O director vigués Fon Cortizo celebra o aniversario do UF cunha peza audiovisual inédita

Será a gravación do concerto que serviu de banda sonora para a súa película "9 fugas", premiada no Festival de Xixón

Fon Cortizo, na rodaxe de "9 fugas".

Fon Cortizo, na rodaxe de "9 fugas". / F.C.

Mar Mato

Mar Mato

O Café Uf de Vigo cumpre 40 anos e dentro dos seus actos de conmemoración ofrece este xoves 23 de febreiro a partir das nove da noite unha cita especial: o concerto filmado na Fábrica de Massó en Cangas que incluiu o cineasta vigués Fon Cortizo na metraxe da súa película "9 fugas", premiada no Festival Internacional de Cine de Gijón/Xixón (FICX) como mellor longametraxe no 2021.

Explicaba Cortizo nunha entrevista a FARO naquela algura que "primeiro, nacera a banda sonora e, despois, chegara a película”. O primeiro paso consistiu en formar unha orquestra de improvisadores, coordinados por Xavier Bértolo e David Santos de Cró!. Estes partiron na creación da banda sonora sen coñecer nin o argumento nin o guion que se foron conformando a posteriori. Simplemente comezaron tomando en consideración un haiku de Cortizo por cada capítulo que tería o filme (un total de nove).

“Fixemos unha xornada de gravación, cunha toma de cada tema nunha gravación realizada nunha especie de interior dun barco. Realmente, unha sala da fábrica de Massó de Cangas, unha especie de sala de control. O Concello facilitounos o acceso. Alí, atopamos unha sala de controis, con escaleira de bombeiros, e valeunos”, rememoraba o realizador vigués.

Coa banda sonora, empezaron a construír o guión, buscar localizacións, falar cos actores e actrices aos que non desvelaron a historia con retazos que foron cadrando na montaxe como un puzzle.