno mellor, de feito para tomalas debe estar acostumado a comer sólidos e mastigar adecuadamente”, indica.

“Agora hai moito costume de darlles a probar aos cativos diferentes texturas e sabores, pero os nenos lactantes, por debaixo dos 2 anos, non teñen aínda moitas veces a madurez suficiente para coordinar mastigación e deglutición”, advirte.

Respecto á decisión dalgúns pais de cambiar as uvas de Noitevella por outro alimento para evitar sustos, advirte que moitas veces é peor. “A algúns ocórreselle darlles lacasitos e iso ten o mesmo efecto que a uva ou peor polo tamaño e pola dureza, pois un neno ten dificultade para mastigalos”.

Se vemos que o neno comeza o tusir, o primeiro é insistirlle en que siga tusindo para ver si el polo seu propio reflexo da tose é capaz de eliminar ese corpo estrano. Non se deben introducir nin pinzas, nin as mans nin ningún obxecto na boca do neno para tratar de extraer o corpo estrano. Si vemos que o cativo se está fatigando ou que se vai cansando e deixa de tusir, hai que avisar a un servizo de emerxencias porque probablemente precisa dunha manobra para quitar o corpo que obstrúe a vía respiratoria”, explica a presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia.

“Loxicamente sería aconsellable que todo o mundo coñecese as manobras de reanimación cardiopulmonar básicas e nesas manobras inclúese a da desobstrución da vía aérea. A de Heimlich é moi usada e debería coñecela toda a poboación”, di a pediatra.

A manobra de Heimlich

Este procedemento de primeiros auxilios consiste en realizar compresións abdominais para desobstruír o conduto respiratorio. Practícase de dúas formas, en función da idade do paciente. Nun bebé de menos de 1 ano, colócase boca abaixo sobre o brazo e, con coidado, golpéase nas costas, entre as escápulas, en repetidas ocasións ata desobstruír a zona. En adultos ou nenos de máis dun ano, hai que coller á vítima de pé, abrazala polas costas cos dous brazos e, nesta posición, presionar cunha man pechada e a outra recubrindo a primeira. Hai que apoiar o puño encima do seu embigo e presionar dentro e arriba, cara o centro do estómago.