Entrevista | Bibiana Candia Escritora premiada co Almudena Grandes

“Quero buscar as zonas máis grises do ser humano”

“Interésame a literatura como desasosego”, sinala a autora de “Azucre” que vai ser publicada en Italia, Polonia, Francia e Rusia en breve

A escritora Bibiana Candia

A escritora Bibiana Candia / Lorena Campillo

Mar Mato

Mar Mato

A concesión días atrás do premio Almudena Grandes (da Asociación de Libreros de Madrid) á obra “Azucre” da galega Bibiana Candia –editada en español por Pepitas de Calabaza e traducida recentemente ao galego por Kalandraka– é un chanzo máis na listaxe de galardóns dun libro que tamén foi distinguido na Semana da Novela Negra de Gijón. A historia ferinte, pero contada dun xeito poético, duns mozoulos galegos do século XIX que emigran a Cuba, para cortar cana de azucre, e que acaban escravizados, en situacións iguais ou peores que os negros da época, fai reflexionar sobre a famosa frase de Hobbes: “O home é un lobo para o home”.

–Como se sente ante o último premio colleitado.

–Estou moi contenta e moi agradecida polos lectores e os libreiros que apoiaron “Azucre” dende o principio. Normalmente hoxe unha novidade na industria do libro dura un mes nas librarías como media pero nós levamos ano e medio e iso é un triunfo impresionante.

–Hai máis linguas agardando por ela?

–Agora mesmo vai saír en polaco, francés, italiano e ruso. Estou contenta de que na tradución ao francés a persoa encargada é o tradutor de Álvaro Cunqueiro e de Torrente Ballester, Claude Bleton. Estou moi contenta de que esta historia interese alén das fronteiras. É unha confirmación de que a literatura volve universais os temas.

–Débese quizais a que o sufrimento da xente humilde é algo que se entende en todo o mundo?

–Estou segura de que ten que ver con iso. Ao final, a miseria, a pobreza, a necesidade de emigrar é un sentimento universal e todos os países nun momento dado pasaron por iso. É unha maneira de verse e atoparse nas vidas dos outros.

–Na nota final da versión en galego, sinala que o libro “empezou a existir” cando Inma Gende lle falou dos galegos escravos.

–Eu cheguei de maneira casual a esta historia porque un día unha amiga me falou desta historia para que eu escribira un artigo nalgunha das revistas para as que colaboro como a “Jot Down”. Eu nun principio mostrábame escéptica e ela envioume o primeiro fío, un link a un documental en RTVE, “Gallegos por esclavos”. No primeiro momento, non podía crer que aquilo fose verdade. A partir de aí, empecei a investigar en arquivos dixitais. A miña amiga non sabía que me fixo un dos mellores regalos que me podía facer, por iso quixen que ela estivese aí tamén.

Bibiana Candia naceu n'A Coruña no 1977. Ademáis de "Azucre", publicou os peomarios "La rueda del hámster" e "Las trapecistas no tenemos novio". Tamén é xornalista.

–O nome e vida de Orestes e dos outros rapaces beben do listado real de escravizados?

–Os rapaces son absoluta ficción e todas as penitencias polas que pasan na novela están documentadas: como chegaron a Cuba, como os levaban en cuadrillas de 25 rapaces, que algúns escaparon... Fixen a propósito que os nomes foran ficción porque non quería apropiarme da memoria das persoas. Decidín documentarme para que o marco das circunstancias fora o máis próximo á realidade posible.A parte divertida da literatura é crear personaxes nos que a xente pode recoñecerse ao tempo que a ficción serve para contar a verdade.

–Sinala no remate que o galego Urbano Feijoo Sotomayor estaba “implicado nesta empresa fraudulenta criminal”. Tiña claro dende o principio que non o ía incluír na novela?

–Tiña claro que ía ser como un fantasma nesta historia porque el xa falou todo o que tiña que falar. El tivo intervención nas Cortes; pero os rapaces non.Quería limitarme unicamente ao punto de vista deles e non quería que el lles quitara protagonismo. Eles foron os únicos que non falaron nesta historia e só había que darlles voz a eles.

–Por veces, a novela transita no realismo máxico. Quería facer así máis dixerible este relato tan tremendo?

–Parte da intención era esa. Cando pensaba como podía ser a novela, quería tratar de recompoñer a voz da historia, que os testemuños fixesen como un gran testemuño colectivo que fora viaxando no tempo e que fora como esas cantigas que se dicían nos mercados e nas feiras. Para que soase galego, tiña que ter uns compoñentes importantes de poesía e de algo sobrenatural nalgún momento para darlle un sabor máis noso e para facelo dixerible. A historia é terrorífica, foino. Se non a alixeiráramos non seriamos quen de lela ata o fin sen unha parada.

–Emprega unha linguaxe e uns recursos estilísticos que enriquecen a narración pero alén diso, como escritora, sufriu ao desenvolvela?

–Non se pode falar de sufrir. Si, foi un libro complicado de escribir polo desafío lingüístico que ten. Agradezo moito que o tiveras percibido. Relata unha historia moi tremenda e para narrala hai que meterse na pel desas persoas. Hai momentos moi escuros. É terrible pensar que esas cousas tan tremendas sucederon a persoas que poderían ser os teus antepasados.

–Que anda argallando?

–Outra novela que en certa maneira é un espello de “Azucre” pero non é unha continuación.

–Que procura na literatura?

–Eu defendo que a literatura serve para desasosegar. Como crían Pessoa e Saramago, eu penso que nas historias que contamos hai unha parte de nós mesmas e é a que quero contar. Quero buscar as zonas máis grises do ser humano que dan significado á nosa realidade máis próxima. Interésame a literatura como desasosego e espello da identidade propia.

Suscríbete para seguir leyendo