40 aniversario Consello da Cultura Galega 1983-2023

Corenta anos a puxar pola cultura do país

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, explica que a institución parte dun concepto “moi moderno que ten que ver co cultivo do espírito e o progreso das artes, pero tamén coas ciencias e a tecnoloxía”

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega / XOÁN ÁLVAREZ

Valeria Pereiras

Di a profesora e investigadora Rosario Álvarez que “toda a cultura do pobo galego é competencia do Consello da Cultura Galega (CCG). Tanto dos galegos que estamos aquí como dos que están fóra”. A primeira muller á fronte da institución, que este ano celebra o seu 40º aniversario, recibe a El Correo, diario de Prensa Ibérica, igual que Faro, no seu despacho do Pazo de Raxoi. “Son as mellores vistas de Santiago”, di mirando cara o Obradoiro desde as instalacións do CCG inauguradas en 1994 trala rehabilitación de Pedro de Llano. “Nós procuramos estar presentes nas colectividades de emigrantes, naqueles países que tradicionalmente nos acolleron, pero tamén prestamos atención ás novas diásporas, porque seguimos a enviar emigrantes”, indica a presidenta.

O CCG dispón dun Arquivo da Emigración Galega que é referente no mundo, un dos motivos de orgullo da institución. “Ás veces as xoias son cousas minúsculas”, responde Rosario Álvarez cando se lle pregunta polo valor dos fondos que aquí se custodian: “Temos a memoria desas colectividades galegas, moitas delas centenarias, igual que temos fondos sonoros da emigración ou fotografías que nos comparte a xente e que pode que non teñan un valor crematístico, pero si extraordinario para reconstruír a historia da nosa emigración; unha historia que está configurada, na súa maior parte, por persoas anónimas que non pasarán aos libros de Historia; persoas que non ganaron batallas nin foron grandes próceres do país. Esa historia miúda, a deses vagalumes que dicía Castelao, é a que custodiamos neste fondo”.

Pleno del Consello da Cultura Galega en su sede en el Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela

Pleno del Consello da Cultura Galega en su sede en el Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela / CCG

Ademais deste labor, a función do CCG de difundir a cultura fóra de Galicia ten convertido a institución nunha sorte de embaixada: “A verdadeira acción exterior”, sinala Rosario Álvarez, “é a que nos leva a países e ámbitos culturais que nada teñen que ver coa emigración galega no mundo. A eses hai que chegar tamén, porque non podemos aspirar a que a nosa cultura teña futuro se non conseguimos colocar o aprecio por ela, e o seu uso, fóra de Galicia”.

Creado en 1983, por mandato previsto no Estatuto de Autonomía, como “órgano superior de consulta e asesoramento en materia de cultura da Comunidade Autónoma”, o CCG tamén fomenta a investigación, elaborando informes e emitindo recomendacións, actuando de pegamento entre as diferentes institucións culturais do país. No seu plenario están representadas algunhas das máis relevantes, como a Real Academia Galega, as universidades da Coruña e Santiago, a Fundación Penzol, o Instituto Padre Sarmiento, o de Estudos Xacobeos, a Fundación Barrié ou a Real Academia Galega de Belas Artes, xunto a algunhas personalidades relevantes no eido cultural galego. Composto de oito seccións e unha vintena de comisións técnicas, o CCG aborda temas tan variados como a arqueoloxía, a historia da arte, o teatro e outras artes escénicas, a cultura e a música popular e tradicional, o patrimonio inmaterial ou o industrial, o cine, os museos, a artesanía ou o xénero.

“O CDG é unha rede, unha urdime con moitos brazos. Desde fóra non se aprecia moito, e así debe ser, pero detrás hai moitas cabezas pensantes realizando un traballo colaborativo”.

R. Aneiros

— Coordinadora de actividades

“O CCG é unha institución moi viva”, afirma a escritora Rosa Aneiros, coordinadora de actividades da institución. “Ten unha parte máis estable, un cadro de persoal que somos a tripulación do barco, e logo cada presidencia marca o rumbo. Isto é importante. Non ten nada que ver a institución de Casares coa de Zulueta ou a de Villares, e iso creo que é o bonito, a pluralidade que se lle esixe. Ademais imos evolucionando coa sociedade”. Asuntos como a Intelixencia Artificial, as fake news, as sociedades multilingües, a calidade democrática, o feminismo ou a sustentabilidade ambiental teñen entrado con forza na axenda de actividades do CCG nos últimos anos. “Non nos guiamos só pola actualidade”, puntualiza Aneiros, “a lingua, por exemplo, é un tema recorrente, central e crucial da nosa cultura”.

“O noso obxectivo é poñer a cultura galega a disposición da maior parte de públicos posible, sobordar o concepto erudito de cultura e facela accesible a novas xeracións”.

Manuel Gago

— Coordinador dixital

¡Unha das obsesións da institución a partir da presidencia de Carlos Casares foi poñer a cultura galega a disposición do maior parte posible de públicos, segundo apunta o divulgador Manuel Gago, coordinador de dixital e director do portal en liña do CCG. “Culturagalega.org é o medio electrónico máis veterano de Galicia. Ten 22 anos. Non hai ningunha outra publicación periódica máis antiga feita por xornalistas”, asegura Gago. Creado para visibilizar a cultura galega en todos os seus eidos e a xestión cultural para compartir ideas e establecer alianzas, o portal está dirixido a toda a comunidade galega. “Nos anos 2000 o noso pico de maior audiencia eran as tres da mañá, xa que procedía do público de América. Hoxe é de Europa de onde chegan a maior parte das visitas”.

Un dos últimos departamentos creados polo CCG é o Observatorio da Cultura Galega (OCG) para a análise estatística. A partir de datos da propia institución e tamén de fontes secundarias, encárgase de realizar estudos que permiten facer un seguemento do sector. Sabemos así que a Cultura representa o 2% do PIB de Galicia e que nela traballan máis de 36.500 persoas. “Non é o máximo histórico”, afirma Hakan Casares, director do Observatorio, “pero si un número superior a valores precovid”. Dende o OCG avalíase a cultura dende un punto de vista laboral, canta xente traballa nela e tamén cales dos subsectores culturais teñen unha mellor ou peor evolución. “En xeral, en termos de emprego a cultura galega mantivo un crecemento sostido ao longo destes corenta anos, seguindo os grandes ciclos da economía no seu conxunto. Houbo un incremento importante ata a crise económica de 2009, que supuxo un parón e a destrución de emprego. Con todos os matices e en termos xerais, o ano 21 e o 22 foron positivos para a cultura, en parte polo incremento da demanda durante a pandemia”.