Seixas: “Escenas da invasión da Ucraína por Rusia evocan a II Guerra Mundial”

“As sociedades despois dunha experiencia traumática tenden a esquecer ata que pasan unha ou dúas xeracións”, sinalou sobre a negación do pasado nazi na Alemaña

Álvaro Otero (1e) presentou a Núñez Seixas. |   // RICARDO GROBAS

Álvaro Otero (1e) presentou a Núñez Seixas. | // RICARDO GROBAS / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

“Algunhas escenas da invasión da Ucraína pola Rusia de Putin evocaban imaxes da II Guerra Mundial. A columna de blindados facíanos temer o peor: o que está a acontecer, inda que non se estendeu o conflito non sabemos como acabará”, sinalaba onte no arranque da súa charla o historiador galego Xosé Manoel Núñez Seixas, quen impartiu no Club FARO a conferencia “Volver a Stalingrado. Como influíu o conflito xermano-soviético na memoria europea”.

Seixas foi presentado polo xornalista vigués Álvaro Otero quen se referiu a el como “un dos historiadores máis brillantes do panorama actual”. Para introducir a charla do doutor en Historia Contemporánea, Otero lembrou varios datos da II Guerra Mundial na fronte leste cando a Alemaña de Hitler invadiu a URSS e cando os soldados soviéticos marcharon cara Berlín.

“O saldo de sangue –lembrou– pola parte alemá na fronte do leste morreron 2,7 millóns de soldados e un millón prisioneiros dos soviéticos. No camiño a Berlín, os soldados do Exército vermello violaron 1,8 millóns de mulleres entre os 12 e 70 anos. Nas semanas previas á fin da contenda miles de civís alemáns suicidáronse”. No caso dos soviéticos, Otero indicou que a URSS “foi o país que máis vidas perdeu na II Guerra Mundial. O 12% da poboación faleceu no curso do conflito. O Exército vermello mobilizou 34 millóns de soldados durante a contenda dos que entre nove e 13 millóns morreron e 13 millóns de civís morreron baixo a ocupación nazi”, aos que habería que sumar varios millóns de cidadáns que faleceron pola fame.

“A carnicería foi inmensa”, reflexionou Núñez Seixas. “Dos homes [rusos] nados entre 1920 e 1921, o 90% morreu. Cando se fai o Desfiles da Vitoria en Moscova no 1945 e aparecen os fornidos rapaces, estes eran xente que levaba tres meses recrutada. O período medio que duraba un soldado do Exército Vermello era de oito ou nove meses”, engadiu o historiador que ten no seu haber o Premio Nacional de Ensaio no 2019 por “Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018” e Premio de Ensayo Memorial Walter Benjamin polo traballo inicial que deu pé ao libro que presentou onte no Club FARO, “Volver a Stalingrado. El frente del este en la memoria europea, 1945-2021” (Galaxia Gutenberg).

En canto a como Hitler non imaxinou que acabaría derrotado no asalto á URSS, o escritor galego explicou que os alemáns contaban con vencer en doce ou catorce semanas, antes de comezar o inverno. Sen embargo, este adiantouse a outubro. O día 10 dese mes xa estaba a nevar e as temperaturas chegaban aos dez baixo cero. Inda así, houbo unidades nazis que chegaron a 20 quilómetros de Moscova.

En canto a como en Alemaña se afrontou o pasado nazi, Seixas expresou que “por estraño que pareza, as sociedades, despois dunha experiencia traumática, tenden a esquecer ata que pasan unha ou dúas xeracións”.

“Coido –engadiu– que foi a terceira xeración de alemáns que comezaron a facer esas preguntas pero foi nos anos 70. Máis ben foron os netos” que oíron que o seu avó “non fora nazi ata que morría e se enteraban de que estivera nas Xuventudes Hitlerianas, nas SA... Sei de casos con nomes e apelidos”.

Para el, o cambio real na mente da sociedade alemá deuse a raíz da serie “Holocausto” de finais dos setenta, protagonizada por Maryl Streep e que se emitiu pola segunda cadea da televisión pública alemá pensando que pasaría inadvertida.

Lembrou que na primeira e segunda xeración dos cidadáns alemáns que viviron o III Reich viviuse ese pasado e a culpa “con silencio e exculpación”, negando que houbera nazis en cada familia e que non participaran ou favoreceran o holocausto.

Seixas sinalou que “por estrano que pareza as sociedades tenden a esquecer o traumático durante unha ou dúas xeracións”.

Ucraína, un país “bastante dual”

Xosé Manoel Núñez Seixas indicou que Stalin nunca chegou a desaparecer de todo do panorama da URSS e da Rusia actual. Lembrou como nos anos 90 hai un retorno da súa figura cando a Unión Soviética cae e a Federación Rusa ten problemas, habendo unha certa “señardade dos tempos bos de Stalin nos que a Unión Soviética mandaba no mundo. Isto continúa na época de Putin do que fai un uso estratéxico. Non fala de Stalin pero deixa ver que grazas a el iso non se tería conseguido”.

Lembrou que “Ucraína é un país bastante dual. É dicir o seu occidente onde basicamente se fala ucraíno e o centro-oriente onde basicamente se fala ruso. Unha porcentaxe de poboación rusófona se sentía irmandada cos rusos e outra porcentaxe é máis nacionalista ucraniana. Isto se traducía en alternancia política entre partidos máis afíns por unha ou outra poboación”.

En canto á posible conexión nazi dos nacionalistas ucraínos, recoñeceu que no 1941 coa proclamación había “unha serie de nacionalistas de tendencia profascista que entran cos nazis e que cren que Ucraína pode aspirar ao mesmo estado independente que ten Croacia ou Eslovaquia pero os nazis métenos nun campo de concentración”.

Foi con Zelenski, que recibiu o 60% dos votos, que “intentou saldar feridas de establecer pontes de reconciliación entre unhas comunidades e outras”. A el referiuse como rusófono, de orixe xudeu que fixo carreira como actor en ruso e que prometera derogar o artigo da Constitución que establecía como lingua exclusiva o ucraíno.