Un concerto homenaxe a Suso Vaamonde recupera tres temas inéditos do cantautor

Serán cantados mañá sábado na Sala Rebullón de Mos no proxecto “Tres pés para Suso” | No escenario, O Leo, Roberto Sobrado e Xosé Constenla

“Tres pés para Suso” é un proxecto que se presenta mañá na Sala Rebullón de Mos.

“Tres pés para Suso” é un proxecto que se presenta mañá na Sala Rebullón de Mos. / m.mato

m.mato

Só viviu 50 anos pero a súa lenda na música galega é enorme inda que nos últimos tempos esmorecera porque a historia é implacable mesmo con quen quixo a súa terra por riba de todo. Mañá sábado, O Leo, Roberto Sobrado e Xosé Constenla faranlle a súa particular homenaxe na Sala Rebullón en Mos a Suso Vaamonde, cantautor, rebelde, nacionalista e un dos nomes ligados ao diario decano, FARO DE VIGO, para o que traballou como comercial publicitario.

Desta volta, os tres músicos presentarán “Tres pés para Suso”. “Dende hai un tempo xuntámonos neste proxecto para gravar un disco tributo a Vaamonde. É como unha maneira de sustentalo no tempo metaforicamente. Este sábado tócanos na Sala Rebullón, que é un sitio icónico pola sala que é, unha das que mellor sona no país; e porque está na comarca na que tivo moita implicación”, explica Xosé Constenla.

Adianta que “será un concerto entrañable porque estará parte da familia de Suso”. De feito, un dos seus irmáns facilitoulles a Xosé, Roberto e a O Leo “unha serie de cancións inéditas, que Suso simplemente gravara nun casete. Decidimos preparar tres temas inéditos, que posiblemente non se coñezan. Quedaron aí. Queremos que esa obra tamén se coñeza”, explica Constenla.

Deses tres temas, un será sorpresa total para os asistentes ao directo desta fin de semana; pero sobre os outros días fala Xosé: “Eu musiquei ‘Pranto’, un poema de Darío Xohán Cabana. El musicaba poetas galegos. Esta composición é dos anos 70 e fala dunha homenaxe a un veciño da Terra Cha de onde procedía Cabana. É melancólico e préstase a unha melodía que recorda a un canto de cego. O outro tema é ‘Voltarán’. Este é de Gloria Martín, musicado por Suso nos anos 80. Neste caso, fala do retorno dos exiliados na órbita de Celso Emilio Ferreiro”.

“Para nós, –prosegue– Suso é o autor do país e merece que se lle respete bastante a estrutura musical e a melodía pero é inevitable que cada un de nós faga arranxos sobre cada tema inda que son recoñecibles pero démoslle unha volta importante. Na súa época, os arranxos eran moi crus e agora buscamos unha retórica adaptada aos tempos”.

Recoñece que “hai un certo esquecemento sobre a figura de Vaamonde –Galaxia publicou o ano pasado unha biografía súa– e creo que ten responsabilidade niso o colectivo da música galega que deixou a Suso nunha situación de ostracismo durante moitas décadas incluso na última etapa da vida del. Ocorreulle a unha persoa que foi o autor que máis poemas galegos musicou en Galicia. Os propios poetas lle mandaban poemas inéditos para a súa difusión”.

Xosé admite que para as novas xeracións será “un descoñecido pero de seguro que coñecen algunha canción sen saber que é de Vaamonde. Diríalles aos novos que antes de Valtònyc e Hásel Suso Vaamonde foi o primeiro exiliado político da democracia”.