Sánchez Palomino: “Os dicionarios bilingües contribúen á normalización lingüística”

A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña ingresou onte como membro de número da Real Academia Galega

Mª Dolores Sánchez Palomino e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, con Marilar Aleixandre á esquerda.   | // RAG

Mª Dolores Sánchez Palomino e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, con Marilar Aleixandre á esquerda. | // RAG / Redacción

Redacción

A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña María Dolores Sánchez Palomino (San Vicente de la Barquera, Cantabria, 1961) ingresou onte na Real Academia Galega como membro de número nunha sesión extraordinaria celebrada na sede da institución, na Coruña. A filóloga, directora do novo dicionario castelán-galego que a RAG ofrecerá proximamente en liña, defendeu na súa intervención a necesidade de que as academias aposten polos repertorios bilingües. Deulle resposta en nome da institución o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, quen afirmou que a nova académica “vai ser un esteo fundamental no traballo lexicográfico da Academia”.

“Xunto á misión de establecer a variedade estándar dunha lingua, as academias teñen outra moi importante: a de procurar a normalización lingüística, e os dicionarios bilingües contribúen de maneira significativa ao cumprimento desta misión”, advertiu Mª Dolores Sánchez Palomino no discurso titulado “Ten sentido unha lexicografía académica bilingüe? [De lexicografía e Academias]”. “A lexicografía bilingüe non debería ser descoidada polos organismos académicos, en particular por aqueles que se encargan de linguas inmersas en procesos de estandarización e normalización. A RAG non o fixo e consideramos que este feito debe ser recoñecido como unha achega moi valiosa da institución”, concluíu.

Por outra banda, o pleno da RAG nomeou a Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) membro de honra. A catedrática emérita de Español na University of Maine e responsable do Centro de Estudos Galegos de dita universidade foi a primeira directora da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos), traduciu obras do galego ao inglés e desenvolveu investigacións sobre as letras galegas que tamén contribuíron á súa proxección internacional. O nomeamento produciuse no pleno ordinario celebrado antes da sesión extraordinaria pública de ingreso de María Dolores Sánchez Palomino como académica de número.