O Consello da Cultura Galega elixe Vigo para o seu Concerto das Letras deste ano

Zumalave dirixirá a Real Filharmonía de Galicia, que interpretará obras de Reveriano Soutullo, Bal y Gay e unha peza nova de Brais González | Non faltará “A miña burriña”

Abaixo, Rosario Álvarez (d) e Cores. Arriba, Zumalave (1d), Amoedo (c) e González (e) .

Abaixo, Rosario Álvarez (d) e Cores. Arriba, Zumalave (1d), Amoedo (c) e González (e) . / MARTA G. BREA

Mar Mato

Mar Mato

Se don Paco del Riego estivera connosco, de seguro daría os parabéns ante a homenaxe musical que dende o Consello da Cultura Galega lle van ofrecer na véspera do Día das Letras Galegas: un concerto da Real Filharmonía de Galicia que interpretará obras de Reveriano Soutullo, Bal y Gay e unha nova peza do compositor galego Brais González. Este último, ademais incluirá “A miña burriña” nas voces do Coro de Cámara Rías Baixas.

Esta era a cantiga tradicional preferida do patriarca, aprendida da tradición familiar. O homenaxeado este ano polas Letras gustaba de comezar a cantala e ser secundado no resto dos versos de cada estrofa cando estaba nunha celebración nun ambiente amigable.

Co paso do tempo a xente xa lla pedía e moitas persoas en Vigo tomaron o gusto pola cantiga grazas a Don Paco quen puña moito sentimento ao entoala. Xunto a “Negra sombra” e o himno galego foille agasallada no seu 97 aniversario (día 7 de xaneiro de 2010) na Praza Compostela de Vigo onde viviu ata os seus últimos azos.

“A miña burriña” formará parte da estrea dunha sinfonía pequena, ‘Sinfonietta’, composta para o Concerto das Letras polo vigués Brais González. Este musicou dous textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto que fan referencia a Del Riego.

Paco del Riego

Paco del Riego / Javier Rodríguez

Así o explicou onte na rolda de prensa de presentación do programa musical (en cuxa preparación colaborou o músico Alejo Amoedo), á que asistiu tamén a presidenta do Consello, Rosario Álvarez, quen resaltou o querido que era Fernández del Riego.

Este será o colofón do concerto que comezará coa “Suite Vigo” de Reveriano Soutullo cuxos últimos anos coincidiron coa mocidade de Del Riego. “A música de Soutullo lévanos ao mundo da zarzuela pero tamén incluímos a outro galego, un lucense como Don Francisco, que é Bal y Gay e que está nas antípodas de Soutullo”, sinalou o director asociado da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalave, quen explicou que de Bal y Gay escoitaremos o “Concerto Grosso”.

“É unha obra en estilo neoclásico marcada pola corrente artística despois da revolución que supuxo Stravinski –con quen coincidiu na Residencia de Estudiantes– . É unha peza homenaxe a Bach (...) con catro instrumentos de vento-madeira que son protagonistas, frauta, oboe, clarinete e fagot. É unha obra realmente difícil que nunca se tocou en Vigo”, engadiu Zumalave.

Por último, na presentación, María Teresa Cores, coordinadora da área de Cultura de AFundación, recalcou o “querido” que era Fernández del Riego para a entidade.