Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O profesor galego que che mostra Irak ou Gambia en bicicleta

O ourensán Cristian Ríos percorre a Terra a pedal e amósao na súa canle de YouTube ‘Co mundo a voltas’

Na casa dunha familia yazidista no Kurdistán. | // COMUNDOAVOLTAS

O profesor galego Cristian Ríos Fernández, nunha viaxe na Arxentina, pensou que ía morrer na montaña. “Tomei a decisión –lembra– de que si sobrevivía tiña que viaxar”. E así foi. A día de hoxe foxe da etiqueta de turista convencional. O seu é coñecer a xente dos lugares, saber como viven e mesmo cruzar países –como Irak ou Gambia– que se escapan da folla de ruta de case todos.

Os seus periplos –o primeiro, no 2019– realízaos case sempre en bicicleta e coas máximas do respeto e do aforro, chegando a durmir ao raso, en obras ou casas abandoadas ou mesmo en recovecos dos aeroportos.

“Cando cumprín 30 anos empecei a querer facer cousas diferentes ao viaxar pero non atopaba con quen. Custoume tomar a decisión pero ao final decidín facelo eu só. Moitas veces deixamos de facer cousas por facelas sós como ir ao cinema, un festival, tomar algo ou viaxar. Eu volvín empoderado da primeira viaxe sen compañía porque descubrín que podía facelo. Fíxome sentir poderoso e trasladeino a outras cousas”, explica.

Porta de Ishtar en Babilonia, Irak. | // COMUNDOAVOLTAS

Arxentina e Brasil son os protagonistas dos primeiros vídeos da súa canle no YouTube, Comundoavoltas, en galego. “É moi amateur. Todo o fago eu nos vídeos. Ao principio era máis caseiro do que é agora”, recoñece o mestre ourensán que durante moitos anos viviu e deu clases en Vigo.

En canto ás sensacións principais que lle deixou Arxentina, destaca que hai “moitas paisaxes fermosas alí que non coñecemos. Alí lévase moito o turismo interior e a min coincidiume nese periodo vacacional o que me permitiu coñecer a moita xente”.

No caso de Brasil, ía acompañado por unha amiga. Ambos os dous decidiron facer cousas máis arriscadas como baixar o Amazonas, descender o río en barquiños locais.

https://youtu.be/yHQRChdoDuI?feature=shared

Respecto a se ían con medo, Cristian sinala que non lles pareceu perigoso agás un lugar: “Non digo que pasen cousas pero eu en ningún momento me sentín con desconfianza. Só nun sitio, en Manaos, a capital do estado do Amazonas. Había que andar en alerta todo o rato. Eu son moi aventureiro pero non me apetece ir buscar a morte por nada”.

Cristian cre que o medo e os prexuízos nos fan descartar lugares. “Nas noticias vimos que Irak era un país en guerra, destrozado. Chegas alí e é un pobo superxeneroso e hospitalario. A xente peléxase por te axudar.Estiven un montón de días sen pagar a comida porque non me querían cobrar, porque eu era turista e querían que me levara unha boa impresión deles. Eu recomendo á xente ir a Irak e inda non conseguín que vaia ninguén”, comenta.

Se algunha muller le isto e ten dúbidas, Cristian aclara que “eu como home só teño acceso ao 50% da poboación destes países, só podo acceder ao mundo dos homes; pero as mulleres turistas teñen acceso tanto ao mundo dos homes como das mulleres”. Isto, porén, non se aplica a todos os países árabes ou da contorna de Irak. “Alí cruceime con dúas alemás que tiveron moi boa experienciano solo iraquí pero non en Irán precisamente polo feito de ser mulleres”, lembra.

Os seus vídeos de Irak asombran, especialmente o dedicado a Kerbala, cidade santa para os musulmáns chiítas, pola beleza e luxo do interior e exterio das súas mesquitas e por como a poboación vive a súa fe. “O ambiente ao redor delas é impresionante e é semellante á Meca. Son unhas construcións máis alá do que se pode imaxinar. Todo o mundo, ducias de miles de persoas, está rezando sobre alfombras no chan con enorme sentimento”, sinala Ríos.

Outro vídeo amósanos unha aldea de Gambia onde foi coa súa amiga Iria, tamén en bicicleta. Alí, convidáronos a comer nun xantar popular preparado nun recipiente de ferro negro e grande con tres patas como o tradicional pote galego.

“Tivemos a sorte de chegar o día da festa do lugar. A eles chamoulles a atención que chegaran dúas persoas brancas en bicicleta. Convidáronnos a comer. Como non sabiamos se tiñan para eles, comiamos moi pouquiño para non acabarlles coa comidai”.

En Gambia, non hai nin hoteis nin resorts, pero si ecocamps. “A costa gambiana é un sitio bastante turístico. Hai bastante turismo sexual europeo, homes e mulleres que van alí. Nesas zonas si hai hoteis pero no interior hai unha especie de campamentos que funcionan para turistas. É de onde tiramos nós basicamente”, sinala Cristian Ríos.

Agora mesmo, traballa nos vindeiros vídeos. Nun, amosa como coñeceu a unha parella que viaxaba nun autobús camperizado na Arxentina. “Recolléronme na rúa no medio dun temporal e fixemos unha amizade moi forte”, detalla. Tanto, que agora viven con el aquí en Galicia mercando casiñas en ruínas preto do Carballiño paa reconstruílas e alugalas a artesáns ou artistas pero coa idea de marchar en bicicleta o antes posible.

Compartir el artículo

stats