Nace Boadicea, a nova editorial galega para libros de ciencia ficción e fantasía

Entre as primeiras obras publicadas, o clásico “Ubik”, unha obra para a mocidade sobre a mitoloxía galega e un conto para a cativada cun biosbardo como protagonista

José Manuel Dopazo e Alba Rozas, no Culturgal.

José Manuel Dopazo e Alba Rozas, no Culturgal. / M.M.

Mar Mato

Mar Mato

Conta a historia que Boadicea era unha ferreira e raíña celta que se enfrontou ao Imperio Romano ao que esmagou nunha primeira batalla para, na segunda, decatarse de que ía saír derrotada. Esta idea de non poder obter victoria levouna á drástica decisión de suicidarse con veleno. “Que hai máis suicida que montar unha editorial en Galicia de ciencia ficción!”, pregunta de forma retórica José Manuel Dopazo, un dos tres fundadores de Boadicea Editora.

Con sede en Lalín (Pontevedra), ademais de Dopazo, traballa nela Alba Rozas –ambos os dous filólogos– e Marcos López, este último máis centrado nas tarefas burocráticas e contas do selo.

Tanto Dopazo como Rozas veñen doutras dúas editoras galegas dedicadas ao xénero fantástico e do terror, Urco Editoria e Contos Estraños, que dende hai un tempo teñen paralizada a actividade o que os levou a querer crear un selo ao seu xeito na mesma liña.

Con Boadicea dan “un salto xeracional” xa que non só buscan o público adulto senón que tamén se fixan nos adolescentes e na rapazada.

"É necesario cubrir un oco na literatura galega na que non hai nada de ciencia ficción en fantasía a día de hoxe"

“O tipo de obras que publicaban Urco e Contos Estraños estaban libres de dereitos porque procedían de escritores, maiormente homes vellos, mortos hai moitos anos. A nosa idea é traer xente máis nova, viva; o que supón un gasto máis grande, xa que teñen dereitos de autoría. Tamén queriamos atraer mulleres”, explica Dopazo.

Como proba, para o ano vindeiro publicarán varias entregas das novelas do mundo de Terramar de Ursula K. Leguin (1929-2018).

Dende a editora, resaltan que “Ursula é impresionante, é a dama da ciencia ficción e da fantasía, un referente a nivel mundial, unha referente bestial”.

Non obstante, o primeiro libro publicado por Boadicea foi este outono “Ubik”, de Philip K. Dick (1928-1982), unha novela referente do ciberpunk “considerada por Time Magazine como unha das mellores cen novelas da historia”, explica José Manuel Dopazo.

"Ubik"

"Ubik" / Boadicea

“Philip, engade, é un dos pais da ciencia ficción. No galego, están traducidas con esta tres das súas obras”.

Xa pensando no público xuvenil, o sele editorial pon en marcha unha colección enfocada aos estudantes de Secundaria con xéneros e subxéneros de ciencia ficción, terror e maxia e piratas. Un exemplo é a obra “A caída de Guiomar”, de Alba Rozas, que trata a fantasía época galega “ao estilo do Hobbit pero con temas de noso”, resalta Dopazo.

Outro título coidado é “O biosbardo e os paxaros sen cor” (que no mesmo volume se presenta en galego, portugués e inglés), que o editor describe como “un relatiño de fantasía para rapaces de ata seis anos para que aprendan as cores e os paxaros que nos arrodean en Galicia como a pita do monte,a pega, o picapeixe... O biosbardo vaille sacando unha cor a cada un para engalanarse el con elas”.

Tras estas explicacións, Dopazo aproveita para aclarar: “Non facemos isto co afán de lucrarnos; todo o contario. É necesario cubrir un oco na literatura galega na que non hai nada de ciencia ficción en fantasía a día de hoxe. Nós queremos cubrir esa necesidade”.

Suscríbete para seguir leyendo