A lenda histórica dunha nave teatral

Unha exposición na sala Ártika en Vigo recupera o legado dos Chévere e da difunta sala NASA que supuxo un “referente en Galicia” para conformar o teatro contemporáneo

Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, cos libros sobre Chévere. Abaixo, partes da mostra na Ártika.  | FOTO: M.P.

Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, cos libros sobre Chévere. Abaixo, partes da mostra na Ártika. | FOTO: M.P. / Mar mato

Mar Mato

Mar Mato

Son unha das actrices e un dos directores teatrais máis destacados da historia do teatro galego contemporáneo. Falamos de Patricia de Lorenzo e de Xesús Ron, de Chévere, única compañía galega que ata agora logrou o Premio Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura.

Ambos os dous atópanse na sala Ártika en Vigo. Están a colgar cadros da exposición “Materiais para un arquivo da cultura submarina. Sala NASA 1992-2011” que onte se inagurou na cidade olívica. “Traer a mostra aquí, confesan, ten sentido porque a Ártika ten que ver co espírito da NASA”.

A lenda histórica dunha nave teatral

A lenda histórica dunha nave teatral / Mar mato

A mostra supón unha minigalería dun percorrido de vangarda. Mentres colgan algúns cadros, De Lorezo comenta que “o Centro de Documentación Teatral da Xunta que funcionou durante uns anos foi o que nos motivou a dixitalizar o noso material. Ese centro desapareceu pero iniciativas así son interesantes”.

A actriz explica que Chévere posúe “moitísima documentación en vídeo. Agás un periodo de dous anos, o resto témolo todo gravado. Son horas e horas”. Unha pequenísima selección pode verse nas pantallas da Ártika. Xesús Ron aclara que son vídeos inéditos, que non revelaran ata agora.

Entre os tesouros da súa compañía teatral, que durante 20 anos tivo a súa sede na sala NASA en Compostela, conservan un monte de libretas onde anotaban os recados do teléfono-fax da época. Sen dúbida, unha fonte de información reveladora para calquera estudoso do teatro galego ou historiador. “Sería interesante dixitalizar e arquivar esas xoias”, defende De Lorenzo.

A lenda histórica dunha nave teatral

A lenda histórica dunha nave teatral / Mar mato

Na visita á modesta mostra, atópamos unha viaxe no tempo ao que foi a NASA, unha macrosala de artes escénicas en Santiago que no seu pasado foi un garaxe; de aí que nos anos 90, un día a ateigaron de coches a montar barullo como expresión artística. Entrar nela era asomarse a outro mundo onde a experimentación e a innovación e a protesta social comandaban.

O local foi un dos epicentros da vida cultural máis innovadora de Galicia. Nel, comezaron a actuar moitos dos grandes actores e actrices actuais galegos.

O universo NASA abranguía desde entradas e unha especie de carnés de socios con deseño especial, ata manifestos. Algúns deles e delas podemos velos e analizalos na Ártika.

No titulado “Alternativas”, podemos ler: “Canto máis absolutas sexan as maiorías –o poder–. Canto máis única sexa o pensamento –televisión–. Canto máis baixa sexa a degradación –o desexo–. (...) Maior será a necesidade de desenvolver alternativas: Comportarse como se fósemos tan estúpidos como para intentar cambiar as novas vidas”.

Ron tamén destaca as portadas dos boletíns de informacións submarinas que “se facían coa programación mensual”, case todas asinadas por Fausto Isorna, “recollendo a cultura underground e outras referencias”.

E como non, para os que non a coñeceran ofrécese na exposición a croquis das plantas e alzado do edificio da nave nodriza.

Para Patricia de Lorenzo, que ofrecerá en maio na Ártika unhas performances en maio sobre os seus personaxes en Chévere, non só hai que fixarse na actividade da NASA senón tamén no seu ocaso, a raíz da ‘persecución política’ do alcalde do PP Conde Roa que lles obrigou a pechar a porta e marchar de Compostela.

“É importante aprender do peche da sala. Houbo un capital cultura que desapareceu xunto a outros espazos como a sala Galán. Como sociedade debemos aprender que unha decisión política, a retirada dunha axuda do convenio co Concello de Santiago, acabou perxudicando a toda a cidadanía”, pola perda da intensa actividade cultural que atraían e desenvolvían.

“Hai xente que nalgúns festivais de agora a escoitar dicir: ‘Iso hai anos que o levaban á sala NASA’. Quedou como un lugar de referencia. Como sociedade debemos evitar que se tumben os lugares de referencia”, defende Patricia de Lorenzo.

A lenda de Chévere e da súa sala e tal que con motivo dos 35 anos da compañía teatral o cineasta Alfonso Zarauza elaborou (onte se viuen Vigo) o documental “A viaxe dos Chévere” onde narra o desterro dos intérpretes de Santiago.

Ademais, na sala Ártika, se poden consultar dous libros recentes sobre eles: “Chéveres. Trinta e cinco anos de axitación cultural” e “O navegante”,este último en versión de banda deseñada.

Suscríbete para seguir leyendo