A xornalista de FARO Mar Mato, finalista do premio Francisco Fernández del Riego

O artigo “Réquiem por un sombreiro” é un dos tres aspirantes desta edición que festexa o 20 aniversario dos galardóns que impulsan o galego

O xurado con Pedro Otero, director xerente de Afundación.   | // FDV

O xurado con Pedro Otero, director xerente de Afundación. | // FDV / Redacción

Redacción

A xornalista de FARO Mar Mato é unha das finalistas do Premio Afundación de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego, que “naceu coa vocación decidida de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística das e dos profesionais da escrita que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa”, suliñou onte a organización ao dar a coñecer a relación se seleccionados.

O artigo firmado por Mar Mato, “Réquiem por un sombreiro”, publicouse no suplemento “Estela” do diario decano o 4 de setembro do pasado ano.

Compiten tamén polo premio outros dous finalistas, Begoña R. Soteliño, con “Gafas de pasta, cores de Warhol... Letras Galegas”, e Manuel Varela, por “Cando atopei a paz nun Dacia”, os dous publicados en “La Voz de Galicia”.

Despois da deliberación do xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez, Xosé Carlos Caneiro, María Varela e Francisco Castro, fíxose pública na sede de A Fundación en Pontevedra a resolución dos finalistas desta edición, que coincide coa dedicación do Día das Letras galegas a Del Riego.

Víctor Freixanes, presidente do xurado, quixo destacar “a calidade, precisión e esmero de todos os traballos presentados. Unha convocatoria deste tipo sempre ten algo de crónica e tentamos premiar aqueles traballos atemporais, pezas literarias que perduren no tempo e sirvan de referencia”.

Incidiu en que “nestes artigos observei preocupación polo que está pasando no país”.

Os galardóns cumplen 20 anos e nesta edición presentaronse 32 textos (14 de mulleres e 18 de homes), superando á anterior edición, na que competiron 27.

Pedro Otero, director xerente de Afundación, subliñou “tanto a ardua tarefa de selección por parte do xurado, dada a calidade dos textos presentados, como o papel esencial que o xornalismo desempeña e que require grandes esforzos e se nos revela imprescindible”.