félix caballero | Xornalista, investigador, autor de “A retranca, un intento de clarificación”

A retranca galega ten o seu libro e o seu autor avisa que "se está a perder"

“O seu fin é permitirnos saír dun conflito sen comprometernos”, sinala o autor que publicou a obra con Galaxia

Félix Caballero, onte en Vigo.   | // FDV

Félix Caballero, onte en Vigo. | // FDV / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

A retranca galega ben merecedora é dun libro neste século XXI. Quen vén de dar o paso cara a filosofía ao redor do termo é o xornalista, investigador e filólogo Félix Caballero que a analiza dende diferentes aristas. Este galego de adopción nado en Logroño xa publicara no 2012 “O humor galego alén da retranca”. Alí só lle dedicaba á retranca 20 páxinas. que agora decidiu ampliar nun volume editado por Galaxia que conta no prólogo con Siro. Este lembra como o escritor Wenceslao Fernández Flórez tratou o humor no seu ingreso na RAE ou como escribiu sobre el Celestino Fernández de la Vega no 1963 en “O segredo do humor”. Sobre ambos sinala: “Ningún filósofo español analizar o humor dun xeito tan orixinal”. Recoñece Siro que hai xente que o identifica coa retranca, de aí a importancia do libro de Caballero para “entender” este “don dos galegos”.

–Por que lle causa curiosidade?–

A retranca ten moito mérito. Eu defínoa como a habelencia para dicir o que un quere e non o que os outros esperan que diga sen que pareza mal. O principal nela é o que se agocha. Cando un non quere dicir o que pensa sobre algo pero tampouco mentir o que fai a través da retranca é dicir sen dicir nada e sen ofender a ninguén. Iso é moi difícil de facelo. É unha evasiva que non o parece. Ten outra virtude, a caritativa, de evitar un conflito. Un autor defíneo como forma de paz.

–Nas escolas de relacións internacionais e diplomacia do mundo quizais deberían incluíla no plan de estudos.

–Sospeito que ao longo da historia moitos diplomáticos galegos a utilizaron. O que pasa é que a retranca é unha característica propia da sociedade galega tradicional e estase a perder. Nas cidades hai outros organismos que se confunden con ela. Nas cidades non hai a retranca orixinal e xenuina.

–Logo, cre que pode estar en perigo de extinción?

–Seguramente. Falando con xente que sabe máis disto, con raiceiras galegas rurais de toda a vida coméntame que a retranca se está a perder nas cidades hoxe en día onde hai outros mecanismos que se confunden con ela como a sorna.

–E fóra de Galicia está presente?

–É algo moi galego polo tipo de sociedade que era. Quero dicir que noutras sociedades parecidas, agrarias, pequenas, pechadas, baixo o dominio cultural doutra cultura, tamén se daba esta retranca. En Irlanda, Gales e Escocia é tópico pero certo falar de respostas parecidas.

–No libro tamén cita os rusos e ucraínos.

–Si pero poño un comentario dun autor sobre Irlanda e Escocia. Tamén poño o exemplo da película de John Ford “O home tranquilo” que comeza cunha situación moi retranqueira. O filme é de Hollywood pero trata a Irlanda dos anos 50.

–Faime reflexionar que explique a retranca en contraposición á sorna, á ironía, ao sarcasmo...

–Máis dunha e catro persoas cando lean o libro van pensar que este home intentou fiar fino de máis. O que me parece claro é que a retranca non é humor propiamente porque non pretende facer rir nin sorrir, inda que a meirande partes das veces que escoitamos unha resposta retranqueira provócanos un sorriso. Esa non é a súa finalidade, senón defenderse, saír dun conflito sen comprometerse e sen intención burlesca nun principio. Por iso, a diferencio da sorna. Quizais ese sexa o capítulo máis polémico. A sorna é outra cousa. Paz Andrade ten un artigo sobre ela dicíndoo e ese artigo foi o que me inspirou este libro. A sorna é ofensiva. Son os comentarios nos que no fondo hai un pouco de burla, deféndese atacando.

–Vostede é de Logroño inda que leva vivindo na Galicia uns 30 anos, tense atopado con problemas ante comentarios retranqueiros?

–Home, a verdade é que sempre me sentín achegado a este tipo de mecanismos. Tampouco vou negar que ás veces aínda hai respostas ou situacións que me chocan. Levo 30 anos vivindo aquí pero en cidades. Hoxe en día a mentalidade en Vigo non é moi diferente da de Madrid, o que si é diferente supoño é entre unha aldea e unha cidade. No mundo rural, inda me descolocan ás veces.

Suscríbete para seguir leyendo