Fillas de Cassandra: mitos gregos bailables e feministas para o século XXI
O grupo vigués actúa na cidade o 15 de abril | Presenta “Acrópole”, o seu debut, co que encheu a Capitol de Santiago

Fillas de Cassandra actuando no 8M de Vigo deste ano. / RICARDO GROBAS
Contadísimas veces nos ferrados musicais da Galicia o primeiro disco dunha banda enche unha sala como a Capitol no concerto de presentación. Aconteceulle días atrás ao grupo vigués Fillas de Cassandra –María SOA e Sara Faro– que descubriu en directo “Acrópole”, a súa opera prima. Nela, trenzan pandeiretas, música electrónica, piano, reflexións feministas máis relectura dos mitos helénicos ao redor das mulleres e a súa vixencia actual.
“O da Capitol non o esperaba. Non imaxinaba que tocaría ante tanta xente. O noso manager chamounos para dicir que a cola daba a volta á mazá da sala. Saímos ao palco e había 700 persoas ollando para nós. ‘Cando ocorreu isto?’, nos preguntamos. A xente sabía as cancións”, recalca feliz María.
Para velas na casa, en Vigo, presentando o disco haberá que agardar ao 15 de abril. Será na sala Mondo. “Esperemos que aquí a resposta sexa a mesma”, arelan.
Aviso: non son unhas Tanxugueiras bis (ás que admiran), senón unha proposta con outro son de seu potenciado co toque do Berto. O enganche do público con elas evidenciouse no peche da manifestación do 8-M en Vigo onde interpretaron “II.Lisístrata (varre vasoira)” coa xente a bailar e a cantar.
“A verdade –explica Sara Faro– é que foi emocionante tocar nun 8-M porque ves a forza das mulleres nun berro común de sororidade. Darnos a oportunidade de tocar no día máximo de reivindicación é incrible; e que a xente soubese a canción, que se unise ao canto...”. “Foi impactante”, completa María SOA, teclista de Berto (o 50% de Verto), o produtor do disco que se namorou de Fillas de Cassandra tras escoitar un tema para decidir producirlle o primeiro disco.
Esta pianista, María, que toca a pandeireta e canta creceu escoitando a música ao piano da súa nai na casa. “Bailaba cando ela tocaba e aos catro anos comecei a tocar o piano. Estudei en Estremadura, fixen un master en Madrid e comecei coa música tradicional hai ano e medio cando coñecín a Sara ao volver de Estremadura”, explica.
A súa compañeira de compases musicais, Sara Faro, recorda como a súa nai estaba no grupo de pandeireteiras de Coia: “Levoume alí cando tiña tres anos. Foi amor á primeira vista coa pandeireta e a ese ambiente. Dende aí, fixen amigas e formeime nese cantar veciñal”.

Fillas de Cassandra. / Santi Iglesias
O punto de encontro de ambas foi nunhas xornadas feministas en Vigo organizadas por Feminismo Unitario. “Chamáronnos por separado. En principio, iamos cantar con cadanseu proxecto persoal pero eu propúxenlle a Sara cantar unha canción as dúas e compuxemos unha canción ese día, que finalmente non está no disco”, confesa María que rexe de momento a academia Compás en Vigo.
“Para nós, é un himno que sintetiza o noso sentir da loita, de xirar a cabeza e ver que a túa compañeira está loitando contigo”, engaden. Así pouco a pouco seguiron quedando e improvisando, unha ao piano e outra á pandeireta.
En canto ao bautismo da banda, Fillas de Cassandra quedou tras desbotar Mala herba, Bruma ou Volandeira. “Iámonos chamar Bruma e tres días antes da nosa primeira actuación, chamamos dicindo que seriamos Fillas de Cassandra. Atopamos un termo medio entre o que queriamos. Eu propuxen Cassandra porque estaba lendo un libro sobre o mito e María quixo chamarnos fillas”, recorda Sara.
Cassandra marcou a base helénica. O álbum “Acrópole” vai palillando diferentes mitos femininos da Grecia clásica empezando coa canción “Antígona” que fala de que “a nosa historia está feita con sangue”.
“Sintetiza bastante todas as historias que imos contar porque todas as historias das mulleres que viñeron despois viñeron con sangue. É empoderante cantar tamén a frase ‘nin sequera cando nos teñen diante poden vernos’. Agora xa non nos poden ignorar, a todas”, apunta Sara.
Sobre o borrado da muller na historia, esta creadora soña “con que algún día unha nena naza libre. Por iso hoxe estou berrando; pero o disco é polas que hai 2.000 anos sufriron o mesmo ca nós. Esa é a potencia do feminismo que une pasado, presente e futuro. Estase facendo un gran traballo para recuperar os nomes da historia. Incluso nos colexios están facendo traballos sobre o noso proxecto. As nenas teñen agora referentes nos que se inspirar”.
En canto a “Lisístrata” coa que recordamos a primeira folga de mulleres (mesmo privándose de sexo na Grecia antiga para pedir que parara a guerra), a canción comeza coa familia de María cantando en Reis co convite a bailar. “Para nós era moi importante que en ambientes de lecer, mesmo nocturno, haxa emoción facendo bailar”, indica Sara.
Respecto a “Pandora” e o seu “peso do destino” e como o vivimos as mulleres agora, estas artistas consideran que “como mulleres cando nacemos pousan en nós unhas expectativas en canto o que debemos ser. Cando saímos diso convertémonos en malas mulleres, como Casandra: se falamos de máis, se somos curiosas...”. Pero, quen nos asegura que o mito, a historia, foi así? “Por iso hai que reescribir a historia, hai que poñela en dúbida”, defenden.
Suscríbete para seguir leyendo
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Muere una mujer tras precipitarse desde un séptimo piso en Vigo
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- El baile de sillas en la Xunta se atasca: más de 2.100 empleados deben tomar posesión pero hay déficit de plazas para los grupos A1 y A2
- La vía verde más grande de Galicia: 28 kilómetros de recorrido e ideal para los ciclistas
- Dos acusados se enfrentan a 3 años de cárcel por apropiarse de 136.000 euros de la venta de una casa en Baiona
- El Gobierno cederá capacidad pesquera a los jóvenes que quieran dar de alta un barco para emprender en el mar
- Europa por segundo año consecutivo
