O maior serán de Galicia retorna a Toutón e o Consello da Cultura réndelle homenaxe

Será o vindeiro sábado día 11 tras dous anos sen celebrarse | Diversos colectivos lanzan a niciativa popular para convertir “A miña burriña” na canción do verán

m.m.

Tras dous anos sen celebrarse pola pandemia, o Serán dos Namorados retorna o que está considerado como o maior serán de Galicia, o de Toutón en Mondariz (Pontevedra). Será o sábado 11 a partir das oito da tarde cando se celebre a edición número 25 -inda que se está a publicitar como a XXV+II- desta cita de música galega.

Porén, ás 19.00 horas está prevista a proxección da primeira peza audiovisual da web serie documental “Axudádeme a cantar” co que o Consello da Cultura quere “poñer en valor o canto acompañado con percusión de man” no que a literatura oral é protagonista.

O Consello busca homenaxear a xente de Toutón, de aí que o primeiro capítulo sexa “O serán en Toutón: pasado e presente da festa tradicional”. Nel aparecen cantando, falando e tocando Lucinda Barcia Garrido e a súa filla Montse Alvariño.

No traballo audiovisual, relatan como os seráns na zona se deixaron de facer no 1965 para retomarse a finais dos 90. A peza do proxecto de Carme López, Renée dePalma e Xulia Feixoo pode verse en http://consellodacultura.gal/especiais/axudademe-a-cantar.

Por outra parte, con motivo do Centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos –que traballou na recuperación do cancioneiro popular–, queren renderlle homenaxe tamén ás agrupacións musicais tradicionais.

Convocatoria en Santiago o 25

Por todo isto, convócase o 25 de febreiro ás 12.00 horas na Igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela a unha ofrenda a Rosalía de Castro para lembrar tamén a Manuel Murguía.

Esta proposta parte da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Cantigas e Agarimos, Toxos e Froles, Os Melidaos, Cantares de Brión, As Abeleiras de Alxán, Coral de Ruada e SondeSeu.

Tamén piden reiniciar o proceso para declarar BIC a música tradicional galega; e que as corporacións contraten máis grupos folc do país. Por último, plantexan que “A miña burriña”, canción preferida de Paco del Riego, homaxeado polas Letras Galegas, sexa incluida no programa das agrupacións este ano.