Un mundo de cores que invita á reflexión

“Non é doado ser neno agora”, di Paula Suárez na presentación en Vigo do seu conto

Paula Suárez, onte na Casa do Libro, en Vigo.   | // RICARDO GROBAS

Paula Suárez, onte na Casa do Libro, en Vigo. | // RICARDO GROBAS / M. González

M. González

M. González

A pedagoga Paula Suárez presentou onte na Casa do Libro o seu primeiro conto, “O mundo de cores de Roque e Lía” (Editorial Galaxia), ilustrado por Nuria Díaz. En dicho acto estivo acompañada por Verónica Santalices, cantante, escritora, compositora e produtora viguesa, directora da compañía Oviravai; e pola xornalista de FARO Elena Ocampo.

“A miña paixón son a educación e a pedagoxía e a miña intención foi a de facer unha ferramenta de traballo, dende a visión infantil, pero que tamén servira para o mundo adulto e que nos levara a reflexionar na sociedade na que estamos”, di a autora. “Aí naceu este conto, que realmente é para a cativada”, pero que tamén inclúe moitos anos de experiencia profesional.

“O mundo de cores de Roque e Lía” abarca moitas temáticas, “Hai moitas historias nunha e é moi difícil de definir”, recoñece Suárez, que apunta que a obra recolle “problemáticas complexas nas que, a través do uso das cores, os rapaces van aprendendo a resolver conflitos, a vivir como nenos e a abordar situacións como, por exemplo, o acoso escolar”. Aínda que puntualiza que ese “non é o tema central da obra, a través de esa experiencia abordo a importancia da empatía, de poñerse na mirada de outro, a de comprender e entender á outra persoa, sen falar de ningunha discapacidade nin de ningún trastorno, simplemente dende a reflexión de que todos somos diferentes e que todos somos necesarios. Todas as persoas somos imprescindibles”, puntualiza.

Unha das particularidades da obra é que “non aparecen adultos porque pretendía que cando os adultos leramos a historia, foramos capaces e entender a importancia do proceso educativo”, explica. “A través das distintas personaxes, onde Roque e Lía son os principais, falo de problemáticas que dende a mirada dos nenos e nenas podemos ir cambiando, por exemplo de como a violencia desaparece cando non formamos parte dela”. É tamén “unha chamada de atención ós adultos” para que “atendamos a esas problemáticas que existen e que están aí, coas que os nenos e nenas sofren”.

Toca tamén outras temáticas como “o dereito ó xogo, á creatividade, a amistade, a que deixemos ós rapaces crecer e desenvolverse por si mesmos, que os deixemos ser nenos e nenas nesta sociedade na que se está perdendo iso”. “Ó final, o mundo de cores de Roque e Lía é un xogo, un xogo que se converte nun espazo educativo”, engade.

As cores cobran unha vital importancia no conto. “A través das cores utilízase a creatividade no mundo, xógase coas emocións e son tamén unha ferramenta e un instrumento de cambio, de diversión, de xogo e rómpese con estereotipos porque dende a mirada dos nenos as cores non son máis que cores e non lle temos que dar outro sentido”, analiza a autora.

“É importante que os adultos nos demos conta de que a nosa forma de educar é moi importante, que os protagonistas do conto son como son función da educación que reciben na casa”, subliña. É, polo tanto, “unha chamada á reflexión” para familias. “Gustaríame tamén que fora unha ferramenta de traballo para os profesionais da educación, dende as escolas, psicólogos, pedagogos e todos aqueles que traballan con nenos e nenas; tamén é unha chamada á inclusión e á diversidade”.

“Hoxe en día é complexo ser un neno”, afirma. “Arroupámolos moito de pequeniños, nas etapas iniciais da vida, pero logo, á hora de afrontar os problemas na escola, coas familias, con outros nenos, é todo moi traumático. Hai moita violencia impregnada na sociedade, vai todo moi rápido. É máis importante facer os deberes, ir ás actividades, levantarse cedo, ir ás presas..., que sentarse e vivir como neno a creatividade, est ar tranquilos, de autodescubrirse... Non é doado ser neno agora”, insiste. “Pero igual ser pai e nai, tampouco, porque penso que o sentido común nos leva por un camiño e a sociedade por outro”.

Pero tamén hai cousas positivas na infancia: “Si falamos como sociedade en xeral, agora mesmo se atende moito máis ás súas necesidades, aínda que quede moito por facer”.

Suscríbete para seguir leyendo