Finaliza con éxito a campaña de mecenazgo dunha aldea do Courel que ofrecía apadriñar ovellas

Vieiros logrou 15.615 euros, un tercio máis do que inicialmente precisaban

Nenos da aldea Vieiros, no Courel.

Nenos da aldea Vieiros, no Courel. / Roi Estévez (Verkami)

Redacción

A aldea Vieiros, no Courel, culminou con éxito a súa campaña de mecenazgo para lograr 15.615 euros, un tercio máis do que inicialmente precisaban. Fixérono con 348 aportacións que apadriñaron ovellas, cabuxas, mastíns e mesmo burros, ademais de adquirir imáns para a neveira ou excursións.

A iniciativa partiu das familias do lugar que comezaron no 2013 a repoboar esta aldea abandoada. Porén, o pasado verán, os incendios ameazaron moi de preto a poboación e os seus moradores colleron medo. Como solución, Roi Estévez e outros veciños decidiron que había que poñerse a fondo a desbrozar o monte da contorna para evitar novos sustos no futuro.

Pero para cortar fentos e toxos precisan gando e para compralo, unha cantidade importante de diñeiro que finalmente conseguiron grazas ás aportacións cidadáns.