Ledicia Costas: “Este poemario recolle todo o meu imaxinario, o meu universo”

A escritora viguesa recolle o XX Premio de Poesía Afundación pola súa obra “Ultraluz”

Ledicia Costas, co poemario permiado. |  // JOSÉ LORES

Ledicia Costas, co poemario permiado. | // JOSÉ LORES / M. González

M. González

M. González

Ledicia Costas, gañadora do XX Premio de Poesía Afundación, recibiu onte o galardón pola súa obra “Ultraluz”, que en palabras do xurado (formado polos escritores Estíbaliz Espinosa, Ánxela Gracián e Luciano Rodríguez e o seu secretario e presidente Xabier Castro Martínez e Luis González Tosar) é “un exercicio de claridade e autenticidade poética cunha decidida vontade de achegar os mundos fantásticos ó noso bosque, logrando unha interacción entre as referencias ao anime e á ciencia ficción”.

Pola súa banda, Costas califica este poemario de “ledicísimo”, onde imprime a súa “marca persoal”. “Esta obra supón o meu regreso á poesía despois de máis de 10 anos sen publicar un libro de poemas e recolle todo o meu imaxinario, elementos da cultura pop que para min son tan importantes. Gústame definir este libro como unha especie de bosque cheo de criaturas de todo tipo, de vexetación, da importancia da terra, o meu apego á natureza...”, enumera. “Quen lea o libro tamén vai atopar películas que para min foron moi importantes”, engade: “Creo que non me equivoco se digo que escribín un libro de poemas de fantasía, destes experimentos que me gusta facer a min na literatura”. A obra preséntase baixo o lema Kodama, que son eses espíritos da mitoloxía xaponesa que habitan nos bosques. “Hai Kodama, Demogorgon, Alien... Está aí todo o meu universo”, insiste. “Ultraluz” fórmase “arredor dunhas sombras, duns pensamentos intrusivos contra os que, por veces, non sabemos como pelexar”, dixo tras recibir o galardón.

Ledicia Costas: “Este poemario recolle todo o meu imaxinario, o meu universo”

Ledicia Costas, co premio, entre Pedro Otero, director xerente de Afundación, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. / José Lores

Ledicia Costas, colaboradora de FARO, tivo onte a oportunidade de presentar o seu libro en sociedade. “Cando anunciaron que gañara o premio aínda non existía en formato físico; agora xa existe, acaba de chegar hai cousa duns días nunha edición de luxo preciosísima”, festexa. O galardón, que implica a publicación do libro na colección “Arte de trobar” e unha dotación económica de 6.000 euros, convocado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Centro PEN de Galicia, foille outorgado entre 32 obras inéditas presentadas. “Este é un premio de moitísimo prestixio, ó que lle teño moito respecto, porque gañárono poetas moi importantes ós que eu admiro e era algo que tiña pendente: escribir un libro de poemas, que é un xénero que me fascina. Ó final entreguei a miña vida á narrativa e tiña como esa espiña de non escribir poesía dende hai tanto tempo. Cando tiña o libro rematado e vin a convocatoria do premio, aínda que dubidei por esa mezcla de fantasía e poesía, decidín probar, foi como meter un barco de papel nunha botella e ver onde chegaba. Sei que se presentan obras de poetas de grandísima calidade así que a alegría é dobre”.

No veredicto, o xurado tamén indica que na obra de Costas (gañadora tamén do Premio Merlín de literatura infantil, en dúas ocasións; do Premio Lazarillo de creación literaria, en tres ocasións; o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil ou do Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria), “hai una interpelación ao lector como axente activo, convidándoo a entrar nese mundo de frescor infantil que mestura o abraio e o sombrizo”. “É verdade que existe esa interpelación, como retando ó lector a que se atreva a entrar nese mundo, nese bosque; pareceume moi honesto facelo así”, di a autora. “Mentres escribía o libro, ó principio tiña a sensación de que estaba escribindo poemas soltos pero a medida que entraba na dinámica de escribir os poemas decateime de que estaba contando unha historia, que tiña formato de poema, pero que podería perfectamente ser unha obra de narrativa; a min gústame experimentar, pensar nese hipotético lector ou lectora que me acompaña e tamén o fixen aquí, neste libro”, apunta.

Creo que non me equivoco se digo que escribín un libro de poemas de fantasía

“Encántame ler poesía, recitar. Recordaba con moita nostalxia aqueles anos nos que crearamos un colectivo poético, chamado Poetas da Hostia, con María Lado, Daniel Landesa, Lucía Aldao..., e co percorremos toda Galicia, aquela época para min foi moi bonita”, lembra. “Cando lle concederon o día das Letras Galegas a Xela Airas convidáronme coa Ensemble Vigo 430 para que recitara poemas dela e sentinme moi cómoda; entón pensei que quero volver recitar e aí se coceu tamén esta obra. Teño moitas ganas de facer moitas cousas con este libro e con outros libros de poemas que saian no futuro”, afirma.

Ledicia Costas, xunto ás autoridades e os membros do xurado do XX Premio de Poesía Afundación.

Ledicia Costas, xunto ás autoridades e os membros do xurado do XX Premio de Poesía Afundación. / JOSE LORES

Precisamente onte tivo a oportunidade de recitar unha escolma dos poemas recollidos en “Ultraluz”, precedida dunha performance creada especialmente para a ocasión por Cinta Adhesiva (Silvia Penas e Jesús Andrés Tejadas).

Namentres, Ledicia Costas segue creando, neste caso está en pleno proceso de escritura dunha nova novela: “Acabo de rematar a primeira parte, quédame a segunda metade e estou metidísima. Ademais, é curioso, porque empecei esta novela ó fío co pulso de ‘Ultraluz’ e está todo conectado, como unha pota burbullando. Non é que sexa unha continuidade, pero é o meu universo, que está sempre presente”, adianta.

Suscríbete para seguir leyendo