Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Carmen Villar Alonso Poeta, xornalista, que vén de publicar poemario

“Vivimos nunha xeración dixital que corre o risco de perder a súa memoria”

“Hai un desexo de ter arelas e de vivir no mañá; eu quería facer un chamamento á realidade para disfrutala mesmo cando non está á altura do que desexamos”, defende

Villar Alonso, en Compostela, coa súa obra. / XOÁN ÁLVAREZ

Villar Alonso, en Compostela, coa súa obra. / XOÁN ÁLVAREZ / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Carmen Villar Alonso leva máis de 20 anos a nutrir a crónica deste país nas páxinas de FARO DE VIGO. Nos últimos anos, saúda a cotío coa súa poesía en letra e foto no X (Twitter) e no Instagram. Dende esta semana, ademais, podemos ler en libro, no papel de tesouros, o seu primeiro poemario, “Os mil e un días” (Xerais). A autora de conversa profunda lembra que leva escribindo versos dende moi noviña, nun novelo de tinta que chega ata hoxe: “De nena, vivía na lectura. Criáronme os avós e os libros no paraíso. Agora, vivo na escrita” para rematar sinalando que “a poesía téñoa de serie e o xornalismo tiven que aprendelo”. Son os seus versos de sentimento coa peneira da emoción.

–Que hai dentro do título “Os mil e un días”?

–Vén porque é un resumo, síntese, de experiencias vitais, un camiño de poesías e imaxes que percorrín durante tres anos. O proxecto de trasladar a papel o que só eran ceros e uns xurdiu avanzada a irrupción da pandemia e da conversa co profesor da UVigo Beni Fernández Salgado, quen me animou e foi tan ousado que me axudou a escolmar os poemas.Como sabes, levo cinco anos cun proxecto na rede no que dialogan poesía e imaxe como Carmen de Milmanda no que publico “unha peza” ao día e o libro é unha escolma desa viaxe. O resultado foron 111 poemas máis un adicional. Ademais, “As mil e unha noites” é unha das miñas bonecas rusas de contos favoritas.

Presentación da obra "Os mil e un días" de Carmen Villar

–O libro ábrese con empezamos/ a romper/ sen decatarnos. Este é un poemario no que se mostra a fraxilidade do ser humano. Dálle pudor revelarse?

–Os seres humanos somos seres que nos desgastamos e rompemos, queirámolo ou non. A cuestión é ata que punto somos quen de recompoñernos. Iso é o relevante. O pudor é unha palabra moi complexa para falar á lixeira dela. Un dos meus xeitos de estar no mundo é a escrita. A poesía é unha concreción diso escrito e permíteme ir máis alá do que fago normalmente. O de romper ten un vencello moi importante coa miña obsesión polo paso do tempo, pola entropía.

–Noutro poema sinala que hai algo de poético/ en practicar o pretérito. Por que é máis poético o pasado que o futuro?

–Temos a tendencia de idealizar o pasado moitas veces. Eu son unha melancólica habitual. A maior parte do tempo exerzo de melancólica. Falar das cousas que pasaron antes serve para falar de quen somos, de onde vimos e non perder de vista as orixes. O poema e o poemario están dedicados aos meus avós que foron fundamentais para construírme.

–Precisamente, no final do libro ofrece un código QR que nos leva a un poema audiovisual no YouTube “A Rosario coa que eu rezo”, destinado á súa avoa.

O libro vai adicado aos meus avós maternos, que me criaron xunto aos libros no paraíso. Sempre digo que se as mulleres de mariñeiros son viúvas de vivos, os descendentes da emigración [Carmen naceu en Zürich mais foi criada polos seus avós na Galicia] somos orfas e orfos de vivos.

Estamos feitos de moitos defectos e un deles é a tendencia a vivir no futuro

Carmen Villar Alonso

— Poeta

–Convida á reflexión cando sinala o de ser consciente da vida e aproveitar dela ata as espiñas.

–Estamos feitos de moitos defectos e un deles é a tendencia a vivir no futuro. Hai un desexo continuo de ter arelas e de vivir no mañá. Eu quería facer un chamamento á realidade para fixarse nela ou disfrutala mesmo cando non está á altura do que desexamos. É un luxo estar vivos. Unha das cousas fermosas da poesía é a atención cando se mira o mundo. Convido a todo o mundo a parar e mirar. Se o fas, decátaste de que as espiñas non son tan malas.

–Imaxino que ler e ulir os seus poemas no papel debe supor unha enorme felicidade.

–Os ceros e uns non arrecenden. Son prácticos e serven, pero non acoden aos sentidos. De feito, malia as vantaxes do mundo dixital, vivimos nunha xeración dixital que corre o risco de ver extinta a sua memoria. Ata os Nexus-6 de “Blade Runner” tiñan imaxes impresas, fotografías, para se construíren a si mesmos como seres libres e únicos.

–Que clase de poeta é vostede? Quer dicir como é o traballo na hora da composición?

–Respecto e admiro a moitos autores e autoras contemporáneos, pero o meu é a poesía extensiva, máis cerca da recolección de herbas ventureiras,como facían as nosas devanceiras mulleres que dunha agricultura intensiva. Suso de Toro dime que eu fago “poesía ventureira, apañada nas beiras dos camiños”. Vale a metáfora no sentido de que son as fermosas flores que atopamos á beira de calquera río, de calquera camiño, flores sen pedigrí, sen caché, que só adquiren certa dimensión da súa valía cando nos volvemos a miralas, a prestarlles atención.

Carmen Villar Alonso

Carmen Villar Alonso / Carmen Villar

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents