Ata un ano de espera por un traxe tradicional galego

Coser as prendas a man e as ansias de estrea tralo parón da COVID, entre os motivos | O sector lidia co encarecemento da materia prima: o prezo do metro do pano de lá subiu un 56%

Bego Martínez, na súa aula de confección en O Fiadeiro.

Bego Martínez, na súa aula de confección en O Fiadeiro. / ALBA VILLAR

Mar Mato

Mar Mato

Renovar o armario de roupa tradicional galega ou empezar a conformar un traxe para as actuacións, supón reservar unha boa cantidade de diñeiro pero tamén paciencia. Todo dependerá do obradoiro ou modista a quen unha se dirixa ou da época do ano. Ata doce meses de espera podemos atoparnos para dispor da peza arelada.

É o caso do obradoiro de Bego Martínez, en Vigo. “Eu intento coser sempre a man. Gústame moito. A lista de espera é longa por iso pero tamén porque fago miles de cousas. Ademais do obradoiro, dou clases de como facer o traxe en O Fiadeiro onde tamén levo a tenda, o traballo vaise acumulando e non dou feito...”, explica.

Engade que “tampouco hai tanta xente que se dedique a isto entón estamos bastante saturadas. Ademais, trala pandemia a xente ten ganas de estrear roupa, tamén hai persoas que están comezando en grupos e necesítana”, engade.

Esta artesá, “coa agulla e os fíos inculcados desde pequena”, procede dunha casa na que se coseu “sempre". Ademais, baila tradi ao igual que o seu irmán desde nena.

Bego Martínez, na súa aula de confección en O Fiadeiro.

Bego Martínez, na súa aula de confección en O Fiadeiro. / ALBA VILLAR

Porén, o seu camiño profesionalizado e de investigación arrancou a raíz de conectarse coa Asociación O Fiadeiro da cidade olívica. “Empecei a bailar alí no 98 e como sabía coser ían pedíndome cousas. Ata aí non me atrevera a facer para outra xente pero funme metendo e dende o 1999-2000 dedícome a isto”, rememora.

Á hora de conformar as pezas tradicionais, Bego e outros artesáns atópanse cun problema: a falta dun ‘vademecum’ de moda antiga do país. “Libros de referencia practicamente non hai. Hai un reeditado, “Traje regional en Galicia”, de Nieves de Hoyos, un estudio realizado por mestras da República que describían os traxes que vían nas festas maiores ou patronais. Aí hai moitas referencias a pezas, con descricións interesantes”, reflexiona Martínez.

Bego Martínez, na súa aula de confección en O Fiadeiro.

Bego Martínez, na súa aula de confección en O Fiadeiro. / ALBA VILLAR

Ante a carencia dunha bibliografía da que botar man, as artesáns tiveron que buscar. “Do mesmo xeito que iamos polas aldeas preguntando por bailes e músicas, preguntabamos pola roupa que gardaban ou lembraban, por fotos antigas. De aí, sácanse patróns para intentar ser o máis fiel posible”, explica.

“Por sorte –engade– hai moita xente con pezas antigas que as comparte por redes sociais”. Precisamente, con este fin creouse no Facebook o Foro do Traxe Tradicional Galego que cumpre dez anos neste 2023 onde se poden atopar prendas de principios do século pasado, documentación antiga con descricións e mesmo fotos do XX con xente portando traxe tradicional.

[object Object]

Hai xusto dez anos, no mes de marzo, Andrés Golpe Martínez creaba no Facebook o Foro do Traxe Tradicional Galego. “Fíxeno a imitación do foro que fundou Luis Prego de baile e música tradicional. Quixemos compartir o traballo que faciamos en Ferrol para que a xente fora xuntando cousas e aprender todos de todos”, sinala.

Agora mesmo pasan de 6.500 seguidores. “Non nos marcaramos ningunha expectativa. Era case unha cousa entre amigos. Agora mesmo está un pouco parado”, por parte dos administradores, comenta para dicir que “perdín a ilusión por el”.

Lamenta que asociacións importantes do traxe ou obradoiros non compartan nin cadros, nin fotos, nin pezas antigas nas redes para beneficiar á comunidade.

“Decidín non dar de balde o que outros están a cobrar por el. Foron todo dores de cabeza. É moito diñeiro o que move o traxe tradicional galego”, reflexiona Golpe.

A longa espera nalgúns obradoiros depende tamén da época do ano. Na contorna de Vigo, os primeiro trimestre supón un furor debido á festa da Reconquista (cos seus días fortes a vindeira semana).

Outra das artesás do traxe tradicional galego é Patri González do Obradoiro de Costura Saiáns. Esta costureira ademais de pandeireteira confesa sentirse desbordada polo traballo para a Reconquista: “Hai xa dous meses que non collo máis encargos. Responder canta espera teño é complicado. Digamos que se acudiras agora non me comprometería a facelo ata o verán”.

De aquí ao estío, a situación non será mellor xa que os grupos comezan a prepararse para as actuacións de xuño a setembro.

Outra referencia para o traxe tradicional galego é Bulideira, unha tenda-obradoiro con web na que se poden comprar panos inda que a oferta é moito maior na tenda sita en Compostela. A firma traballa baixo pedido e confección a medida inda que tamén presenta un stock de roupa de fábrica, sobre todo prendas brancas do traxe. “A nosa lista de espera depende da época na que nos atopemos. Agora que estamos empezando a tempada alta damos un prazo de mes e medio. En tempada alta é máis tempo e na baixa poden ser uns 15 días. Traballamos moito para grupos e asociacións e temos pedidos bastante grandes”, sinala Lucía Miramontes, encargada de Bulideira.

Inda que cada vez hai máis demanda de prendas, especialmente un bum coas Tanxugueiras no Benidorm Fest do pasado ano, desde Bulideira observan cambios. “A xente busca cada vez investir menos. Nós antes vendiamos mantóns de Manila espectaculares de 500 ou 600 euros. Iso acabouse”, agrega Miramontes.

Na procura de pezas a bo prezo hai un obstáculo: o incremento do prezo dos tecidos, dos botóns, do fío... “A tela coa que máis traballamos, un pano de lá, non hai moitos anos vendiámolo a 25 euros o metro. Agora está a 39. Tamén temos problema de desabastecemento. Antes por un pedido de paño esperabas 15 días como máximo e agora estás con tres meses de espera. Antes as fábricas tiñan stock. Agora non”, explica.

“Os brocados disparáronse tamén. Están polas nubes”, engaden desde D´Aquela en Lalín. “Vai a entre 50 e 100 euros por metro”, como prezo xeral inda que nós o conseguimos máis barato, sinalan.

A maiores, algo tan remoto como a guerra de Rusia con Ucrania tamén tivo os seus efectos. En Bulideira xa non venden os panos rameados que proviñan de Rusia.

A crise da COVID tamén tivo os seus efectos. “Houbo un mes que dixen que se non empezamos a vender tiñamos que pechar. Menos mal que ese mes empezou a arrancar un pouquiño e agora vai ben”, conclúen desde Bulideira.

Pilar Fernández Guerra, de D’Aquela en Lalín.   | // BERNABÉ/ÁNGEL VIDAL

Pilar Fernández Guerra, de D’Aquela en Lalín. / BERNABÉ/ÁNGEL VIDAL / mar mato

[object Object]

Gran parte dos traxes tradicionais galegos dos centros galegos ou grupos no exterior teñen unha pegada do Deza: a da firma D’Aquela de Lalín, (trajestradicionales.es).

“Agora mesmo estamos traballando para Nova Iorque, o centro galego de Hamburgo e de Berlín”, poñen como exemplo.

O encargo pode realizarse a través da web inda que tamén se pode achegar un á súa nave na vila pontevedresa. No seu caso, só tardan dez días hábiles en preparar o encargo.

“Esta foi unha empresa de confección. Faciamos 40.000 prendas ao ano. Temos tecnoloxía, cortes automáticos, máquinas para facelo de maneira rápida. Por iso, temos ese prazo curto de entrega”, explica Alfonso Fernández Guerra, de D’Aquela, que se define como “artesán” para sentenciar con humor: “Nós somos o Amazon do tradicional”.

“Vendemos para centros galegos no mundo o que nos fai ter pedidos constantes inda que é a partir de agora, marzo-abril, cando empeza o forte”, engade unha persoa cuxa nai e tíos xa vendían roupa e telas polas feiras. Lembra que “nós empezamos no 1988 con confección industrial. Cando foi a crise do textil no 2008 mandáronnos para as cordas. Como para camareiro non me querían por maior tivemos que reinventarnos. Ao empezar a ir a gaita, deime conta de que non daba atopado traxe de gaiteiro. Así que decidín cortalo eu e pensei por que non crear unha empresa familiar diso”.

Suscríbete para seguir leyendo