Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Alejo Amoedo Pianista, futuro membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes

“O talento é igual a traballo máis traballo máis traballo; non queda outra”

“Non pode ser que aínda haxa unha ópera de Marcial del Adalid sen estrear”, lamenta o pianista vigués quen atesoura milleiros de partituras de compositores galegos

Alejo Amoedo soña con ler o seu discurso de ingreso en Vigo

Alejo Amoedo soña con ler o seu discurso de ingreso en Vigo / Ricardo Grobas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

A Real Academia Galega de Belas Artes contará en pouco tempo cun novo académico numerario: o pianista vigués Alejo Amoedo Portela. O profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo admite sentir “vertixe” ante o nomeamento. O seu currículo quita o aire: coordinador do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega, asesor da Fundación Reveriano Soutullo; fundador da Irmandade da Música Galega; socio de Pertenza e membro electivo do plenario do Consello da Cultura Galega. Nesta conversa coñecemos un pouco máis os comezos daquel neno que abriu os ollos no 1966 en Redondela e que comezou a soñar coa música da man de seu pai, músico de orquestra.

–Académico, que honra!

–Cando me chamaron sentín vertixe. Castromil, Groba e outros músicos foron académicos numerarios. Entroume ansiedade, é unha responsabilidade aínda que tamén sinto gratitude. Tamén me plantexei como cheguei a isto se eu non son tan coñecido.

–Cal foi a resposta?

–Son como unha formiguiña,traballei e traballo na música galega. Agora teño que contribuír aos fins da Academia Galega, que é a promoción das artes galegas, no meu caso, da música.

–Cando empezou a namorar do piano?

–Con nove ou dez anos, meu papá ensinoume os primeiros rudimentos musicais.El era músico nunha orquestra de baile e o meu avó tamén era músico. Moi noviño, empecei en Saxamonde, en Redondela, con Amador Pérez, o meu primeiro profesor de solfeo; tocaba o órgano e o acordeón. Tiña un enorme talento el. Dicía que tiña que estudar piano, que tiña que ir a París porque tiña moitas cualidades. A París, non cheguei ir pero si toquei o piano.

–En que orquestra tocaba o seu pai?

–Nos Rítmicos de O Porriño e en Gran Casino. El tocaba a trompeta. Curiosamente, non a toco pero é o instrumento que máis acompaño no conservatorio. Ao tocar alí, o pianista da orquestra, José Luis Pastoriza, tiña formación clásica e instruíume nos primeiros cursos de piano. Logo vin para Vigo estudando con profesores particulares para examinarme por libre. Na cidade, estudei con Jesús Fernández Yepes, o primeiro director do Conservatorio de Música de Vigo. Por último, especialiceime en Madrid cun pianista excepcional que acompañaba a Caballet e Alfredo Kraus. Era Miguel Zanetti. Coñecino nun curso e convidoume a estudar con el.

–Por que o piano?

–Fisicamente é un instrumento atractivo. Tecnicamente escoitas a unha persoa soa facendo o seu propio acompañamento. É moi versátil. O piano ou o teclado está presente en case todos os estilos de música. Eu namorei do repertorio do instrumento, da música. No meu caso, elixín o campo do acompañamento (acompaña musicalmente). Hoxe traballo no mesmo centro onde acabei a carreira.

–Supoño que será feliz alí.

–O Conservatorio Superior de Música de Vigo é un dos meus orgullos. Está en Vigo, nunha cidade marabillosa. Son un privilexiado. Teño un dos traballos máis bonitos que se poden ter. Levo dando clases desde os 21 anos e estou ilusionado como o primeiro día. Sigo estudiando. Non hai moitos traballos nos que podas dicir iso.Centos, milleiros de alumnos pasaron por aquí e eu acopañeinos ao piano.

–Despois foise especializando no repertorio de compositores galegos.

–Sentinme atraído polos compositores da terra. Ademais son coleccionista de partituras. Teño unha boa colección de música dirixida ás pezas galegas. Fun atopando partituras, fotos, libros... Os compositores necesitan intérpretes.

–Cantas partituras ten e cales son os principais tesouros?

–(Risa) Unhas cantas miles. Teño “Cantares Nuevos y Viejos” de Marcial del Adalid, compositor do século XIX. É unha xoia para min porque el é o precursor do Rexurdimento musical galego. Achegou a parte popular á música culta como se facía naquela altura no resto de Europa. Ademais, foi alumno de Moscheles que, á súa vez, foi alumno directo de Beethoven. Ademais, como fixen a tese sobre o piano na obra de Reveriano Soutullo, teño libros e partituras del, da época. Son orixinais, en primeira edición. Un vai collendo un camiño segundo vai saíndo, non é que estea trazado a priori.

–O talento é algo innato?

–É unha pregunta que dá para un traballo arduo. Vou intentar sintetizar a resposta. A maior talento, máis facilidade; pero se tes moito talento pero non es constante, a balanza desequilíbrase. O talento é igual a traballo máis traballo máis traballo. Non queda outra. Non é real a imaxe romántica de que unha persoa está pensando e lle xorde a composición.Pode xurdir unha idea pero despois tes que elaborala e, para iso, necesitas coñecemento. Por iso a música clásica ten esa complexidade e é sinónimo de música culta: tes que cultivala. Os compositores teñen que ter unha formación moi ampla.

–Que figuras entre os compositores galegos habería que traballar máis coas novas xeracións?

–Hai unha figura do XIX na historia do piano a nivel europeo: Marcial del Adalid. Aínda hai unha ópera del sen estrear. Non pode ser. A súa obra hai que gravala porque non está gravada na totalidade. Non pode ser que non o coñeza todo o mundo. Recalco que foi alumno de Moscheles, alumno de Beethoven. Tamén habería que reivindicar a figura de Martín Códax. Foi o noso inicio. Temos un tesouro con esas seis cantigas musicadas medievais deste trobador. É un tesouro para Galicia. Outra figura é o vigués Manuel Martí, tamén do século XIX. Xunto con Adalid é descoñecido. Tamén hai que reivindicar a Pascual Veiga, Xoán Montes (autor da música de “Negra sombra”), Andrés Gaos, Reveriano Soutullo que foi un dos xenios da historia e José Baldomir (que puxo música a ‘Maio longo’ que popularizou despois Carlos Núñez). Baldomir foi o que máis musicou a Rosalía de Castro no seu momento.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents