Os 20 anos de Rei Zentolo xa teñen libro

Galaxia edita “Antes molabamos máis” que recolle centos de deseños da marca galega

Rei Zentolo cumpre 20 anos.

Rei Zentolo cumpre 20 anos. / Marta G. Brea.

Mar Mato

Mar Mato

No 2003, despegaba Rei Zentolo, unha marca de camisolas Made in Galicia, que pronto se convertiu nun estilismo obrigado nos armarios de toda unha xeración.

Levar unha camiseta do Rei Zentolo hai 20 anos comezou a ser un signo distintivo de país, de cultura e de comunidade. Mesmo nunha sesión de sábado á noite na discoteca Razmatazz en Barcelona a mítica prenda coa imaxe de Rosalía de Castro e a chiscadela a Warhol atraía a atención con pregunta incluída de ‘Onde conseguiches esa camiseta?’.

O máximo responsable de Galaxia, Francisco Castro, lembra cal foi a primeira que mercou: “a dos pementos de Padrón, uns pican e outros non nun inglés mal feito [Little green hot peppers from Padrón, ones are spcity another don´t]. Sígoa tendo, moi machucada, non a podo poñer. Téñoa na casa como unha reliquia”.

Agora, polas dúas décadas de existencia da firma, Galaxia e Rei Zentolo uníronse para publicar un libro homenaxe ao máis dun milleiro de camisolas que saíron neste tempo. O resultado é “Antes molabamos máis” que onte foi presentado en sociedade en Compostela.

Rei Zentolo cumpre 20 anos.

Rei Zentolo cumpre 20 anos. / Galaxia

A elección de Santiago veu dada porque xusto na Porta do Camiño atopáronse dous amigos, Pablo e Miranda, tras rematar Belas Artes. Dese encontro no que falaron do “humano e do divino” naceu Rei Zentolo, a que se convertería na avoa hoxe en día das camisolas de raíz galega.

Sobre o título do libro, “Antes molabamos máis”, explica o responsable da marca, Pablo Zentolo, que “este 20 aniversario podería parecer algo pomposo. Nós queriamos romper con iso. Cando te vas facendo vello, sempre tes saudade do pasado. O concepto de molar vai intrínseco ao noso traballo. Queremos molar. Dende a segunda tirada de camisetas, hai xente que nos di ‘antes molábades máis’.Iso quere dicir que, polo menos, nalgún momento gustabamos e que seguimos a molar. Aquí seguimos 20 anos despois, o que é complicado”.

Dende Galaxia, subliñan que “é unha festa este libro. Non hai dúas páxinas iguais. É un luxo de deseño. É unha satisfacción dobre como editores. Rei Zentolo está na liña de Galaxia porque son dúas empresas que teñen Galicia e o galego como referentes e como obxectivo de protección. Por outra banda, porque xuntámonos unha morea de mentes creativas para facer un libro que é un luxo en todos os sentidos”.

A histórica camisola con Keith Richards e o licor café.

A histórica camisola con Keith Richards e o licor café. / mar mato

A través de 232 páxinas, imos percorrendo o camiño con numerosas imaxes –un alto porcentaxe das camisetas paridas neste tempo– pero tamén con textos nos que participan dende Inma López Silva e o mesmo Francisco Castro a Iria Lago. Esta última, tendeira de Rei Zentolo en Vigo encabeza a súa redacción “Composición Química Galega” da camisola RETRANK como RE (resiliencia), Tr (Trapalleiro), An (Anarquía) e K (Licor Kafé). No seu epílogo, escribe: “Con disciplina, sacrificios e moitas horas de traballo, acadamos que non nos engulisen cos ollos vendados”.

Castro (centro) olla para o libro con Pablo Zentolo (dereita).

Castro (centro) olla para o libro con Pablo Zentolo (dereita). / Galaxia

Non é o típico libro que relata a historia dalgo. “Non, non é”, responde Francisco Castro. “Queriamos fuxir diso. Se algo caracteriza a Rei Zentolo é a retranca. Non queriamos facer un tratado serio. Queriamos que toda a obra así como as colaboracións literarias tiveran ese aire de festa e de certa irreverencia”, engade o editor.

Pregúntolle ao responsable de Galaxia por que mercar este libro. “Un ve o libro en detalle e un ve aí a historia de Galicia, desde os primeiros deseños pegados a unha certa concepción folclórica da existencia ao momento no que colle máis contido social sen perder a retranca. Navegar polos 20 anos do Rei Zentolo é dalgún xeito navegar pola historia recente do noso país”.

E toda gran historia merece unha festa en Galicia. Ese vinte aniversario terá a súa romaría no outono coa data pendente de publicación. “Faremos un evento de presentación do libro cunha festa, con xantar, música, nun espazo onde botar unhas horas para gozar”, sinala Pablo.

Tracking Pixel Contents