Xogos que inspiran vocacións

Na campaña da Diputación “Grazas xoguetes”, cinco profesionais de Pontevedra agradecen aos seus divertimentos infantís terlles inspirado para elixir a súa profesión

África González, inmunóloga, nun cartel da campaña.

África González, inmunóloga, nun cartel da campaña. / R.V.

R.V.

A inmunóloga África González, a cineasta Emma Lustres, o bailarín Diego Landín, a futbolista Paula Dapena e o cociñeiro Pepe Solla lembran os xoguetes que lles inspiraron para elixir a súa profesión na nova campaña da Deputación de Pontevedra para a adquisición e uso de xogos e xoguetes igualitarios nas vindeiras festas.

Baixo o lema “Grazas xoguetes”, os cinco profesionais da provincia agradecen aos seus divertimentos infantís terlles inspirado para elixir a súa ocupación laboral, todas en ámbitos no que o seu sexo aínda está infrarrepresentado. Landín, Dapena e Solla participaron onte na presentación xunto a Laura Seara, de Red Talento Consultoras, creadora da iniciativa. Como destacou a presidenta provincial Carmela Silva, “é unha campaña única e moi relevante, que vai ter moito impacto. Levamos oito anos facéndoa e todas foron un éxito pero a deste Nadal é potentísima e moi impactante”. Amais, a campaña volve incluír un concurso escolar para elixir “O mellor xoguete do mundo” polo alumnado de 3º e 4º de Primaria.

“Grazas xoguetes por axudarnos a soñar sen estereotipos” reivindica a importancia e o decisivo papel dos xogos xoguetes na educación, no desenvolvemento da personalidade e na elección de futuras profesións. As distintas pezas da campaña amosan aos e ás citadas profesionais cos xoguetes que lles inspiraron e aos que dan as grazas por axudarlles a soñar e ensinarlles que podían ser o que quixeran. Pepe Solla xogou de neno cunha cociniña vendo a súa avoa; África González lembra o estetoscopio que tivo de regalo; Paula Dapena o balón co que xogaba de nena; Emma Lustres a súa primeira cámara de cine de xoguete e Diego Landín os peluches de animais bailaríns. Xunto ás frases de cada un, un lema común: “Este Nadal aposta polo talento das túas fillas e fillos, aposta por xoguetes libres de estereotipos”.

Carmela Silva agradeceu a participación de profesionais “tan relevantes, referentes a nivel nacional e internacional que van permitir co seu compromiso que xuntos e xuntas reflexionemos cando vaiamos mercar un xoguete”, e louvou o relato desta campaña: “Xogar marca a vida e o obxectivo é que nenas e nenos experimenten co xogo e poidan acabar sendo o que desexen libremente e que se abra un gran abano. Non só as nenas teñen pechadas moitas cousas que poderían ser e facer, senón tamén os nenos. Que todos e todas teñamos calquera decisión nas nosas mans, para poder construír unha vida de seres felices que fan o que lles gusta, o que soñaron cando xogaban”.

Suscríbete para seguir leyendo