Galicia, 1923: cen anos non son nada

2023 achégase cunha lista de efemérides culturais na recámara, como o centenario da morte de Manuel Murguía ou o nacemento do poeta Carlos Oroza ou o fotógrafo Manuel Ferrol

Retrato de Manuel Murguía

Retrato de Manuel Murguía / RAG

Patricia Hermida

Nun brindis eterno, chocan as copas de champán polas efemérides culturais do 2023. Co cáliz alzado vemos a Manuel Murguía, impulsor do Primeiro Rexurdimento e falecido na Coruña en 1923. Tamén descorcha botellas o fotógrafo por antonomasia da emigración galega, Manuel Ferrol que naceu nese mesmo ano en Cabo Vilán. E a celebración continúa na honra mesmo de edificios e películas: desde o extinto Atlantic Hotel ata unha película pioneira do cinema galego como Maruxa.

Na primeira festa asistimos en 1858 á voda entre Rosalía de Castro e Manuel Murguía: a matriarca das letras galegas e o adaíl da recuperación literaria-histórica do galeguismo (Rexurdimento). Novelista aos 17 anos, Cronista Oficial do país, primeiro presidente da Real Academia Galega... Murguía morreu en 1923 na Coruña, cidade que o agasallou profusamente no seu 80 cumpreanos.

Nese mesmo ano nacía Manuel Ferrol, que daría a volta ao mundo coa súa reportaxe fotográfica en 1957 sobre a emigración galega. No porto da Coruña, un home e o seu fillo choraban abrazados. A mesma serie incluía outras estampas eternas, como un sacerdote confesando a un pasaxeiro. Instalado na Coruña, con estudo en San Nicolás para vodas, bautizos e comunións; exercería como reporteiro para TVE ou Arriba.

A fotografía máis representativa de Manuel Ferrol.

A fotografía máis representativa de Manuel Ferrol. / MANUEL FERROL

Outra filla do 23, mentras en España os poetas se preparaban para a vangarda europea, foi Olga Gallego. Pioneira nos arquivos e na investigación, nos tempos da ditadura, presidiu a asociación de arquiveiros Anabad. A súa profesión era das poucas ás que podía acceder unha muller para obter independencia económica na época. Membro da Real Academia da Historia, tamén foi a segunda muller en entrar na RAG.

A investigadora e arquiveira Olga Gallego.

A investigadora e arquiveira Olga Gallego. / Iñaki Osorio

A esa xeración pertencen o arquitecto e pintor coruñés Antonio Tenreiro Brochón; ou o bardo vinculado a Vigo Carlos Oroza definido como Umbral como “el poeta maldito del Café Gijón”. Pero tamén edificios, películas ou institucións. O Seminario de Estudos Galegos nacía en 1923 en Ortuña (Ames) para ter unha existencia fugaz e fructífera de 13 anos ata a sangría da Guerra Civil.

O desaparecido Atlantic Hotel da Coruña.

O desaparecido Atlantic Hotel da Coruña. / LOC

Cen anos cumpre o Atlantic Hotel, demolido en 1967 ante o océano da Coruña: para o recordo queda o deseño de Luciano Delage Villegas a xogo co Kiosco Alfonso e La Terraza. E de centenario andará en 2023 a película Maruxa, melodrama amoroso de Henry Vorins estreado en Vigo. Unha cidade que, por certo, tamén brindará polo século do Celta.

Carlos Oroza.   | // MAGAR

Carlos Oroza. / Magar

UNHA ADICATORIA A FERNÁNDEZ DEL RIEGO

Xusto no 2023, a Real Academia Galega adicará o Día das Letras Galegas ao intelectual e activista antifranquista Francisco Fernández del Riego. A maiores cumpriranse 110 anos do seu nacemento, na mañá do 7 de xaneiro de 1913 na vila luguesa de Lourenzá: como maior dunha familia de once irmáns e “regalo de Reis adiado” como lle gustaba relatar. E tamén pasaron sesenta anos desde que se concederon as primeiras Letras Galegas: a Rosalía de Castro, e precisamente con Fernández del Riego como impulsor. O Ano Francisco Fernández del Riego, como indica a RAG, iniciarase oficialmente o 7 de xaneiro cos primeiros actos na súa vila natal de Lourenzá. Dentro de todas as festas do mañá, como cantarían na Velvet Underground, tamén hai cabida para publicacións desaparecidas como a vangardista Alfar nacida na Coruña en setembro de 1923.Só uns petiscos das celebracións culturais para o inminente ano.

Suscríbete para seguir leyendo