A literatura infantil e o universo do Hematocrítico

María Raimóndez, Marcos Calveiro e Manuel Esteban falan en Vigo de lectores, do galego e da visión deste xénero literario no segundo coloquio de “A movida literaria”

Desde a esq., Manuel Esteban, Marta Fernández-Tapias, Marcos Calveiro e María Reimóndez.

Desde a esq., Manuel Esteban, Marta Fernández-Tapias, Marcos Calveiro e María Reimóndez. / Javier Teniente

O ciclo “A movida literaria” rendeu onte homenaxe ao escritor e profesor Miguel López, O Hematocrítico, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, nun acto no que a revista “A movida” reuniu aos escritores María Raimóndez, Marcos Calveiro e Manuel Esteban, no que falaron de literatura infantil e xuvenil poñendo o foco no universo literario do autor recentemente finado.

Os tres falaron con agarimo do Hematocrítico e destacaron del a súa capacidade de conectar cos lectores máis novos; a súa mirada crítica sobre o papel do xénero –María Reimóndez destacou “Feliz Feroz”–, e a súa intuición coa cultura popular. “Foi –dixo Marcos Calveiro– un dos grandes animadores culturais de Twitter polo seu grande sentido do humor e o grande ollo que tiña para captar os momentos virais antes de que se fixesen virais”.

Del quédanos o seu legado literario. “O importante das persoas que escribimos é a obra, é o que queda, independentemente dos recordos persoais, que, loxicamente son fundamentais. Pero é importante que non se perda o valor da obra e máis cando estamos a falar dun xénero que socialmente está pouco valorado”, dixo a escritora, que engadiu que este xénero forma aos lectores do presente e do futuro.

A literatura infantil e o universo do Hematocrítico

Público que asistiu ao acto. / Javier Teniente

Pola súa banda, Manuel Esteban lembrou o que O Hematocrítico lles dicía sempre aos nenos, que o patio do colexio es como a vida. “Eu creo que o que quería dicir en realidade é que a vida é como o patio do colexio: temos abusones, xente que nos axuda...”, comentou.

Na charla, que moderou a xornalista Tamara Novoa, debateuse tamén sobre se a literatura infanto-xuvenil segue sendo condescendente co público ao que se dirixe. Neste sentido, sinalaron que hai grandes diferenzas entre a literatura que se fai en Galicia e no resto do Estado e coincidiron en sinalar que a galega é “máis diversa” que a feita en castelán. “A escrita en galego trata temas complicados e complexos que non se atopan nos libros en castelán”, dixo Reimóndez.

Tamén sinalaron que os adolescentes len, mesmo máis que antes, e agradeceron o papel que fan os docentes para achegar a literatura en galego aos alumnos. Enlazando con este tema, Calveiro lamentou o proceso de “desgaleguización” dos últimos quince anos, a caída das vendas de libros en lingua galega e reclamou un maior compromiso coa lingua.

Sobre por que escriben para o público infanto-xuvenil, aseguraron que non se trata tanto de elixir xénero senón de escribir no que precisa a historia. Neste sentido, Esteban, que acaba de publicar a súa primeira novela para lectores novos, explicou que no seu caso foi un reto. “Estaba un pouco canso de escribir novela negra”, comentou o creador do inspector Carlos Manso.

Así mesmo, Calveiro asegurou que non cre que haxa diferenzas entre a literatura para adultos e a xuvenil. Pola súa banda, Reimóndez sinalou que o público adulto ten moito que ler na literatura infanto-xuvenil e que é prejuicioso non facelo só pola etiqueta do xénero.

Este coloquio estaba previsto para o pasado 29 de novembro, pero tivo que suspenderse pola repentina morte do escritor coruñés, parella da escritora Ledicia Costas, que tamén ía participar no mesmo. Dentro deste ciclo, que conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, fíxose un “Relato compartido”, no que participaron, ademais destes tres escritores, outros sete, entre eles, o finado Domingo Vilar, e que foi editado tamén coa colaboración da institución provincial.

Suscríbete para seguir leyendo