Elba Pedrosa vén de publicar “Agora que cala a noite” un libro con tres relatos que narran a historia dun acosador de mulleres, do machismo entre os mozos que non entenden o ‘non’ dunha compañeira ou as dúbidas de identidade sexual dun mozo. A escritora galega presentou onte o libro na Cidade da Cultura e falou con FARO sobre o peso do legado sociocultural nos esquemas do feminino e masculino e como incide na violencia de xénero.

–O título do libro “Agora que cala a noite” parte dun verso teu pero e a idea dos tres relatos?

–A portada do libro son as mariolas que representan os patróns de pensamento que temos e o libro é como un berro, destruturar o que está normalizado. A obra nace dun espertar que tiven como muller. Penso que moitas mulleres chegamos a unha idade e tras pasar por varias experiencias vemos que hai moitas cousas que levamos herdadas polo contexto sociocultural polas tradicións relixiosas e educación temos a conciencia de que hai moitas cousas normalizadas que non o son. Hai impedimentos nas nosas vidas que non nos deixaron proxectarnos como nos gustara. Escoito que hai mulleres contentas coas súas vidas pero non son conscientes das desigualdades nas que están inmersas porque os padróns callan tan fondo que non sempre somos conscientes. Eu tiven o espertar cando protagonicei no 2018 unha curta no que interpretaba a unha muller maltratada.

–No primeiro relato, “Meli”, a protagonista do mesmo nome coñece un home. Ten o presentimento que debe afasterse del pero cae. O mesmo contan moitas vítimas de violencia de xénero, que teñen presente a teoría pero ao final acabaron maltratadas.

–O libro falta de historias que temos moi próximas, mesmo nós. Normalizamos tanto estas situacións que caemos na mesma pedra e eles (os homes) tamén. É un tema educacional. Vén dende moi lonxe. Dende a antiga Grecia comenzaron a distribuírse uns papeis para os homes e outros para as mulleres. As mulleres, ademais, sufrimos isto e acabamos entendendo iso como parte do papel feminino que nos vemos ‘obrigadas’ a desenvolver. Por iso, adoptamos a posición de nai silenciosa, de respeto... Só ata que chegamos a estar afectadas cun nivel moi grande de intensidade non somos quen de saír de aí.

–Por que hai tanto silencio ao redor da regra, da menopausia, dos problemas de parella (inda que cada vez se vai falando máis diso)?

–Penso que cada vez son máis as voces que se alzan e rompen coa hipocresía. Chegou o momento de tomar as rendas.

–No segundo relato, “Pablo”, sitúanos nun momento entre unha moza e un mozo e o rexeitamento del a entender un non. El, nun momento, dille a ela que lle dá demasiada importancia ás palabras. E ela a el que é un machista e non o sabe.

–Hai que darlle importancia á palabra porque é un reflexo do noso pensamento e de aí pasamos aos comportamentos. Ninguén ten por que sentir medo, vergoña nin complexo de definirse como feminista.

–Que papel xoga o odio neste relato e na violencia de xénero?

–As emocións cando son tan extremas como o odio bloqueánnos. Fai que actuemos non conforme ao que racionalmente sabemos que procede. O medo fai que moitas mulleres silencien as súas voces. Non é racional, non o entendemos, pero chegan a estados emocionais tan intensos que provocan esa reacción.

–No libro un personaxe vai a rehabilitación para maltratadores.

–Ese é un camiño que debemos facer da man mulleres e homes se non nos imos chegar. É un problema das dúas partes. É importante a educación. Por iso o personaxe feminino non presenta denuncia senón que cre que a solución é a reducación.

–No último relato, vira para amosar as distintas visións da masculinidade.

–Os homes tamén teñen os padróns do masculino aos que moitas veces tenden a someterse. Vemos un home que dubida do que sente e do que quere na vida e que o leva a facer cousas que non quere.