A poeta Nuria Vil reconquista a historia quinqui de Vigo

Lanza unha campaña de micromecenado para unha curta que falará da delincuente La Maradona e da loita obreira da urbe

Nuria Vil.   | // N.V.

Nuria Vil. | // N.V. / mar mato

mar mato

A filóloga e poeta Nuria Vil –que días atrás presentaba intervención poética no Escenas do Cambio na Cidade da Cultura e que o pasado ano viviu algo difícil de conseguir no sistema editorial galego: lograr dúas edicións en poucos meses dun poemario, en concreto de “Simún” (Chan da Pólvora)– apura os pasos cara o seu novo proxecto: realizar unha peza audiovisual que levaría o título de “Delincuente”e que presenta un anaquiño da historia de Vigo, pero non da que sae nos libros oficiais, senón da que se agocha no espazo máis escuro da memoria das xentes.

Para conseguilo, Nuria vén de lanzar unha campaña de micromecenado no Verkami. Terá 30 días para conseguir 4.800 euros. De momento, en só cinco xornadas xa leva logrado máis da cuarta parte dos cartos necesarios: un total de 1.770 euros na altura do peche de redacción de onte.

La poeta Nuria Vil.

La poeta Nuria Vil. / Dania Pol

Especifica a autora de Santo Andrés de Comesaña, que se autodefine como resitadora, que se trata “dun proxecto para unha peza audiovisual en base a un dos meus poemas. Conta a historia de La Maradona, líder dunha banda de delincuencia xuvenil da zona da Ferrería de Vigo, no Casco Vello Alto”.

A idea é desenvolver unha curta con certa pátina de videoclip duns 10 minutos. Nela, a historia da Maradona dálle a man ao relato do Vigo obreiro de finais dos 70 e principios dos 80 e a poesía galega contemporánea feminina deses anos máis o imaxinario do cine quinqui.

“A idea miña e da equipa é refacer ese imaxinario que é moi masculino, moi hexemónico, para falar cos temas que nos interesan, o LGTB, o racismo e o transfeminismo”, sinala para resumir: “O que quero é que nese cine quinqui haxa representación de mulleres e de persoas diversas cunha comunidade de coidados e non representando unha delincuencia de atraco a man armada”.

Vil non parte neste proxecto dende cero. Xa conta co apoio da bolsa económica de Ensaia, unha comunidade que apoia proxectos culturais con aportacións da cidadanía (www.ensaia.com). “Parte do financiamento sae aí e a outra parte da plataforma de Verkami onde a xente pode colaborar recibindo recompensas”, engade.

A aportación menor que se pode facer é de 20 euros e dará dereito a un parche que pon Delincuente máis a aparecer nos créditos da obra. Por 35 euros podemos conseguir unha camisola branca coa verba Delincuente serigrafada a man con tinturas vexetais. Os máis altos son de 700 e 1.500 euros. “Intentamos que todo sexa produción de proximidade e feito en Galicia”, subliña.

A creadora olívica defende que o seu fin é “preservar a idea de Vigo e conectar cun público que a min me fixeron crer que non estou conectada como poeta. Refírome aos de máis 50 anos e realmente cando escoitan ese poema recitado –o que servirá de base para a curta– achéganse para dicirme que lles fixo revivir a súa mocidade e como era ese Vigo de finais dos 80, coa reconversión naval. Iso me animou a levar adiante este proxecto audiovisual”.

Na súa mente está poder distribuír a peza en centros de ensino e que chegue tamén ao público en xeral.