Unha mostra repasa a pegada de Galicia en celebridades coma Einstein, Hemingway ou Buñuel

Comisarida por Antón Reixa e Xosé Luis García Canido, é unha das novidades da programación no Gaiás neste primeiro semestre

Anxo M. Lorenzo (c.), onte na presentación do programa de actividades do Consello da Cultura. |   // FDV

Anxo M. Lorenzo (c.), onte na presentación do programa de actividades do Consello da Cultura. | // FDV / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A mostra “Detrás do espello. Galicia na obra de autores foráneos do século XX”, proxecto comisariado polo comunicador e xestor cultural Xosé Luis García Canido, e polo músico, autor, produtor e director audiovisual Antón Reixa (recoñecido en 2001 coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes), é unha das grandes novidades da programación expositiva do Museo Gaias e repasará a pegada de Galicia na obra e vida de ata 50 celebridades como Einstein, Hemingway, Borges ou Cortázar.

Así se anunciou onte no avance do programa de actividades da Cidade da Cultura para o primeiro semestre do ano, no que se desenrolan unha vintena de exposicións e intervencións artísticas e paisaxísticas, o reforzo do seu programa de residencias artísticas REGA e unha destacada aposta pola itinerancia dos seus contidos culturais, que chegarán a cidades como París, Cáceres, Vigo, A Coruña ou Lugo.

A mostra comisariada por Reixa e García Canido será en marzo para “explorar o vencello singular con Galicia, e a pegada da nosa terra na súa obra, de 50 nomes imprescindibles da ciencia e da cultura universal, dende Einstein a Hemingway, Cortázar, Isabel Coixet, García Márquez ou Luis Buñuel”, apunta o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, que participou na presentación do programa xunto á directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Dentro desta programación, o Museo Gaiás sumarase en xuño á conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos, coa exposición “Luz na Terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936)”, comisariada polo catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e membro numerario da Real Academia Galega Ramón Villares. No marco das actividades de conmemoración do 30 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) chegará unha terceira exposición.

Por outra banda, a Biblioteca e o Arquivo e Galicia desenvolverán una completa programación expositiva para poñer el valor os fondos de ámbalas institucións, que inclúen incunables, mapas antigos, unha colección de facsímiles, prensa histórica, fotografías ou postais. Así, este mes a Biblioteca de Galicia inaugurará unha mostra con motivo do Día da Ilustración adicada a María Dans. En maio, o protagonista será Francisco Fernández del Riego, nunha mostra con motivo do Día das Letras Galegas. Por parte do Arquivo de Galicia, inaugúrase en marzo a mostra “Voces Esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo”, e, en xuño, una segunda exposición con motivo do Día Internacional dos Arquivos.

As previsións para este comezo de ano complétanse coas mostras “Camiños Creativos” e “De lugares e cousas” –que aínda poden visitarse ata abril no Museo Centro Gaiás– e coas novas intervencións artísticas e paisaxísticas –nos seus espazos exteriores–, cunha cuarta edición do ciclo “Reb/veladas na paisaxe”.

Anxo M. Lorenzo destacou, ademais, que o Gaiás continuará a expandir a súa actividade con novas itinerancias expositivas. Deste xeito, mañá inaugúrase no Palacio Toledo Moctezuma de Cáceres a mostra “A Vía da Prata. Aires do Sur”, que poderá visitarse ata abril; e a semana próxima, “Foi un home. Laxeiro en América. Buenos Aires (1950-1970) acada unha dimensión internacional coa súa chegada a París, na que será a última das súas estadías, que a levaron a Lalín (terra natal do artista), Madrid e ao Museo Centro Gaiás.

O proxecto “Cidades no tempo”, comisariado por Manuel Gago e desenvolvido en colaboración con Afundación, sumará tamén novas itinerancias e chegará a Vigo a finais de ano.

Os contidos dixitais serán outra das apostas deste ano. “A Cidade da Cultura está xa a traballar na definición do proxecto do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia”, anuncia o director xeral de Cultura. Tamén se seguirá a ampliar a instalación inmersiva Galiverso, coa incorporación de novas experiencias.