O tradi galego reafirma o seu idilio co reggaeon e a electrónica

Sheila Patricia, que actúa hoxe en Baiona, representa a fusión do tradicional coa electrónica | O Rabelo atrévese coa mistura co reggaeton con consignas trans nas letras | Son parte da nova fornada da música de raíz do país

Sheila Patricia, nunha foto promocional

Sheila Patricia, nunha foto promocional / Aitor Ramos Soto

Mar Mato

Mar Mato

Este 2022 que xa está na conta atrás para o seu remate foi sen dúbida un ano determinante para o tradi e a súa fusión. Comezamos soñando con que as Tanxugueiras levaran a música tradicional galega e en galego pero renovada a Eurovisión –inda que trapalladas varias o impediron–; Baiuca seguiu afianzando o seu magnetismo polo mundo e a península e outras artistas como O Rabelo e Sheila Patricia (Premio Martín Códax este ano que hoxe actúa en Baiona no Auditorio V Centenario a partir das 18.00 horas) levaron a música tradicional alén do repertorio e musicalidade de sempre para conectar máis co século XXI e as novas xeracións . Falamos con elas para coñecer máis sobre as súas traxectorias, as súas arelas e obxectivos.

Sheila Patricia, nunha foto promocional.   | // AITOR RAMOS SOTO

O Rabelo, nun vídeo coa camiseta Falas castelhano como quería Franco / Youtube

Sheila Patricia tras actuar esta semana en Barcelona nun festival chega hoxe a Baiona para o peche de xira do seu último disco, “Orixe”, co que logrou un Premio Martín Códax. O álbum autoeditado é un agasallo de cancións tradicionais con sonoridades electrónicas pero tamén da América do Sur e fado.

A artista de Vilaboa lembra os seus inicios musicais, primeiro, como gaiteira na Asociación do Entroido de Cobres participando co instrumento e posteriormente como dama na tradicional danza.

Sheila Patricia –para quen a música “é a súa forma de vida; éo todo, tamén o meu resgardo”– a mestura entre folk e electrónica xurdiu no ano 2017. “A verdade, sinala, tiña ganas de saír do máis clásico para experimentar. Afortunadamente as dinámicas e as modas da música actual viñeron a favor nosa”.

En resposta aos puristas que poden temer que a fusión deturpe o repertorio tradicional, Sheila Patricia reflexiona: “Pouco lles podo dicir. Na tensión entre a vangarda e o tradicional é onde as cousas se manteñen. É como estar tirando dunha corda polos dous lados. Se tiramos todos de ambos lados mantense pero se non...”, cae.

En “Orixes”, entre os temas incluídos, atopamos “Maneo de Caión”. “É similar á xota pero cunha maneira de tocar diferente da zona de Bergantiños. Coñecín este tema nos 90 con Carlos Núñez”, sinala.

Outro maneo é “Eido”. Nel, os tambores e a percusión son un dos puntos fortes. “É un tema que pretende reclamar as cousas de noso. Por iso, foi gravado nun alpendre en Vilaboa, o meu pobo”, lembra.

Sexismo coas artistas femininas

No electro-tradi, a mensaxe tamén importa. No caso de Sheila Patricia sinala o sexismo coas artistas femininas: “Ás mulleres pídesenos que mostremos o corpo, que esteamos perfectas, cousas que a eles (aos homes) non se lles pide. Fisicamente, son o menos canónica que hai inda que teño moito de normativo. A miña mensaxe é que dá igual o corpo que teñas, ti podes bailar, cantar e ser bonita con calquera talla”.

Esa temática feminista tamén se vive co tema “A moura”. “Compúxeno con coplas populares pero a música é miña. Tiña moitas ganas de bailar un ritmo que me gustara e quería poñer a xente a bailar. A moura está inspirada nun mito e quería reivindicar a esta muller que nin é virxe nin é santa, senón que anima a gozar. Representa algo sagrado pero non ten que ver coa castidade. É unha muller que non queda ancorada a ningún home”, conclúe.

Curiosamente, sobre a moura tamén trata un tema de O Rabelo, finalista do Martín Códax en música urbana este ano. Dende Cerdedo (Pontevedra), lembra como se iniciou na música co seu irmán na nenez. “Con dez ou once anos entrei na Asociación Folclórica Celme”, engade.

A moura trátase na “Rumba do Pam” cun vídeo moi orixinal que se pode ver no YouTube nun tema con Petrowski e Eva Outeiro. “Sampleamos unhas gaitas dunha recolleita do disco ‘Raiceiras’. Eu quería un reggaeton con base tradicional, por iso, empeza cun pandeiro e incluíndo despois a gaita. Despois, collo para as coplas a melodía do pasodoble de Toutón. A canción fala de facer a festa, tamén de cortexo. No vídeo aparecen persoas trans, disidentes e dúas cis. Nós tamén contamos a historia da moura de nova, de idade media e de vella cunha bacanal con seres estranos, mitolóxicos. Cada quen foi creando o seu personaxe drag para o vídeo para facer unha festa trans-mitolóxica, todo rodado en O Portalén, en Cerdedo, cunha carga mitolóxica moi grande”.

Respecto o de querer mesturar trap, electrónica e tradicional, sinala que “gustabame moito o tradi, o rap e o tecno. Atraiame facelos. Non tiña sentido facer música doutros lugares do mundo e pensei que se facía música esta tiña que ter relación co lugar de onde eu son”.

A regueifa, como orixe

Primeiro co nome artístico de A Rabela, comezou esa andaina “nun encontro de regueifas. Sechu Sende un día dixo que non existían vídeos en YouTube improvisando en galego. Como eu o facía fixen un reto comigo mesmo subindo un vídeo improvisando durante 21 días no Instagram. A raíz diso, coñecín a Silvia de Flow de Toxo e ela animoume a gravar temas. A primeira canción fue ‘Fastío’”.

Co tempo, pasou a ser O Rabelo. Sobre ese cambio, sinala: “Son unha persoa trans. As transicións son toda a vida. Cando empecei a nomearme en masculino pasei a ser O Rabelo”.

Acabaría chegando “Suor “, o seu primeiro disco, no que quería gravar reggaeton con tradi, apoiada polo Petrowski e tras conseguir o apoio necesario vía crowdfunding. O título conecta coa xente da rúa que traballaba e chegaba aos seráns tras suar para seguir suando neles pero bailando. Ademais o disco é bastante porco, hai moitas referencias sexuais e fago así referencia a que dous corpos se xunten”.

Entre os seus hits, podemos escoitar a súa visión particular de “Palmira” en clave reggaeton. “No retrouso tradicional dáse unha versión rancia de Palmira, eu quería dicirlle que quería ligar con ela. Unha cousa chula da música urbana é que as letras son explícitas”, subliña.