Fuxan os Ventos pertence xa aos mitos da cultura e música galegas. A súa actividade discográfica deixou para a historia temas como “Sementeira”, “O carro” (con letra de Manuel María) ou “O meu amor mariñeiro”, entre outras moitísimas cancións, que son himnos, lembranzas dunha época na que se arelaba máis liberdade e que agora parece unha utopía.
Elas e eles loitaron por cantar en galego e mesmo chegaron a facelo nos anos 70 e principios dos 80 en Cataluña, Bélxica, Euskadi, Francia (Festival de Lorient) ou Madrid.
Asegura Baldomero Francisco Iglesias, Mero, no libro “50 aniversario Fuxan os Ventos. Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío” (Galaxia), que eran “tempos difíciles para o idioma e a cultura galegas” e que “a experiencia de Fuxan foi preciosa, moi bonita, unha posta en común”.
O contexto no que naceu son os anos 70, o momento da Nova CanciónVasca, Víctor Jara, Violeta Parra, da morte de Hendrix e Presley, o xurdir dos Beatles e dos Rolling, Mocedades ou Nino Bravo máis o Zeca Afonso, Juan Pardo, Andrés Dobarro ou Amancio Prada.
Os comezos vívenos na Ditadura de Franco cando os temas que se ían cantar tiñan que ser declarados no Goberno Civil. “As letras tiñan que ser traducidas nun primeiro tempo ao castelán, despois deberían (...) traer o selo de ‘aceptada’ ou ‘denegada’. Os gardas, da secreta, viñan pedir a documentación”, recorda o profesor e músico.
É o percorrido dun grupo que tras idas e vidas, buscou seguir en activo tras regresos puntuais. Mero lembra porque “ten unha pequena espiña por contar”, a súa “versión despois do tempo pasado” (...). Durante anos calei, non por covardía senón por ese estado de educación, claramente absurda” ante a versión da historia que outras persoas deron do grupo.
No volume rememora como xermolou a banda na Casa Diocesana de Lugo na que o crego Xesús Mato daba clases a un coro de rapazas. O sacerdote viu que “había un grupo que á marxe dos ensaios do coro, cantaba outras cousas” e tras a chegada de rapaces fíxolles unha cantiga titulada “Fuxan os ventos”. Era o ano 1971 e con ela presentáronse as rapazas e rapaces a un concurso de Mondoñedo –III Cancioneiro de San Lucas– que tiña como premio gravar un disco.
O certame, celebrado no 1972, gañárono e así foi como comezou a lenda dun grupo –decidiron bautizarse como a canción– que se nutriu de cantigas da terra e de canción de autor nun inicio, cun marcado carácter reivindicativo, que co paso dos anos foi abandonado, o que critica Mero no libro: “Non se daban conta de que a censura non desaparecera co réxime, que se perpetuaron os seus mecanismos en forma de auto censuras e pactos sociais, silencios”.
Os integrantes de Fuxan os Ventos, no inicio, foron culpados de separatistas, antiestatuto, críticos das novas leis e ordenamentos; pero tamén de ser de Democracia Cristiá, do Opus, de ter un pasado sospeitoso, de seren comunistas mesmo da Falanxe.
“Moito inventaron”, escribe Mero. “O certo é –prosegue– que eramos rompedores naquelas circunstancias de medos e silencios (...). Sentiámonos satisfeitos de crernos libres, aínda que mantivésemos estreitas relacións con toda a esquerda e a esquerda nacionalista”.
No contrato asinado no 1976 con Fonogram, sinalan que a súa liña é de investigación e recuperación do folclore galego, a creación dunha posible música galega e darse a coñecer con fins culturais e non comerciais. Como integrantes da banda, figuran nesa altura Olga Rodríguez, Teresa Novo, Matilde Fernández, María del Carmen Vázquez, José Luis Freire, José Manuel Grueiro, Baldomero Iglesias e José Luis Rivas.
Estes nomes foron cambiando co paso dos anos. “Como é lóxico, houbo disidencias no grupo. Unha primeira en Monterroso, en 1974. (...) No ano 1983 houbo outra e aí marchei eu”, describe Mero para precisar que formou outro grupo que a día de hoxe segue, A Quenlla.
Precisamente, o libro non só é un percorrido histórico pola carreiro vital da banda senón a decisión de Mero de explicar os momentos máis difíciles: os das crises internas, os intres nos que estivo a piques de desaparecer cando el, Mini e Xesús Mato deixan a banda disconformes co rumbo que tomaba.
Os enfrontamentos entre os que marcharon e os que ficaron seguiu mesmo anos despois, mesmo con denuncias e xuízo.