A xornalista de FARO Mar Mato vén de gañar o Premio Afundación de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego co seu traballo “Réquiem por un sombreiro”, publicado no dominical Estela do decano o pasado mes de decembro.
Imponse así aos outros dous finalistas, R. Soteliño, con “Gafas de pasta, cores de Warhol... Letras Galegas”, e Manuel Varela, por “Cando atopei a paz nun Dacia”.
Tras a recollida do premio, Mar Mato amosou unha "felicidade inmensa" ante a honra que supón "recibir un premio tan importante e significativo e que leva o nome de Paco del Riego, capaz mesmo arriscar a súa vida polo idioma, a cultura e o país". Tamén tivo palabras de agradecemento para a súa familia, amigos e compañeiros de Faro de Vigo.
Acompañaron á premiada, ademais das outras dúas persoas finalistas, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; e as persoas integrantes do xurado: Víctor Freixanes, presidente; Fina Casalderrey, vogal; María Varela, vogal; Gloria Rodríguez López, vogal; Xosé Carlos Caneiro, vogal; e Francisco Castro, vogal e premiado na pasada edición.
Freixanes, destacou o compromiso de Afundación coa cultura e quixo acentuar o valor do «talento, que no caso das tres finalistas foi poñer en palabras as emocións e sentimentos profundos que todos temos. Os vosos traballos son moi intensos e están moi ben escritos e corroboran a idea que comentabamos o ano pasado: as xornalistas literarias engrandecen a nosa literatura».
Os galardóns cumpren 20 anos e nesta edición presentáronse 32 textos (14 de mulleres e 18 de homes).