“Trans” e “cis”, entre as 400 novas entradas do Dicionario da Real Academia Galega

Inclúe tamén neoloxismos como “idadismo” e estranxeirismos como “jacuzzi” e “zápping” | A nova aplicación en liña xa pode descargarse para dispositivos Android e iOS

“Antropoceno”, entre as 400 novas entradas do Dicionario da Real Academia Galega

“Antropoceno”, entre as 400 novas entradas do Dicionario da Real Academia Galega / REDACCIÓN

Redacción

O Dicionario da Real Academia Galega (RAG) incorpora preto de 400 novas entradas, ampliacións e modificacións e estrea nova aplicación, que xa pode descargarse para dispositivos Android e iOS, informou onte a RAG. A última actualización do repertorio inclúe neoloxismos como “idadismo”, “trans” e “cis”, e estranxeirismos como “mandala”, “jacuzzi” e “zápping”. Tamén entran no Dicionario voces e locucións que designan realidades, produtos ou servizos cotiáns como “deporte electrónico”, “alfábega”, “alfarroba”, “tren de proximidade” ou “deporte electrónico”.

O Dicionario da RAG rematou o ano 2022 con case 35 millóns de consultas e a incorporación de preto de 400 cambios entre novas entradas, novas acepcións en lemas xa rexistrados e modificacións de redacción das definicións. O repertorio dispón dende a semana pasada dunha nova aplicación para dispositivos móbiles, para Android e iOS, desenvolvida co apoio da Fundación Barrié, que simplificará o acceso ás futuras actualizacións.

As últimas incorporacións ao Dicionario son froito do traballo de revisión constante desta ferramenta fundamental da lingua galega que realizan os membros do Seminario de Lexicografía da RAG. Parte delas responde ademais ao diálogo que se establece cos usuarios e usuarias, que poden enviar as súas suxestións a través da lapela “Axúdanos a mellorar”. Entre elas figuran neoloxismos como idadismo e idadista, que se refiren á discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores; cis e trans, formas abreviadas de cisxénero e transxénero, que xa contaban con cadansúa entrada; deporte electrónico, que nomea a competición de videoxogos entre dous ou máis usuarios, fundamentalmente cando é practicada por profesionais e conta con moitos espectadores; ou aeroxerador, dispositivo que converte a enerxía cinética producida polo vento en enerxía eléctrica.

A crecente preocupación polo cambio climático está tamén coa entrada da voz antropoceno e das locucións quecemento global e efecto invernadoiro.

Outras palabras designan produtos de uso cotián na cociña como alfábega, a forma galega para se referir á planta aromática Ocimum basilicum, ou de crecente popularidade, como a alfarroba, froito cuxo consumo se está a estender como substituto do cacao.

Hai tamén actualizacións que completan familias léxicas e que, malia seguiren as regras de formación de palabras propias do galego por sufixación, son motivo de consultas recorrentes por parte dos usuarios do Dicionario. Son así xa lemas do Dicionario expendedoría, lexibilidade, segredismo, solteiría, procedemental, actitudinal, competitividade, masaxear, titorizar ou versionar.

Tampouco faltan voces de vocabularios especializados pero de uso estendido por distintos motivos como incomparecencia, peticionar ou trabar embargamento ou embargo, no caso do léxico xurídico.