Ledicia Costas, entre as premiadas cos Premios Follas Novas 2022

Antía Otero, Paula Carballeira y Eva Mejuto, outras das escritoras galardoadas

REDACCIÓN

Ledicia Costas, Antía Otero, Paula Carballeira, Eva Mejuto, María Alonso Seisdedos e Berta Dávila son algunhas das premiadas na oitava edición do Premios Follas Novas do Libro Galego, que este ano renderon homenaxe a Ediciós do Castro, á libraría Númax e á escritora mexicana Lydia Cacho.

Os Premios Follas Novas do Libro Galego 2022 pecharon a súa edición deste ano coa tradicional gala que deu a coñecer aos gañadores en cada unha das trece categorías destes galardóns. A gala celebrouse no Teatro Principal de Santiago e foi presentada por Patricia de Lorenzo, actriz de Chévere Teatro, co seu personaxe de “As fillas bravas”, Isaura.

Entre os premios están os dados a Ledicia Costas (Premio á obra infantil por “O neno de lume”; Eva Mejuto (obra xuvenil por “A ladroa da biblioteca de Meirás” e de divulgación por “Memoria diversa”); Antía Otero con Apiario (pola poesía de “Barroco”); Paula Carballeira (teatro, por “As alumnas”); “Verme”, de Federico Fernández e Germán González (libro ilustrado); Berta Dávila (narrativa, por “Os seres queridos”); “Roxín Roxal. A daga do conde”, de Manel Cráneo e BraisFierro. (banda deseñada), e “Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de axitación cultural” (premio á iniciativa bibliográfica).

O presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, falou das “luces e desexos” do mundo do libro en Galicia. Segundo o presidente das editoras galegas é imprescindible “un verdadeiro, transversal, sedutor e ben dotado Plan de Lectura en galego. A lectura, e a cultura, debe ser un eixo fundamental das políticas públicas, ao mesmo nivel que as políticas sanitarias, as educativas e as de servizos sociais. Galicia segue á cola das comunidades lectoras do Estado español”.

Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), co apoio da Concello de Santiago, a Deputación de A Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.

Tracking Pixel Contents