Manuel Bragado: “Viviremos mentres haxa alguén que nos recorde”

O columnista resaltou que “Vigo durante tempo foi a quinta ou sexta localidade do Estado en produción editorial” | Presentou o seu novo libro “Vigo, abella de ribeira”

Oriana Méndez, Bragado e Fran P. Lorenzo. |  // JOSE LORES

Oriana Méndez, Bragado e Fran P. Lorenzo. | // JOSE LORES / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

“Viviremos mentres haxa alguén que nos recorde. Dalgún xeito, esa fonte poderosa de memoria é a razón de ser destes textos”, sinalou onte Bragado sobre os artigos seus publicados en FARO DE VIGO e recompilados no libro “Vigo, abella da ribeira” (Xerais), que onte foi presentado no Club FARO.

Presentado pola poeta e profesora Oriana Méndez (epiloguista) e por Fran P. Lorenzo (prologuista), e con ampla presenza de familiares, amigos e xente destacada da cultura como Méndez Ferrín, Ledicia Costas, Bieito Ledo, Antón Pulido, Fran Alonso ou Xosé María Palmeiro, entre outros, Manuel Bragado sinalou que “Vigo é unha cidade que se caracteriza por saber facer barcos, automóbiles e por editar libros. Durante bastante tempo foi a quinta ou sexta localidade de Estado español en produción editoria e na edición moderna continuamos sendo a capital editorial de Galicia”.

Continuou expresando que “é unha idea que sempre tratamos de defender ao continuar a historia de Galaxia, un proxecto creado no 1950 moi relevante, así como o de Monterrei de Xosé María Álvarez Blázquez ou como foi Edicións Castrelos. A estas se sumarían nos anos 80 Xerais, A Nosa Terra, Ir Indo, Nova Galicia...”.

Tamén tivo verbas de recordo da editorial Cíes de Eugenio Barrientos, entre 1940 e 1956, que denominou como “caso singular”. Foi nela onde se publicaron as novelas de vaqueiros de Marcial Lafuente Estefanía.

Sobre este proxecto, reflexionou que “hai algo heroico en como se editaban en Vigo millóns de exemplares. As portadas facíanse en Barcelona, os interiores imprimíanse en Bilbao e viña todo o material a Vigo en tren e volvía distribuírse a toda España. Era incrible. Os cataláns de Bruguera botaron o ollo a este proxecto e aos autores e desapareceu. Iso está neste libro e no documental de Xosé Ballesta onde ten unha presenza destacada Ferrín quen sabe realmente desta historia”. Bragado mencionou tamén a Eugenio Kraft quen fixo “unhas edicións moi fermosas e coidadas”.

En canto á escolma de artigos, sinalou que “o que ides atopar nestas páxinas”, son 80 crónicas publicadas na súa columna “Campo de Granada” en FARO DE VIGO. “Desta volta pretendín que todas foran sobre persoas comprometidas na construción de Vigo como proxecto comunitario, colectivo, como cidade”, engadiu para calificalas tamén como “biografías”.

Por suposto, Bragado deixou claro que con estes artigos o que pretende é “afondar na identidade do Vigo como cidade portuaria atlántica onde todo chega e onde todo marcha polo barco”. Tamén resaltou que procurou cos escritos de opinión a “esculca identitaria sobre unha cidade que queremos que forme parte de Galicia, que sexa motor e acubillo”.

No caso de Oriana Méndez, a escritora apuntou: “Como as prosas de Bragado, os seus lectores somos tamén diversos e complexos pero coincidentes nunha cuestión que nos identifica: comprácenos ver Vigo como un ecosistema creativo; comprácenos escoitar a súa respiración e sabernos unha parte activa do ritmo da cidade”.

“Esta non só é unha cidadanía que desafía un océano, é un hábitat colectivo de tensións. Construímos unha cidade fragmentaria aínda con feridas abertas e coas fisuras á luz.”, engadiu.

Pola súa parte, o escritor e xorbalilsta Fran P. Lorenzo, asesor no Ministerio de Traballo e Economía Social que se trasladou de Madrid a Vigo onte para o acto, expresou que “Vigo, abella da ribeira”, “é un libroimportante por varias razóns. Fala de nós e interpélanos. Hai que recomendar a súa lectura porque é erudito e está ben escrito, o que non é común”.

Engadiu que esta obra presenta “unha narrativa de orgullo de pertenza”. Tamén se referiu aos temas que trata e que calificou como “importantes nunha cidade que desprecia a súa historia e memoria” e que adoita escoitar frases como “Vigo naceu onte” ou “Vigo non é bonito, os seus arredores si”.

Un faro da edición contemporánea cun avó que lle facía os marcos a Torras

Manuel Bragado, convidado por Fran P. Lorenzo, fixo un perocorrido pola súa árbore xenealóxica. Ante un nutrido auditorio, lembrou como un dos seus avós foi ebanista dos marcos dos cadros do pintor Luis Torras. “Desde que sei isto son máis facendoso”, sinalou.

En canto ao título do libro, “Vigo, abella da ribeira”, Bragado explicou que se fixou nun verso dun soneto de Lueiro Rey dentro dun poemario premiado nos Xogos Florais da cidade olívica en 1960 escribiu: “Vigo pujante con la frente erguida le regaló el trabajo, el campo, el puerto para ser la abeja de la orilla”.

Tamén tivo verbas para a capa do libro que mostra os Anxelotes no Paseo de Alfonso, esculpidos por Camilo Fernández “O Roxo” (precisamente, un dos asistentes á conferencia se presentou como fillo do artista no tempo das preguntas).

O columnista do diario decano do Estado español é un dos faros editoriais da Gallicia.Inda que retirado de Edicións Xerais onde durante décadas fixo que viran a luz milleiros de libros, algúns fitos da literatura galega contemporánea, seguirá a ser un referente histórico no eido.

Actualmente traballa como orientador no CEIP Laredo e Cedeira de Redondela, ademais de ser presidente da Fundación Luzes e secretario da asociación Premios da Crítica de Galicia.

Este colaborador de FARO DE VIGO xa publicara “Vigo, puro milagre”, no ano 2019. Nel, ofrecía unha amalgama coidada de 75 artigos publicados na súa columna semanal en FARO DE VIGO “Campo de Granada”. Con eles, o que procura é atopar a identidade de Vigo, a súa patria.