...    

Entrevista | Rosa Álvarez Actriz e directora de teatro

“Aínda que me retirei como actriz o ano pasado, non me retirei da loita” 

“Cando ías por aí e dicías que eras actriz se che quedaban mirando cunha cara como se foras un extraterrestre”, lembra tras recibir o Premio Academia Galega de Teatro 2023

Rosa Álvarez.

Rosa Álvarez. / FARO

M. González

M. González

En Ribadavia, a súa “patria adoptiva”, o mesmo lugar que a viu nacer como actriz, Rosa Álvarez recibirá o próximo 21 de xullo o premio Academia Galega de Teatro 2023, que lle foi concedido tra-la xuntanza da directiva da Academia Galega de Teatro no Pazo de Mariñán o pasado mes de maio. Este premio distingue así a súa “dilatada carreira, sempre na procura da excelencia artística, e o seu compromiso coa loita pola dignificación da profesión teatral, nomeadamente pola visibilización e posta en valor do rol da muller no teatro galego”.

–Que supón para vostede este premio que lle concede a Academia Galega de Teatro?

–Este é un premio que me dan pola miña loita polo teatro, pola miña labor para visibilizar ás mulleres no teatro, que por iso sempre pelexei moitísmo. Teño a honra de ser cofundadora de todo o asociacionismo de Galicia, porque pensaba que soamente así as cousas poderían ir para adiante. A maiores, tamén estou moi orgullosa de ter cofundado a primeira compañía de mulleres en Galicia –a compañía Teatro do Malbarate, xunto a Mabel Rivera e Marisa Soto– e me fai moita ilusión por esa parte. Xa non teño idade para ser modesta, e me fai ilusión polas dúas cousas: pola miña carreira profesional e tamén pola miña loita por isto que amo tanto que se chama teatro.

–E como ve esa situación da muller actualmente dentro do tecido teatral galego?

–O outro día fun a unha xuntanza de teatro en Mariñán para poñerme ó día e ver como estaba a cousa. Primeiro me desolei, porque a verdade é que está tremendo o teatro, pero logo animeime moito porque a Academia do Teatro ten un plan para coller o toro polos cornos, como se soe dicir. É un plan fantástico, pero que lles vai levar moitísimo traballo, pero xa saben que eu, aínda que xa me retirei como actriz o ano pasado, non me retirei da loita. Teño 72 anos e recordo toda a vida pelexando por acadar unhas condicións mellores para o teatro e non hai maneira. Eu creo que pasamos máis tempo da nosa vida en despachos que facendo teatro, que é o que queremos facer. En canto ás mulleres, non foi un tema que se tratara na xuntanza, pero sei que hai moitas mulleres no teatro agora mesmo, moi novas e que teñen moitas compañías, pero que teñen unha función. Ti cres que si tes unha función ó ano podes facer algo? Eu creo que non.

–Cales son as urxencias nas que hai que incidir para mellora-la situación?

–Hai unha cousa que teño clara: somos unha profesión no que nunca houbo machismo, sempre houbo un respecto entre actores e actrices, directores e directoras. As loitas agora xa non son como as que faciamos antes, de manifestarnos, de facer espectáculos especiais, porque o tema sempre está nos cartos. É así de claro. E agora mesmo pasa tamén pola estabilidade das compañías. Tantos teatros que hai en Galicia e que estean baleiros a maior parte do tempo, tendo que estar as compañías ensaiando en locais que non son os axeitados...

–A Academia Galega de Teatro di que sempre estivo “na procura da excelencia artística”. É ese o seu selo como como actriz?

–Eu estou contenta porque todo o que fixen fíxeno con moita ilusión e de boa gana, traballando duramente. Tamén son unha actriz con moito carácter, pero agora vou amainando. Con tódolos espectáculos que fixen estou moi contenta. Soamente habería un, que non vou dicir cal é, que me deu moito sufrimento facelo; do resto estou moi contenta, sobre todo de ter creado Malbarate e tamén a compañía Lagarta Lagarta co meu compañeiro Ernesto Chao, onde puiden poñerme a dirixir tamén e quedei moi contenta con esa experiencia.

–Podería escoller entre actuar e dirixir?

–A actuación. Encantoume dirixir, sobre todo porque foi un reto para min, porque non tiña claro se ía poder facelo ou non e logo vin que si, que podía facelo; fixemos tres espectáculos estupendísimos, pero que vou dicir de actuar, de algo que amas tanto que é esta profesión. É algo que nin sequera o facemos por cartos. Facémolo porque é a nosa vida. Eu, que teño o corazón roto agora mesmo, máis dunha pequeniña parte está aí sempre tirándome polo teatro. O meu orde é: teatro, cine e televisión.

–Bótao en falta?

–Temos a sorte de amar esta profesión, por iso pelexamos tanto por ela. Supoño que hai xente que traballa pero que non lle gusta a súa profesión, pero para nós é a nosa vida. Ás veces si, claro que o boto en falta. Cando me marchei o ano pasado prometín que sempre ía estar no patio de butacas. Prometino e vouno cumprir.

–Cando descubriu a súa vocación?

–Empecei en Ribadavia, na Agrupación Cultural Abrente, despois xa, en plan tolos, nos lanzamos para Vigo, onde, coa profesionalización en marcha, nos metemos en Artello Ernesto [Chao] máis eu. Aí empezou a nosa historia. Pero dende os 16 ou 17 anos xa estaba no teatro afecionado. Fomos tamén, xunto con tódolos de Abrente, os fundadores das primeiras mostras de teatro galego en Ribadavia.

–Como descubriu que esa era a súa paixón?

–Non o sei. Cando empecei a facer esas primeiras obras de teatro aficionado díxenlle ós meus pais que me quería ir a Madrid para estudar teatro; e claro, mandáronme para a habitación. Cando ías por aí e dicías que eras actriz se che quedaban mirando cunha cara como se foras un extraterrestre.

–Garda con especial agarimo algún personaxe?

–O primeiro personaxe que máis teño no corazón, polo que me deron un premio, foi na obra de Woyceck, do Centro Dramático Galego. Logo tamén gardo con moita ilusión un espectáculo que fixemos con Artello, que foi un ‘bombazo’ en Galicia, que se chamaba “Celtas sin filtro”. Eu quero a tódolos meus personaxes, pero eses dous en concreto marcaron un antes e un despois na miña carreira. Tamén o dun que fixen con Chano Piñeiro. Nunca fixera cine e aí sentinme actriz.

–Creou un valioso legado.

–Espero que os novos saiban de onde veñen, dos que fixemos os carreiros deslombándonos.

Suscríbete para seguir leyendo