Unha obra de teatro explora en Vigo as estafas por internet e a necesidade de amor

A viguesa Deborah Vukusic estrea “3240” mañá e pasado no Auditorio Municipal | Tito Asorey figura no elenco dunha obra que recaudou 4.300 euros de mecenazgo, mil máis do previsto para a campaña

Teatro para explorar as estafas por internet e a necesidade de amor

José Lores

Mar Mato

Mar Mato

O pasado mes de outubro, a lingüista forense Sheila Queralt destacaba no Club FARO que “as estafas amorosas son un dos delitos máis comúns na Rede hoxe en día”. Ao fío disto, a actriz e dramaturga viguesa Deborah Vukusic, da compañía DeuVe, resalta que “hai un dato que é terrible: dende 2020 aumentaron un 70% os delitos cibernéticos e só o 5% dos ciberdelincuentes son collidos. Non nos deixemos enganar, o amor é necesario pero hai que ter os ollos abertos”. Son varias pistas da súa nova peza para o teatro galego.

O consello ofréceo ante a inminente estrea da súa peza “3240” mañá venres e sábado no Auditorio Municipal de Vigo –entradas a oito euros en www.giglon.com– que, precisamente, trata este asunto e que xusto onte pechou a súa campaña de mecenazgo online con enorme éxito de participación: lograron 106 benefactores.

“O proxecto de Verkami –detalla a escritora– superou as nosas expectativas porque pediamos 3.500 euros e superámolo ao recaudar un total de 4.365 euros. Estamos agradecidas e sorprendidas”.

Para comprendermos mellor o contexto da obra, lembramos as verbas da autora no Nadal cando detallou como tras un comentario seu no foro de fans de Nick Cave, alguén da contorna deste se puxo en contacto con ela asegurándolle que el quería coñecela. Tras unha cita virtual seguiron outras ata que a creadora descubriu unha verdade que a deixou con 3.240 euros menos no peto. De aí, o título da peza.

Deborah Vukusic.

Deborah Vukusic. / José Lores

“3240”, recolle a sinopse “é o prezo do amor. O amor por un mito”.No resumo, plantexa que imaxinemos que alguén que admiramos moito se pon en contacto connosco. Nesa situación, que chegariamos a facer para coñecer o ídolo en persoa?

O conflito, tal que unha traxedia grega contemporánea, vaise desenvolvendo para demostrar o fráxiles que somos nun mundo no que os vampiros dixitais espreitan cada foto e cada frase que comentamos na Internet para coa súa capa de amor envolvernos na escuridade e chucharnos a vida.

“De quen vou namorar agora se fun noiva de Nick Cave?, pregunta entre sorrisos. “Por outra parte, son unha especie de Alonso Quijano, Quixote, alguén que está namorada da mesma idea do amor, da idea que se daba na literatura medieval, nos relatos góticos”, engade.

"Eu quería sandar esta ferida"

Ante a cuestión de que obxectivo busca co espectáculo, responde que “esa é a gran pregunta. Por que facemos isto? Eu quería sandar esta ferida, intentar o que dicía Marcuse de sublimar a dor a través da arte. Ao mellor, sona pretencioso pero é a miña teima sempre: intentar facer arte para contar unha historia que che poida dar unha alerta, que saias transformado dalgún xeito. Esta peza é unha obra para a xente que aínda cre no amor. Quero pensar que á xente á que lle gusta Nick Cave, a literatura gótica, os vampiros, as cousas escuras busca realmente a luz”.

Vukusik contará no escenario cun elenco coidado. Hummy Donado desenvolverá o rol da nai de Deborah; Cecilia Vázquez fará de policía e ofrecerá á protagonista un choque de realidade. Tamén veremos a Antea Rodríguez, Marielvy Martínez, Monti Castiñeiras e Tito Asorey. Este último, explica a dramaturga, “como Nick Cave ou Nick Fake”.

Os seus personaxes serán un compendio de persoas relacionadas coa historia no que haberá unha especie de anxo bo e outro anxo malo, “esas voces da conciencia que che din segue adiante ou para”, subliña a creadora.

Por suposto, a música será protagonista. Jesús Andrés Tejada fixo o deseño de son e música inspirándose nas cancións de Nick Cave. “A directora máis eu presentámoslle a el e a Javier Quintana (iluminación) un set list para que traballaran ao redor dun concerto. A directora pediume que elixira o meu concerto favorito de Nick Cave. Traballamos niso outorgando emocións a cada unha das cancións para metelas dentro da historia. Tejada fixo a súa reinterpretación de cada unha delas”, detalla a dramaturga de “3240”.

Vukusic, en un ensayo.

Vukusic, en un ensayo. / José Lores

En canto á escenografía, veremos unha recreación da casa de Vukusic con cen libros apilados. “Cada título ou cada contido dos libros –sinala– podería ser un verdadeiro poema ou ten que ver co que pasa na historia. Hai unha cadeira, un tallo, unha especie de biblioteca e unha maleta con poucos obxectos. Ademais, hai animación visual de José Ramón Bas que a mellora”.

Recoñece a actriz e poeta que “as primeiras semanas de ensaios foron duras e tiven comigo a Grial Montes e a Javier Quintana. Despois, chegou Cristina Moreira para darlle ‘rock and roll á peza’”.

Engade que, por suposto, busca que haxa “comedia, tenrura... e estas reaccións do público de ‘tía, por favor, non o fagas. Facer un pouco de espello. O final é moi elocuente. Hai un concerto real e aí está o rollo mitómano e unha listaxe de grandes estafas e alertas que nos poden resoar a todos”.

Por último, como peche, incide que o que pretende con este proxecto escénico é “sandar a ferida, crear tecido cultural dalgunha maneira e alertar a alguén para que siga crendo no amor pero cos ollos ben abertos e non os peche. Con iso xa podo ser feliz”.